Roupa tóxica en Inditex?

Tenda de Zara en Moscova © Inditex

Greenpeace pon o ollo en Inditex. A organización ecoloxista vén de lanzar unha nova campaña na que denuncia o uso que moitas -e moi coñecidas- marcas de roupa fan de substancias químicas perigosas á hora de fabricar as súas prendas. Zara é a principal acusada.

No último informe de Greenpeace (Puntadas tóxicas, el oscuro secreto de la moda), no que analiza as fábricas textís e a contaminación da auga derivada das devanditas substancias perigosas, a organización fai fincapé en 20 marcas internacionais de moda e os resultados das análises de 140 prendas vendidas por Zara, Calvin Klein, Levi's, Mangou ou Tommy Hilfiger, entre outras.

Así, Greenpeace destaca que a roupa “non debe mesturarse con substancias tóxicas, nin fabricarse sen transparencia nin provocar a contaminación da auga”, tal e como se demostra no informe, que denuncia tamén que moitas prendas “son deseñadas para estragarse máis rápido do que podemos comprar”.

Greenpeace asegura que prendas de Zara “inclúen substancias que poden converterse en canceríxenas ou en disruptores hormonais”

A organización asegura que prendas de Zara “inclúen substancias que poden converterse en canceríxenas ou en disruptores hormonais”, unha grave acusación que foi desmentida por Inditex, que di que realiza un control da calidade do 100% dos seus produtos “cos estándares de calidade e seguridade máis esixentes”.

Inditex nega as acusacións da organización ecoloxista e presume do control de calidade dos seus produtos

Ademais, Greenpeace aclara que algunha destas substancias, ao liberarse ao medio ambiente ou degradarse, “dan lugar a novas substancias que provocan trastornos hormonais ou incluso cancro”. A organización engade tamén que entre as vinte marcas analizadas, “Zara é o único caso no que se detectaron ambos os dous tipos de substancias tóxicas” e vén de lanzar unha campaña na que pide á marca de Inditex "que se una á moda sen tóxicos" e na que recollen sinaturas.

Greenpeace destaca tamén que grandes marcas como H&M e Puma xa se comprometeron a deixar de usar substancias tóxicas na súa cadea de produción, pero di que Zara, "o maior distribuidor de roupa do mundo, segue en silencio".

A organización ecoloxista di que mentres H&M e Puma xa se comprometeron a deixar de usar substancias tóxicas, "Zara segue en silencio"

“Os resultados das análises das prendas de Zara son inaceptables tanto para os que compran a súa roupa como para os que viven preto de onde se fabrican, chegou a asegura o coordinador da campaña Detox de Greenpeace Interacional, Martin Hojsik.

Así e todo, Inditex négao todo e asegura que a súa estratexia “é pioneira e impulsa e apoia os esforzos de todos os proveedores nese sentido”. Así, e en canto á denuncia de Greenpeace, aclara que non pode dar información sobre as prendas analizadas pola organización ecoloxista porque a empresa non foi informada previamente sobre as análises para contrastar os resultados.

“Reiteramos a nosa vontade de tomar as accións que sexan necesarias para alcanzar, no menor prazo posible, o ambicioso obxectivo común de cero emisións de substancias perigosas no sector téxtil”, di Inditex.

Campaña de Greenpeace © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.