Retirado o cartel promocional dun festival de música por sexista

Dominio Público Praza Pública

O festival de música V de Valarés vén de anunciar a retirada dun cartel promocional do evento que fora denunciado ante a Secretaría Xeral de Igualdade por varias asociacións -Petón do Lobo e Ve-la Luz- ao consideralo sexista. O organismo autonómico comunicou a estes colectivos a retirada do anuncio, no que se representaba a silueta dunha muller en forma de guitarra e que, segundo os denunciantes, facíao "de maneira moi desafortunada e reproducindo os estereotipos típicos e tópicos de xénero". 

A Secretaría Xeral de Igualdade comunicou a diversas organizacións denunciantes que o festival accedeu a retirar o cartel

Petón do Lobo, que a pasada semana levou tamén o caso á Valedora do Pobo, denunciou que a imaxe mostrada no cartel do festival impulsado polo Padroado da Fundación Eduardo Pondal "resalta os tópicos e estereotipos sociais sexistas, botando por terra o traballo das persoas e colectivos que día a día loitan pola igualdade de xénero", tal e como declarou Ismael López, presidente da entidade. A Secretaría Xeral de Igualdade vénlle de comunicar que a organización do festival xa o retirou. 

Do mesmo xeito que  Petón do Lobo e diversos particulares que a título individual interpuxeron reclamacións ante o Instituto da Muller, a asociación galega contra a violencia de xénero Ve-a luz manifestou tamén "a súa máis absoluta repulsa" polo deseño do cartel e esixiu desculpas públicas tanto á organización como aos patrocinadores por non poñer obxección algunha a un deseño que "ía en contra dos principios básicos da igualdade de xénero".

O colectivo, que levou o asunto ao Parlamento de Galicia, argumentou que o contido do cartel supoñía unha clara vulneración das leis de Publicidade 34/1988 e de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero 1/2004. 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.