Regresa o conflito de Porto Cabral?

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

En novembro de 2013 os comuneiros de Cabral (Vigo) rexeitaron nunha votación a proposta de Eurofund Investments, apoiada pola Xunta Reitora da comunidade de montes, para construír un macrocentro comercial (Porto Cabral). Parecía a morte deste polémico proxecto, que prometía a creación de 2.500 postos de traballo, aínda que supuña unha importante ameaza para o comercio de toda a cidade e a ocupación de 300.000 metros cadrados de monte comunal. Nese momento o grupo británico afirmaba non darse por vencido, sinalando que o Concello podería expropiar os terreos, con ou sen acordo coa Comunidade de Montes, aínda que os colectivos opositores ao proxecto lembraban que esta posibilidade nin sequera se contemplaba legalmente, pois os montes comunais son “indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables”, agás excepcións, coma que se declarase o proxecto de "utilidade pública" ou "o interese social prevalente", unha definición que dificilmente se podería aplicar a un centro comercial.

"O resultado supón un auténtico respaldo ao proxecto. Imos tentar que Porto Cabral sexa inmediatamente unha realidade", di Luís Rodríguez

De feito, o tema foi decaendo, e pouco se falou de Porto Cabral en 2014 e 2015. Porén, a vitoria de Luís Rodríguez e o seu equipo nas eleccións celebradas na Comunidade de Montes este domingo, nas que derrotou por 60 votos á candidatura alternativa encabezada por Fernando Molares, devolve este proxecto ao debate público. De feito, o mesmo domingo Luís Rodríguez afirmaba que "se os comuneiros nos dan a súa confianza, estarán dicíndolle si ao proxecto" e poucas horas despois de ser reelixido subliñaba en Faro de Vigo que "o resultado de hoxe supón un auténtico respaldo ao proxecto", engadindo que "imos tentar que Porto Cabral sexa inmediatamente unha realidade porque é unha ferramenta de dinamismo, de investimento, de emprego para a parroquia". Rodríguez comentaba tamén que xa o domingo pola tarde recibira unha felicitación dos representante da multinacional británica. A Comunidade de Montes aspira a recibir ao redor de 12 millóns de euros pola venda dos terreos.

Dende os grupos opositores lémbrase que en 2013 os comuneiros e comuneiras xa se pronunciaron en contra do proxecto

Dende os grupos opositores lémbrase que en 2013 os comuneiros e comuneiras xa se pronunciaron en contra do proxecto, ao que Rodríguez responde que aquela foi unha votación sobre "unha oferta concreta", non sobre o proxecto. 

 

O PXOM

A anulación do Plan Xeral de Urbanismo de Vigo o pasado mes de novembro impide que nos terreos de Liñeiriños se leve a cabo un proxecto deste tipo

Máis aló do apoio ou non dos comuneiros e comuneiras á venda dos terreos, hai outro tema que nos últimos meses se ergueu como obstáculo á construción de Porto Cabral. A anulación do Plan Xeral de Urbanismo de Vigo o pasado mes de novembro impide que nos terreos de Liñeiriños se leve a cabo un proxecto deste tipo. Ou, cando menos, obriga a agardar á que o novo PXOM estea redactado e aprobado, o que podería levar uns tres anos. Neste senso, o grupo municipal Marea de Vigo sinalou este mércores que un macrocentro comercial no tería encaixe nun novo planeamento que tivese que superar unha avaliación estratéxica ambiental. O Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vigo de 2008 (suspendido) asignaba ao sector de Liñeiriños, no que se ubicaría Porto Cabral, un desenvolvemento de tipo público polo sistema de expropiación. Como é de desenvolvemento público, tería que ser o propio Concello quen iniciase a expropiación do sector, argumentando o principio de utilidade pública ou interese social prevalente. Porén, como destaca Rubén Pérez, "non hai maneira de xustificar a desaparición de 300.000 metros cadrados de monte comunal para facer un macrocentro comercial".

A opción que se comeza a barallar dende Eurofund e os apoios de Porto Cabral é tentar que o proxecto sexa declarado "de interese supramunicipal", para poder pasar por riba do PXOM vixente

A opción que si se comeza a barallar dende Eurofund e os apoios de Porto Cabral é tentar que o proxecto sexa declarado "de interese supramunicipal", para poder pasar por riba do PXOM vixente en Vigo. De feito, en Valencia, onde Eurofund promove un macrocentro comercial semellante (Puerto Mediterráneo) os seus promotores tentan acadar a declaración de "actuación territorial estratéxica", cuxa tramitación foi rexeitada por PSOE, Compromís e Podemos no parlamento autonómico. De igual xeito, o pleno municipal de Paterna (onde se ubicaría Puerto Mediterráneo) aprobou este mes unha moción de Compromís para deter a revisión do plan xeral de urbanismo que pretendía a conversión de grandes superficies de solo rústico en urbanizable, para a instalación neles do macrocentro comercial.

Santiago Barciela, comuneiro de Cabral, salientaba en hai dous anos en conversa con Praza que o centro comercial proxectado "era, ou seguirá sendo mentres non se paralice por completo, a punta de lanza dunha urbanización de 1700 vivendas". "Este tema ía máis aló do centro comercial e do consumismo", engadía.

 

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende
Intervención da xunta reitora da Comunidade de Montes de Cabral Dominio Público O monte non se vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.