Recuperar os Barrios en Vigo

Unha vista de Vigo © Ecoar

O colectivo Ecoar vén de lanzar a iniciativa Recuperar os Barrios, unha nova campaña "de acción e sensibilización cidadá en defensa de distintos barrios e espazos da contorna viguesa". Con este proxecto, preténdese"protexer e recuperar o patrimonio cultural, histórico, artístico e natural da comunidade actualmente ameazado por procesos especulativos, así como dignificar a memoria colectiva e as diferentes persoas que o constrúen e o habitan", tal e como explica a asociación sobre a devandita campaña, que terá como protagonistas, nesta primeira fase, o Barrio do Cura e a Panificadora de Vigo, dous referentes da cidade que actualmente son "vítimas do abandono, o deterioro e o afán de lucro".

Recuperar os Barrios é unha campaña "de acción e sensibilización cidadá en defensa de distintos barrios e espazos da contorna viguesa"

Recuperar os Barrios ten como obxectivos denunciar e actuar contra os procesos de especulación urbanística, sensibilizar á sociedade dunha comunidade determinada da perda global  (non só física) que supón a destrución do seu patrimonio, revalorizar o patrimonio “esquecido” das comunidades, ofrecer alternativas sobre as que recuperar o patrimonio ameazado e dinamizar con iniciativas e accións participativo-reflexivas e críticas os espazos  denunciados.

O proxecto inclúe actividades como roteiros, o primeiro deles polo Barrio do Cro, para amosar os tesouros patrimoniais ocultas e as posibilidades do barrio

Por iso, a campaña, "a maiores do proceso de sensibilización e visibilización cidadá que se pretende acadar", vén de poñer en marcha unha serie de actividades, artelladas para a consecución destes obxectivos. Entre elas, destaca o roteiro guiado polo Barrio do Cura que terá lugar o vindeiro venres 3 de outubro, ás 19.30 horas, partindo desde a Oliveira de Vigo. Este roteiro, "por suposto aberto á cidadanía", pretende amosar ás persoas asistentes "os tesouros patrimoniais ocultos (ou mellor dito, silenciados) neste barrio, así como as súas posibilidades, deixando tamén claro cales son os plans previstos para o futuro e as consecuencias que este proceso de especulación no que se atopa poderían ter, no tocante á perda de patrimonio, empeoramento da calidade de vida da veciñanza e eliminación de zonas verdes".

Para facilitar toda a información da campaña, Ecoar lanzou este mesmo venres a páxina web do proxecto, na que, ademais da información de partida da campaña (breve historia do Barrio do Cura e a Panificadora, imaxes, vídeos, etc.), iranse pendurando todas as noticias relativas á mesma, así como información actualizada sobre todas as actividades levadas a cabo, e os avances da campaña.

Alén disto, Ecoar lanza tamén unha campaña de recollida de sinaturas, que permitirá ás persoas asinantes adherirse a unha carta de repulsa cara o Plan Especial de Reforma Interior do Barrio do Cura, e na que se esixe, ademais, "un cambio de modelo que aposte pola conservación e a rehabilitación dos espazos, por unha economía sostible baseada no pequeno comercio e o consumo responsable, e sobre todo, polas persoas, a memoria, os dereitos e a dignidade".

As follas de sinaturas estarán dispoñibles tanto na páxina web de Recuperar os Barrios, en versión dixital, como nas distintas actividades complementarias e espazos afíns, nos que a cidadanía poderá asinar en copias impresas. A carta estará tamén dispoñible tanto na páxina web como nos lugares nos que sexa posible asinar, el formato físico.

A Panificadora, en Vigo © Ecoar
Barrio do Cura a finais do século XIX © Ecoar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.