Rozas gastará un millón de euros en prepararse para desenvolver os drones

Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes

O proxecto para desenvolver avións non tripulados (drones) nas instalacións do aeródromo das Rozas (Castro de Rei) segue adiante. O INTA (Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial), dependente do Ministerio de Defensa, utiliza este espazo dende 2011 e dende entón vén realizando distintas probas con avións non tripulados, como xa foi denunciado en varias ocasións tanto por formacións políticas como por colectivos sociais

La Voz de Galicia publica este martes na súa edición de Lugo que o INTA prevé realizar unha serie de actuacións no aeródromo, co obxectivo de acondicionalo para as probas previstas cos drones. A máis importante será a construción dun cercado nos catro quilómetros de perímetro do aeródromo, xunto coa reforma da torre de control, a construción dun novo hangar e a instalación dun sistema de seguridade aérea. En total, trátase dunha cantidade próxima ao millón de euros, a maior parte procedentes dunha partida de fondos europeos, que deberán ser completados con cartos da Xunta de Galicia, con quen o INTA deberá asinar un convenio de colaboración.

Trátase dunha cantidade próxima ao millón de euros, a maior parte procedentes dunha partida de fondos europeos, que deberán ser completados con cartos da Xunta de Galicia

Estas reformas xa foran anticipadas hai meses por Bartolomé Marqués, subidrector de Experimentación do INTA, nunha entrevista en La Voz de Galicia, na que destacaba que as actuacións máis "urxentes" no aeródromo pasaban por "pechar o perímetro", pois "hai caza maior e que cruce un xabarín ou un corzo cando se produce un despegue pode ser un desastre" e tamén por "montar un radar de seguimento para poder acadar distancias moito máis grandes".

Ramón Vázquez, deputado de AGE, anuncia que nos vindeiros días presentará unha pregunta no Parlamento para confirmar estas informacións, sobre todo o que respecta á hipotética participación do Goberno galego neste proxecto. Vázquez xa denunciou noutras ocasións o "escurantismo" co que se están realizando probas con avións non tripulados para uso militar en Rozas, e presentou iniciativas no Parlamento galego e no Congreso (a través de IU) para demandar a paralización destas probas e "información" para que o Goberno central aclare "que tipo de investigacións" se están levando a cabo en Castro de Rei.

As últimas novidades son o proxecto de reforma do aeródromo e un informe, presentado hai unhas semanas, no que o Ministerio de Defensa definía o xeito en que o Atlante sería "artillado", é dicir, dotado de armamento

A pesar da ausencia de informacións oficiais facilitadas pola Xunta ou polo Ministerio de Defensa, o certo é que nos últimos meses a actividade das investigacións con drones en Rozas non se detivo. Hai un ano comezaron os voos do proxecto Atlante (Avión Táctico de Largo Alcance No Tripulado Español), un avión espía non tripulado fabricado pola empresa Cassidian, unha compañía integrada na multinacional EADS considerada "líder mundial en solucións de última xeración para forzas armadas e organismos de seguridade civil en todo o mundo" que forma parte do consorcio Eurofighter e participa tamén no "provedor de sistemas de mísiles MBDA", segundo informa a propia empresa. O avión, engade a empresa, está "dotado con tecnoloxía de última xeración" e "posúe características" que "lle permitirán operar en espazos aéreos civiles, a diferenza dos sistemas actuais, limitados a operacións en escenarios de guerra". Non obstante, Cassidian subliña que as misións do Atlante poden ser "tanto civís como militares".

Estas investigacións e os seus resultados poden desembocar en que Rozas sexa "o lugar escollido para establecer unha das cinco bases de drones que a OTAN ten previsto instalar en Europa", como denunciou AGE hai máis dun ano, aínda que tamén están en marcha outros proxectos, coma o de El Arenosillo, en Huelva. Polo de agora, as últimas novidades ao respecto son o proxecto de reforma do aeródromo, coñecido este martes, e un informe, presentado hai unhas semanas, no que o Ministerio de Defensa definía o xeito en que o Atlante sería "artillado", é dicir, dotado de armamento.

Un dos avións probados en Rozas © Cassidian
Instalacións do aeródromo © Aviadores.eu
Campaña contra os drones no aeródromo de Rozas © Mar de Lumes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.