Rexeitamento unánime á privatización dos rexistros civís impulsada polo PP

Manifestación dos traballadores e traballadoras do rexistro celebrada en Madrid en abril © IU

Traballadores e traballadoras do rexistro civil de toda España manifestáronse este sábado en Madrid en contra do proceso de privatización deste servizo público, que en base á nova Lei do Rexistro Civil, aprobada en solitario polo PP, e que entrará en vigor o vindeiro 15 de xullo, pasará a ser exercidas polos rexistradores mercantís. 

A medida pode levar consigo, así mesmo, a imposición de novas taxas para os servizos que realiza o rexistro civil, hoxe gratuítos para os e as cidadás, coma as inscricións matrimoniais ou os procesos de cambio de nome. O ministro de Xustiza, Rafael Catalá, negou este sábado que a medida vaia supor novos gastos para a cidadanía e afirmou que o servizo seguirá sendo "gratuito, público e próximo ao cidadán" grazas á progresiva implantación de medios telemáticos".

A medida pode levar consigo, así mesmo, a imposición de novas taxas para os servizos que realiza o rexistro civil, hoxe gratuítos para os e as cidadás, coma as inscricións matrimoniais ou os procesos de cambio de nome

Porén, os rexistradores mercantís son funcionarios sen soldo do Estado, e os seus ingresos dependen das xestións que realicen. Así mesmo, poden verse obrigados a contratar persoal para a realización das súas novas funcións. Descoñécese aínda se os custes engadidos serán abonados directamente polos cidadáns ou se sairán dunha partida dos orzamentos do Estado, unha cuestión que Rafael Catalá tampouco aclarou na súa intervención. Nestes momentos o Goberno negocia co corpo de rexistradores mercantís as posibles compensacións económicas que recibirían e nos borradores de traballo xa se establecen novas accións de obrigado rexistro que si terán que ser pagadas directamente polos cidadáns.

Os sindicatos sinalan que servizos que ata agora eran gratuítos, pasarán a ter un custe que irá dende os 20 euros dunha inscrición de nacemento, unha inscrición de nacionalidade ou un cambio de nome, aos 40 euros dunha inscrición de defunción, os 100 euros dunha inscrición de nacionalidade ou os 250 euros das xestións administrativas dun matrimonio. Ademais, lembran que a medida chega "despois de que se investisen máis de 180 millóns de euros en modernizar e dixitalizar" as instalacións xudiciais, e que supón entregarlle "o máis grande rexistro de datos persoais" a mans privadas, en palabras dos representantes do SPJ (Sindicato Profesional de Justicia)-USO.

A reforma conta coa oposición de case todas as forzas políticas, dende o PSOE, IU, Podemos ou BNG ata os mesmos UPyD ou Ciudadanos

A reforma conta coa oposición de case todas as forzas políticas, dende o PSOE, IU, Podemos ou BNG ata os mesmos UPyD ou Ciudadanos. Tamén foi criticada por todos os sindicatos con representación no sector. Este mesmo sábado o portavoz do CSIF destacou que "isto do servizo civil gratuíto que promete Catalá non o cre ninguén, nin os propios rexistradores" e engadiu que "hai un gran número de rexistradores que están en contra do modelo que lles queren impoñer e para o cidadán a curto prazo significa que vai ter que pagar por este servizo". De igual xeito, o pasado mes de decembro CC.OO. presentou no Congreso unha Iniciativa Lexislativa Popular para garantir o carácter de servizo público do Rexistro Civil e a súa gratuidade, así coma a confidencialidade e privacidade dos actos da cidadanía.

 

Mobilización en Galicia

De igual xeito, en Galicia partidos políticos e sindicatos levan semanas organizando a oposición social a esta reforma, que ademais terá efectos máis negativos fóra das zonas urbanas. Esta mesma semana, a Coordenadora de plataformas en defensa dos partidos xudiciais comarcais e da plataforma en defensa do carácter público do rexistro civil celebrou unha xuntanza na que decidiu convocar, entre os días 13 e 24 de abril asembleas cidadás, con convite expreso a todos os alcaldes e alcaldesas, en todas as cabeceiras dos Partido Xudiciais, para solicitar pronunciamentos públicos de todos os plenos municipais contra a supresión dos Rexistros Civís. Tamén se poderían convocar manifestacións nos primeiros días do mes de maio.

Poderían convocarse manifestacións en Galicia nos primeiros días do mes de maio

O asunto chegou tamén ao Parlamento galego, a través dunha moción presentada por AGE, á FEMP e aos plenos de moitos concellos. Por exemplo, o BNG está levando a varios concellos, por exemplo na Mariña, mocións na que insta as corporacións locais a rexeitar o Real Decreto-lei  8/2014. Para o Bloque, este traspaso de funcións "supón, de feito,  privatización dun servizo público e gratuíto que presta funcións indispensábeis para a vida diaria das persoas, como a inscrición de nacementos ou falecementos, cambios de nome ou sexo, estado civil, etc". Os efectos desta reforma serían moito máis negativos en comarcas non urbanas, coma a propia Mariña. “Este é outro paso para afastar os servizos das persoas e impedir o seu acceso libre a cuestións fundamentais para trámites tan habituais como pensións, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas", destaca a moción que presentará a formación nacionalista. "No caso da Mariña aínda é máis grave, porque a previsión é que o rexistro se asuma por aqueles que teñen competencia mercantil, co que o máis próximo sería o de Lugo”, di.

Os efectos desta reforma serían moito máis negativos en comarcas non urbanas

O Bloque subliña que “é obriga dos concellos defender que os servizos se presten do xeito máis cómodo e próximo á xente, polo que entendemos que deben posicionarse claramente en contra desta modificación. Non podemos permitir que, mentres as cidadáns e os cidadáns pagamos cada día máis impostos e taxas, esteamos recibindo menos servizos e de peor calidade e debemos respostar a estes ataques desde todos os ámbitos”

Xuntanza dos representantes sindicais co BNG © CCOO
Encontro entre Yolanda Díaz (AGE) e traballadores do Rexistro Civil de Vigo Dominio Público AGE
Manifestación dos traballadores e traballadoras do rexistro celebrada en Madrid en abril © IU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.