Quince meses de cadea a tres estudantes por "atentado contra a autoridade" nunha protesta ante Feijóo

Concentración ante os xulgados de Santiago Dominio Público @bngcompostela

Aarom, Mario e Atanes, os tres estudantes acusados de boicotear hai agora un ano un acto de Feijóo na Facultade de Matemáticas de Santiago, chegaron finalmente a un acordo co fiscal e aceptaron cadanseus quince meses de prisión a cambio de recoñecer os feitos. Fixérono para evitar a cadea que solicitaba o ministerio público e porque insisten en que non se cumprían uns mínimos requisitos para un xuízo xusto, tras insistir en que os atestados policiais foron falseados para inculparlles un delito. 

Aarom, Mario e Atanes manteñen a súa inocencia pero recoñecen os feitos para evitar a entrada en prisión

A Fiscalía pedira nun principio tres anos de cárcere para cada un dos mozos, aos que se lles imputou desordes públicas, atentado contra a autoridade e faltas de lesións. Tras o xuízo de hoxe -ou máis ben tras o pacto ao que se chegou-, os rapaces aceptan esta nova pena de prisión, que non será efectiva de non cometeren delito ningún nos vindeiros dous anos, pero terán tamén que indemnizar os policías aos que supostamenteo agrediron. Un pagará 720 euros 300 serán abonados entre os outros dous. Ademais, deberán estar entre seis e sete días localizados permanentemente. 

Foi o pasado 23 de outubro de 2014 cando aconteceron os feitos polo que agora foron xulgados os tres mozos. Arredor dun cento de estudantes protestaron contra os recortes na educación pública ante o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acudía á inaguración dun envento na Factulade. Leuse un texto, subscrito pola asamblea de estudantes, de crítica á LOMCE e os recortes. E varias testemuñas denunciaron que foran acosados por “cinco persoas vestidas de paisano, que en ningún intre se identificaron e que comezaron a empurralos e bater neles”.

Beiras, Antón Sánchez, Bieito Lobeira, Ana Pontón ou Rubén Cela apoiaron os tres estudantes ante os xulgados

Tres dos estudantes universitarios que participaron na protesta foron días despois detidos sendo acusados de atentado á autoridade, lesións e desordes públicas e reclamándoselles entre 7 anos e medio e 9 de cadea en total, ademais do pagamento de indemnizacións. Finalmente, Aarom, Mario e Atanes aceptaron unha condena menor nunha vista no xulgado número 2 do penal de Compostela na que estiveron apoiados por varios mozos que portaban unha pancarta na que se podía ler "Basta xa de represión contra o estudantado". 

Na concentración ante os xulgados tamén estiveron presentes os deputados de AGE e líderes de Anova, Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, así como Bieito Lobeira, Ana Pontón, Rubén Cela ou Rafa Vilar, polo BNG. 

Concentración ante os xulgados de Santiago Dominio Público @bngcompostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.