Reclamando (outra vez) xustiza para Couso once anos despois

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

A familia Couso segue a pedir xustiza para José once anos despois, os que se cumpren este martes 8 de abril da súa morte, tras ser asasinado mentres traballaba como xornalista na guerra de Iraq. A súa familia, amigos e compañeiros, como cada ano, reivindicaron este domingo xustiza e investigación para que os culpables non queden impunes.

A familia do cámara galego quixo deixar claro que non só falan de José, senón "de xustiza e de liberdade de expresión"

"José Couso, crime de guerra". Foi o berro que se escoitou fronte á embaixada estadounidense en Madrid. Centos de persoas congregáronse para pedir xustiza xunto á súa familia, avogado e que contou coas actuacións de Amaral, Samba da Rua e Vetusta Morla. A familia do cámara galego quixo deixar claro que non só falan de José, senón "de xustiza e de liberdade de expresión" nun acto no que foron continuas as alusións ao xuíz Pedraz. "Menos mal que hai un maxistrado que demostra a independencia dos poderes e ese xuíz chámase Santiago Pedraz. Fronte á modificación da lei orgánica do PP, sen ningún apoio da oposición, presentou un auto maxistral apoiándose nas convencións de Xenebra que forman parte do ordenamento xurídico deste país e están supeditadas ás leis orgánicas para continuar co caso".

Os Couso reivindican a figura do xuíz Pedraz por ser "quen demostra a independencia dos poderes"

"Tamén vos toca a vós porque nos están quitando a xustiza, queren que quedemos nas nosas casas chorando os nosos mortos, que só poidan adquirir a defensa dos seus familiares os que teñen diñeiro, por iso un ano máis convocámosovos para que esteades connosco", asegurou David, o irmán de José, que estivo presente canda outros familiares como a nai do cámara, Maribel Permuy, que recoñeceu que lle caeran as bágoas ao ver o apoio da xente. "Non perdemos a esperanza; temos moitos exemplos, como o das nais da praza de Mayo e estamos seguros de que haberá xustiza para o meu irmán", insistiu David.

"A José tamén o asasinaron terroristas, aínda que vestidos de militares estadounidenses", lembrou a nai de Couso

Maribel lembrou cando asistiron á reunión no Congreso con deputados do PP: "Mireilles á cara e pregunteilles que pasaría se ao meu fillo o tivera asasinado ETA, seguro que todos estarían aquí, ao meu lado, pero ao meu fillo tamén o asasinaron terroristas, aínda que vestidos de militares estadounidenses" afirmou Permuy, que tamén destacou o papel do PSOE, descuberto polos cables de WikiLeaks. "Só estiveron connosco como oposición", dixo.

Ademais, o avogado do caso, Enrique Santiago, destacou que "este é o maior crime de guerra contra os xornalistas nos últimos tempos, un feito que non foi casual, foi un ataque a traizón porque o hotel Palestina era o lugar onde os EUA ordenaron concentrar a prensa internacional". O xurista reparou tamén no feito de que a Fiscalía se convertese "na maior defensora dos autores do crime". "Neste caso foi a primeira vez que a Interpol se negou a cumprir unha orde do xuíz do sistema", engadiu o letrado.

"Neste caso foi a primeira vez que a Interpol se negou a cumprir unha orde do xuíz do sistema", di o avogado

Os grupos Samba da Rua, Amaral e Vetusta Morla tamén quixeron mostrar o seu apoio á causa, pedir xustiza e defender a liberdade de prensa "en España e en todo o mundo". 

A asistencia á concentración foi importante, as beirarrúas quedaron pequenas e a policía tivo que cortar o tráfico. Houbo berros contra a Embaixada dos EUA, en especial cando a nai de José Couso nomeou os responsables da morte do seu fillo: Thomas Gibson, Philip de Camp e Philip Wolford. "Oxalá non morra sen ver sentados (nun tribunal) os tres asasinos do meu fillo", rematou.

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.