Reclaman a reposición das dúas prazas de xestión da RISGA na Coruña

A ODS de Coia denuncia habitualmente os problemas de xestión da RISGA Dominio Público ODS-Coia

O 15,75% dos e das habitantes da provincia da Coruña son pobres, o 22,27% atópanse en condicións de pobreza ou exclusión social (con graves carencias materiais ou en familias sen ingresos), unhas 224.750 persoas pertencen a familias con carencias materiais e ao redor de 74.031 en fogares con carencias materiais severas (non poden permitirse comer carne ou peixe cada dous días ou manter a casa a unha temperatura axeitada). Aproximadamente 2.532 (datos de 2013) perciben a RISGA (Renda de integración social de Galicia).

A pesar desta situación, en abril do pasado ano a Consellaría de Traballo e Benestar da Coruña iniciou o proceso para desmantelar a Unidade de Tramitación Administrativa da Risga na provincia, como denunciou a CIG naquel momento. Na unidade realizaban o seu labor de forma continuada dúas traballadoras sociais (unha delas dende hai 14 anos), "ás que se lles comunicou de xeito imprevisto que tiñan que abandonar o seu posto e trasladarse a outros servizos", denunciaba o sindicato.

A CIG criticaba que o Goberno galego trate como “simples expedientes administrativos” as cidadás e cidadáns que acoden a estes servizos, "sen importarlles se son atendidas e atendidos por persoal especializado"

A CIG criticaba que o Goberno galego trate como “simples expedientes administrativos” as cidadás e cidadáns que acoden a estes servizos, "sen importarlles se son atendidas e atendidos por persoal especializado". "estamos ante outro pasiño máis na inexorábel remodelación da atención dos servizos públicos que pretende facer a Xunta: o abandono dos servizos públicos en mans de xestores privados", engadía o sindicato. Uns meses despois traballadores e traballadoras sociais e usuarios e usuarias presentaron ante a Consellaría máis de dúas mil sinaturas, demandando a reposición do persoal especializado que fora trasladado. Na súa denuncia sinalaban que "a falta deste persoal experto en servizos sociais afecta á atención, seguimento, valoración, intervención e coordinación administrativa na resposta social e pública “que debe de ter a grave e delicada situación persoal e familiar que tanta xente esta a atravesar nestes tempos”.

Máis dun ano despois do traslado do persoal especializado, a Consellaría de Traballo e Benestar vén de suprimir as prazas de traballadoras sociais e expertos en servizos sociais da Unidade Técnico Administrativa da Risga (UTA), segundo denuncia a Plataforma galega pola profesionalización dos servizos sociais (Proserso). A Plataforma subliña que nos últimos meses a Consellaría fixo "oídos xordos" ás críticas lanzadas polos profesionais do traballo social sobre o prexuízo que esta situación lles provoca aos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais, "mantendo na xestión da prestación a un grupo de funcionarios que carecen da formación precisa para realizar este trámite".

A Consellaría de Traballo e Benestar vén de suprimir as prazas de traballadoras sociais e expertos en servizos sociais da Unidade Técnico Administrativa da Risga (UTA)

Algúns dos grandes problemas que presenta a RISGA teñen que ver coa súa xestión e aplicación, con atrasos na súa tramitación que en moitos casos superan os seis meses e con claras eivas de coordinación entre as distintas administración. En 2013 foron denegadas un 41,27% das solicitudes e entre aquelas que si foron aceptadas houbo importantes atrasos na tramitación dos expedientes: 2,7 meses de media na administración local e 5,8 meses na administración autonómica.

En 2013 foron denegadas un 41,27% das solicitudes e entre aquelas que si foron aceptadas houbo importantes atrasos na tramitación dos expedientes: 2,7 meses de media na administración local e 5,8 meses na administración autonómica

O informe Por unha RISGA efectiva, realizado a partir de entrevistas con 74 profesionais e beneficiarios, alertaba dos atrasos na súa tramitación e de que na actualidade "se deixa fóra a novos perfís de solicitantes derivados da crise económica actual: parados de longa duración e afectados pola precaridade laboral", unhas denegacións que provocan "incerteza e desánimo" na poboación, levando a que "moitos beneficiarios potenciais non a solicitan porque non saben que teñen dereito ou porque presupoñen que non lla van conceder".

O informe criticaba tamén a "mellorable" comunicación entre as distintas administracións e departamentos, sinalando que semella existir unha "aparente desconfianza entre os distintos niveis da Administración e cos demais organismos e entidades participantes". Así mesmo, afirmaba que os e as profesionais non están aínda instruídas nin formadas sobre os cambios que introduce a nova Lei de Inclusión.

A denuncia procede da Plataforma galega pola profesionalización dos servizos sociais Dominio Público Proserso
A ODS de Coia denuncia habitualmente os problemas de xestión da RISGA Dominio Público ODS-Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.