Radiografía á sanidade galega: menos servizos, menos gasto e peores empregos

Profesionais sanitarios dun hospital galego © Sergas

"Blindar a sanidade pública é urxente. É unha tarefa inxente para a que se precisan medidas valentes e consensuadas. Para isto podes contar coa lealdade de Galicia".O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pronunciaba estas palabras no acto co que, o pasado luns, o Servizo Galego de Saúde conmemoraba o seu vixésimo aniversario. A receptora das verbas era a ministra de Sanidade, Ana Mato, e no acto estaban presentes a práctica totalidade dos responsables do Sergas desde o inicio da súa andaina, a comezos dos anos 90. Dende aquel momento a prestación sanitaria en Galicia experimentou un salto exponencial. Por exemplo, dos 36 centros de sáude cos que contaba o país en 1989 pasouse a ter case 400 e incrementou o número de quirófanos en máis dun terzo. Ao tempo, a esperanza de vida subiu en máis de cinco anos.

Pero fronte a estas evidentes melloras apareceu a crise económica e as mensaxes de recortes máis ou menos inevitables, dando lugar a un panorama incerto para os servizos públicos sanitarios e para a súa sostibilidade para o futuro, cuestionada mesmo desde o propio Goberno galego. Neste contexto, a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública vén de elaborar un completo informe sobre o estado da cuestión en todo o Estado, unha detallada radiografía na que Galicia non sae especialmente ben parada. Non en van, estes colectivos, formados esencialmente por profesionais sanitarios, trazan un panorama caracterizado pola redución do gasto público en saúde, a mingua de servizos e a precarización dos postos de traballo dos conxunto do persoal.

O número de maiores de 65 anos aumentou en máis de 40.000 en apenas dous anos

En termos puramente económicos unha primeira ollada podería levar a pensar que o Sergas resiste a crise mellor que outras autonomías. En termos comparativos, Galicia pasou de ser a undécima comunidade en gasto sanitario por habitante en 2010 a ser a oitava en 2012. Non obstante, estes datos desinchan ao ser contrastados cos datos poboacionais. Segundo o Instituto Galego de Estatística, desde 2010 a poboación galega diminuíu en 2.231 habitantes. Mentres, as persoas maiores de 65 anos aumentaron en 42.940, chegando a ser 629.477 a finais do pasado ano. Deles, 93.600 son maiores de 85 anos, un incremento de case 3.000 en apenas un ano.

Gasto sanitario das autonomías por habitante
2010 2011 2012
Euskadi 1623,08 Euskadi 1.563,68 Euskadi 1557,78
Navarra 1543,12 Navarra 1.528,59 Asturias 1495,9
Extremadura 1509,72 Asturias 1.495,93 Navarra 1424,51
Asturias 1507,15 Extremadura 1.390,56 Aragón 1371,87
La Rioja 1443,94 Aragón 1.364,49 Castilla y León 1353,00
Aragón 1419,37 Castilla y León 1.348,92 Extremadura 1334,74
Castilla y León 1360,62 La Rioja 1.347,11 La Rioja 1298,01
Cantabria 1347,47 Murcia 1.346,9 Galicia 1262,77
Castilla la Mancha 1346,52 Cataluña 1.292.45 Cantabria 1230,44
Murcia 1334,25 Castilla la Mancha 1.283,08 Murcia 1219,89
Galicia 1333,39 Galicia 1.266,13 Andalucía 1174,43
Cataluña 1298,84 Cantabria 1.232,16 Canarias 1161,97
Canarias 1295,36 Canarias 1.135,75 Cataluña 1128,24
Andalucía 1180,09 Andalucía 1.121,69 Madrid 1104,52
Comunidad valenciana 1122,79 Madrid 1.103,16 Baleares 1066,82
Madrid 1108,14 Comunidad valenciana 1.078,95 Comunidad valenciana 974,82
Baleares 1066,37 Baleares 1.003,32 Castilla-La Mancha  sen datos

A esta poboación minguada e envellecida é a que ten que atender un cadro de traballadores que segundo os cálculos da Plataforma, diminuirá notablemente en pouco tempo. Ao tempo, as súas condicións laborais empeorarán. Concretamente, o informe destaca a medida que a Xunta está a piques de aprobar segundo a cal unha gran parte dos profesionais que cheguen aos 65 anos terán que xubilarse de xeito forzoso. Desas baixas só se cubrirán un 10%. Isto supón que, dos 1.900 médicos que cumprirán a idade de xubilación nos vindeiros catro anos, só serán substituídos uns 200.

Ao mesmo tempo, o cadro de persoal funcionario do Sergas contará con menos apoio doutro persoal, como os interinos, que poderán ver reducida a súa xornada laboral ata nun 33%, coa conseguinte tesoirada nas súas remuneracións.

Profesionais sanitarias dun hospital galego © Sergas
Equipo directivo da Consellería de Sanidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.