“Esta sentencia pon en evidencia a ilegalidade da planta de Reganosa. Reganosa non ten ningún papel; todas as licencias e autorizacións concedidas deben quedar anuladas porque están baseadas nunha modificiación do PXOM que foi anulada polo TSXG e o Tribunal Supremo”. Con esta rotundidade valorou este mércores Humberto Fidalgo, de ADEGA a sentencia do Tribunal Supremo que, como fixera hai catro anos o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, anula a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos que o Concello realizara expresamente para legalizar a instalación da planta de gas de Reganosa e afirma que o plan e a planta carecen das necesarias avaliacións de impacto ambiental.
Os representantes do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol amosaron en rolda de prensa a súa satisfacción por unha sentencia, inapelable, que avala as súas reivindicacións e que confirma, ao seu xuízo, que a planta de gas de Reganosa "é unha instalación que vén funcionando ilegalmente desde hai mais de catro anos", cando o TSXG xa decretara a que non contaba coas autorizacións necesarias para a súa instalación. Porén, os recursos presentados polo Concello de Mugardos e a propia empresa ante o Tribunal Supremo foran permitíndolle operar á planta, que seguiu sendo constestada por numerosos colectivos sociais na comarca de Ferrolterra.
"Unha vez que o expediente sexa remitido polo TS ao Concello, o avogado co Comité esixirá a execución da sentencia, e en cascada todos os permisos concedidos posteriormente serán anulados”
E agora que? Os representantes do Comité Cidadán afirman que “unha vez que o expediente sexa remitido polo Tribunal Supremo ao Concello, o avogado co Comité Cidadán esixirá a execución da sentencia, e en cascada todos os permisos concedidos posteriormente serán anulados”. Afirman que á empresa só lle resta botar man de "manobras dilatorias" e aseguran ser conscientes de que esas manobras "se producirán", pero din que “imos seguir até que esta planta desapareza”. Humberto Fidalgo engadiu que “o Goberno de Galicia non se pode enfrontar ao TSXG, ao Supremo e á cidadanía” e reclamou que “cómpre paralizar a planta inmediatamente”, pois “non é que a planta estea en precario, está desnuda”.
O Comité ofrecerá unha nova rolda de prensa o vindeiro martes para informar dos procesos, legais, políticos e de mobilización social, que levarán a cabo a partir de agora
O Comité Cidadán ofrecerá unha nova rolda de prensa o vindeiro martes para informar dos procesos, legais, políticos e de mobilización social, que levarán a cabo a partir de agora para forzar a paralización da instalación de Punta Promontorio, en Mugardos. Segundo Manuel Rodríguez, coordinador do Comité Cidadán, "a planta de gas de Reganosa e unha instalación deficitaria que nos custou a todos os usuarios no ano 2011 preto de 58 millóns de euros". Rodríguez engadiu que "a súa produción non acadou o 40 % da capacidade e durante este mes de Xuño debe paralizar a súa actividade entre 8 e 12 horas diarias por falta de contratos de subministro.
Os representantes do Comité Cidadán tiveron ademais un recordo emocionado para algúns membros do colectivo que faleceron ao longo dos dez anos que a plataforma leva loitando contra a planta de Reganosa, como Carmelo Teixeiro, José Manuel Gabeiras ou Tino Deive.
Os detalles da sentencia
A sentencia de 21 páxinas, vai desestimando todos os argumentos presentados polo Concello de Mugardos e por Reganosa, e converte en firme a sentencia do máximo tribunal galego, que hai catro anos xa afirmaba que “a modificación do PXOM, que ten por obxecto viabilizar a planta, non está debidamente xustificada dende o interese público”. Unha e outra sentencia deixan claro que “a modificación do planeamento recorrida non tivo outra finalidade que posibilitar a instalación da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado nun lugar determinado do solo do Concello de Mugardos”. Ademais, as resolucións xudiciais ilegalizan a instalación da planta, ao carecer a regasificadora e a propia modificación do plan de Declaración de Impacto Ambiental, que as sentencias estiman imprescindible neste caso.
As resolucións xudiciais ilegalizan a instalación da planta, ao carecer a regasificadora e a propia modificación do plan de Declaración de Impacto Ambiental, que as sentencias estiman imprescindible neste caso
O Comité Cidadán leva anos denunciando que "esta planta carece de declaración de impacto ambiental, que debía ser previa e xustificar por que se escolleu esta localización en detrimento de outras. Acolléronse a un sucedáneo: a declaración de efectos ambientais, realizada a medida pola Xunta". Algo que agora tamén sinala a sentencia do Supremo, que deixa claro que a modificación do PXOM "debe someterse a unha avaliación de impacto ambiental, pois só así a administración planificadora e os cidadáns en xeral poderán ter a suficiente ilustración sobre as consecuencias das transformacións anunciadas no medio ambiente".
O texto do Tribunal Supremo engade que “cando é un plano o que fai posible a actuación suxeita a avaliación de impacto ambiental, debe avaliarse o impacto ambiental no procedemento de aprobación do indicado Plan”. E engade que "aínda cando non se trate de proxectos de execución de obras, instalacións ou actividades, senón de planos, estes deben quedar suxeitos a avaliación de impacto ambiental cando determinan a localización da obra, a instalación, ou a actividade suxeita a avaliación de impacto ambiental, que é o que sucede no caso enxuizado”.
A sentencia, ademais, obriga o Concello de Mugardos e a Reganosa facerse cargo das costas do xuízo, 2.500 euros o Concello e 2.000 euros a empresa.
Mugardos iniciou unha nova modificación do PXOM para legalizar Reganosa
Contra a nova modificación puntual do PXOM presentáronse numerosas alegacións e polo tanto a súa aprobación aínda non é definitiva
O Concello de Mugardos iniciou hai uns anos o proceso para modificar novamente o PXOM, de xeito que a planta de gas se adaptase á normativa ambiental, para cumprir co plano estatal de ampliación de produción e para aprobar medidas de control de riscos de accidentes graves no entorno da planta de Reganosa. A modificación do PXOM tamén buscaba protexer a Reganosa dunha sentencia xudicial do Supremo coma a coñecida este martes que confirmase a que xa enunciara o TSXG. Finalmente, a modificación do PXOM foi aprobada nun pleno municipal celebrado o 19 de abril de 2012, cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e o voto en contra de EU.
Porén, contra esta modificación puntual presentáronse numerosas alegacións, e polo tanto a súa aprobación aínda non é definitiva. En calquera caso, ademais, os colectivos que forman parte do Comité Cidadán sosteñen que esta nova modificación contén os mesmos elementos que fixeron ilegal a de 2003, agora anulada.