"Queremos aire puro, nin mina nin cianuro" "Cianuro tururú, que o metan polo cú!" ou "A auga vale máis que o ouro". Foron algúns dos berros que escoitaron este domingo na multitudinaria manifestación que percorreu as rúas de Carballo contra o proxecto mineiro da multinacional canadiana Edgewater. Nunha xornada de sol milleiros de persoas, máis de tres mil segundo os organizadores, chegadas de todos os concellos das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte e tamén da Coruña, Compostela e doutras zonas de Galicia, completaron a marcha máis masiva das celebradas até hoxe.
En xuño convocarase unha manifestación nacional galega para protestar "contra todos os proxectos mineiros que están ameazando numerosas zonas de Galicia co apoio da Xunta"
Braulio Amaro, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto, destacou que "estamos enormemente satisfeitos pola numerosa participación e pola combatividade da xente". "As mobilizacións van seguir até que se paralice o proxecto", dixo. En maio haberá un macroconcerto contra a mina. E en xuño, ao redor do 5 de xuño, día mundial do medio ambiente, convocarase unha manifestación nacional galega para protestar "contra todos os proxectos mineiros que están ameazando numerosas zonas de Galicia co apoio da Xunta". A marcha recibiu igualmente mensaxes de apoio de colectivos que en Arxentina, Uruguai, ou Perú están sufrindo ameazas semellantes, e tamén de Asturias.
Braulio Amaro salientou "a boa nova" recibida esta semana coa decisión da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, de iniciar unha investigación de oficio sobre a mina ante a alarma creada polo informe publicado pola Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e a Universidade de Vigo. E tamén chamou a atención sobre o feito de que "a Xunta está nerviosa", o mesmo que os alcaldes que apoian o proxecto, ao ver as lagoas legais da mina e o rexeitamento que xera entre a poboación da comarca e entre os numerosos gandeiros da zona.
A marcha partiu pouco despois das 12 do Haley de Carballo e a pluralidade de apoios que recollera a súa convocatoria (dende as plataformas pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e Salvemos Cabana, até ás organizacións ecoloxistas Adega e Verdegaia, pasando polos sindicatos CC.OO, CIG ou SLG e as formacións políticas BNG, AGE ou CxG) reafirmouse na participación. Neste sendo, destacou a numerosa respresentación do BNG, encabezada por Xavier Vence, Francisco Jorquera ou Ana Pontón, e de AGE, con Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez e Consuelo Martínez. Tamén participaron algúns alcaldes da zona, coma Evencio Ferreiro (Carballo) e Manuel Antelo (Vimianzo), ambos os dous do BNG.
Ramón Varela, portavoz de Salvemos Cabana, celebrou que os representantes dos partidos "non encabezaran a marcha" pois a eles "o que lles corresponde é realizar iniciativas en contra da mina no Parlamento"
Porén, nesta manifestación o protagonismo non lles pertenceu aos partidos, senón ás plataformas cidadás e organizacións sociais que encabezaron a marcha. Neste senso Ramón Varela, portavoz de Salvemos Cabana, celebrou que os representantes dos partidos "non encabezaran a marcha" pois a eles "o que lles corresponde é realizar iniciativas en contra da mina no Parlamento" mentres que "a loita na rúa débena levar a cabo os veciños da comarca".
A marcha rematou na Praza do Concello onde Manuel Rivas e Rosalía Fernández leron o manifiesto final redactado Xurxo Borrazás: "Unha pantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns, eo Monte Branco, Dombate... Esa pantasma ten alento de cianuro e chámase Edgewater, empresa canadiana que vén a Galicia non a construír senón a destruír". O texto tamén denuncia que o modelo de explotación mineira que se vai poñer en marcha en Corcoesto "é anacrónico e está fóra de tempo" debido á "escasa rendibilidade social que ten" e aos "profundos danos" que xerará para o medio ambiente.
Houbo moita xente nas rúas de Carballo este domingo. Era dia de feira, e tamén se celebrou unha manifestación contra a estafa de preferentes, que precedeu a esta marcha. De feito, a manifestación contra Corcoesto tivo que ir detendo o seu avance até que os preferentistas remataron o seu acto. Braulio Amaro celebrou a coincidencia entre as dúas protestas: "É outro espolio, coma o da mina".
"Un problema de toda Galiza"
A marcha rematou na Praza do Concello onde Manuel Rivas e Rosalía Fernández leron o manifiesto final redactado Xurxo Borrazás
A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, que convocou a manifestación, destacou que "non é un problema local de Corcoesto, Cereo e Valenza. Non é un problema de Cabana, Ponteceso e Coristanco. Non é un problema de Bergantiños. A mina Corcoesto é só a punta de lanza dunha inmensa desfeita programada de norte a sur: a veta Malpica-Tui. É un problema de toda Galiza", e engade que con esta nova mobilización pretenden "dicirlle á Xunta con voz alta, clara e forte que nin Bergantiños nin Galiza queren esta mina destrutiva no seu territorio. Non imos permitir baixo ningún concepto a destrución e o esquilmamento do noso país". Prometen ademais "novas iniciativas de información, organización e loita" para pelexar contra o proxecto de Edgewater que conta co apoio da Xunta pois "hai que parar o que podería supoñer un grave precedente para que non veñan detrás outros proxectos semellantes no noso país".