A política lingüística do Goberno de Alberto Núñez Feijoo terá resposta na rúa, unha vez máis. A plataforma Queremos Galego chama a manifestarse o 8 de febreiro en Compostela para denunciar a perda constante no número de galegofalantes, da que consideran que "o principal responsable" é o presidente da Xunta. “Nunca houbo tanto desprezo ao idioma de Galiza por parte dun goberno na etapa democrática”, destacan.
"A enquisa do IGE é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma, que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real"
Os recentes datos do IGE activaron as alarmas. Para a plataforma, a enquisa feita pública polo IGE "é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma, que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real".
Para a plataforma "a política da actual Xunta de Galicia con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática que se concretaron, entre outras disposicións na modificación da Lei de Función Pública para eximir ás e aos opositores da proba en galego, ou no Decretazo contra o galego 2010, que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia". Así mesmo, Queremos Galego acusa a Núñez Feijoo de "mentir e pretender humillar e botarlle a culpa ás familias cando sinala que 'nunca se ensinou tanto galego' ou que a 'responsabilidade é das familias'.
Fan un chamamento especial a mobilizarse "ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala"
Para Queremos Galego "todos os pequenos avances que puido haber con respecto ao idioma foron froito do impulso da sociedade" e instaron á xunta a derrogar "o decretazo do galego e pór en marcha dunha vez o PXNLG que ven de facer 10 anos”.
"O lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das persoas que apoian a plataforma e das entidades adheridas"
“Este é o momento de asegurarmos o noso futuro colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa existencia”, subliña a Plataforma, que chama "a todo o pobo galego a participar, independentemente da súa opción política, e dar a máis ampla mostra de unidade en torno á lingua" e cun chamamento especial "ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala".
Queremos Galego organizará actos previos en todas as cidades e vilas para difundir e dar forma á mobilización. Como novidade, o lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das persoas que apoian a plataforma e das entidades adheridas.