Rexeitan a construción dun parque eólico no Morrazo

Coto do Home © http://sendereando.es

O Colectivo Nacionalista de Marín manifesta a súa "total oposición" ao proxecto de parque eólico de Pedras Negras por parte da empresa Enel Green Power España nos Concellos de Moaña, Marín e Vilaboa. O grupo denuncia a instalación de 14 muíños tería efectos na riqueza arqueolóxica, natural e paisaxística da comarca. E lembra que no propio proxecto en exposición pública recoñécese a afectación de catorce xacementos de xeito “moderado” e severo.

Denuncia que os catorce aeroxeneradores son de grandes dimensións (119 metros de altura de buxe e 112 metros de diámetro de rotor), ocuparán una superficie de 17×17 metros cada un, e suporán a apertura de novas vías e ampliación en ancho de pistas forestais existentes, por un total de 17.302 metros, 15.702 metros de gabias para instalación de cable eléctrico e de comunicacións, así como a construción unha subestación eléctrica. 

Monte Faro de Domaio e Coto do Home, os montes máis altos da península do Morrazo, "veríanse afectados polos movementos de terra e a construción de pistas de acceso"

Segundo o colectivo, as áreas naturais de monte Formigoso, Chan de Arquiña, Chan de Gagán, Chan de Xestoso, Serra Domego, Chan da Carqueixa, Chan de Pedras Negras, Os Candóns, Chan de Goa, Serra Basil e Outeiro da Charamiza, así como Monte Faro de Domaio e Coto do Home, os montes máis altos da península do Morrazo, "veríanse afectados polos movementos de terra e a construción de pistas de acceso", así como os nacementos dos ríos Loira, da Fraga, Miñouba e Riomaior, estes dous últimos con saída na súa desembocadoura dentro do LIC da enseada de San Simón. E engade que "por moitas medidas correctoras que propoña a empresa para protexer o entorno natural e os xacementos arqueolóxicos, estes non van estar exentos de alteración e perigo de desaparición". Lembra tamén que Enel Green Power xa foi condenada por delito ambiental na construcción doutros parques eólicos noutras zonas do estado español, polo que non está garantida a preservación do medio nin dos importantes xacementos arqueolóxicos afectados.

Para o Colectivo Nacionalista de Marín "estamos ante un proxecto especulativo baseado nas cuantiosas subvencións que pode recibir a empresa por construír o parque eólico, cartos que non se van reinvestir na comarca"

Para o Colectivo Nacionalista de Marín "estamos ante un proxecto especulativo baseado nas cuantiosas subvencións que pode recibir a empresa por construír o parque eólico, cartos que non se van reinvestir na comarca". E denuncia que pola contra, a afectación económica ás comunidades de montes de Marín, Vilaboa e Moaña "sería grande ao non poder desenvolver a explotación forestal e perder o uso dunha grande extensión de terreo". Lembra finalmente os prexuízos que lle causaría á práctica do parapente, sendo Pedras Negras unha zona de despegue habitual: "O Morrazo conta cunha das asociacións máis importantes para a práctica desta actividade de toda Galiza con socios do Morrazo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e Ourense que se desprazan á nosa comarca, sendo uns magníficos embaixadores dos nosos valores naturais e paisaxísticos".

Coto do Home © http://sendereando.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.