RTVE poderá privatizar a produción e edición dos seus servizos informativos

Equipo de informativos de TVE CC-BY-SA RTVE

A Comisión Nacional da Competencia -ente que desaparacerá proximamente-, considera "positivo" o anteproxecto de lei de reforma da norma 7/2010 da Comunicación Audiovisual, o que pode abrir a posibilidade de que as comunidades autónomas privaticen as televisións públicas e subcontraten integramente a produción dos informativos.

O Goberno quere introducir unicamente dous cambios na norma: un artigo e unha disposición final única, pero de grande importancia. En primeiro lugar, introduce un parágrafo ao segundo apartado do artigo 40 da lei. A intención é a de permitir a privatización das televisións públicas. "As comunidades autónomas determinarán os modos de xestión do servizo público de comunicación audiovisual, que pode consistir, entre outras modalidades, na xestión directa, na xestión indirecta ou en diferentes instrumentos de colaboración público-privada".

Si se poderá ceder a produción e edición dos informativos e poderán subcontratar os programas que o consideren oportuno, sen límites

Así mesmo, baixo o pretexto da "situación económica e a necesidade por parte do conxunto das Administracións Públicas de acometer actuacións que faciliten a consolidación orzamentaria e o saneamento das contas públicas", a lei será reformada de maneira que as televisións públicas, tanto autonómicas como de carácter estatal (RTVE) poidan subcontratar a produción dos informativos. Tal e como explica Competencia, suprímense dous estratos do mesmo artigo (o 40), que dicían o seguinte: "os entes que presten o servizo público de comunicación audiovisual e as súas sociedades prestadoras non poderán ceder a terceiros a produción e edición dos programas informativos".

Doutra banda, establecía un marco de obligatoriedade para que os mesmos entes audiovisuais impulsaran "a produción propia da súa programación de forma que esta abarque a maioría dos programas difundidos nas cadeas xeneralistas". Estes puntos foron eliminados no anteproxecto analizado pola CNC, de maneira que si se poderá ceder a produción e edición dos informativos e poderán subcontratar os programas que o consideren oportuno, sen límites.

A Lofaxga xa introduciu en Galicia un cambio substancial no modelo de financiamento do CRTVG

A este respecto cómpre ter en consideración a observación da propia comisión. "En relación cos entes que prestan o servizo público de comunicación audiovisual (hai que entender que tanto estatais como autonómicos), suprímense os parágrafos terceiro e cuarto do apartado 1 do artigo 40". É a propia Competencia quen interpreta que a supresión de ese estrato da lei poderá afectar á TV pública estatal.

 

O visto e prace da CNC

"O Anteproxecto en cuestión valórase positivamente, considerándose que pode contribuír a introducir competencia nos devanditos ámbitos, ademais das vantaxes que supoña desde o punto de vista da xestión dos recursos públicos", interpreta Competencia. De feito a única recomendación deste organismo de supervisión é a necesidade de introducir no anteproxecto unha vía para garantizar a correcta privatización da xestión, de maneira que as comunidades autónomas utilicen o marco normativo de contratos do sector público "de maneira respectuosa cos principios de competencia libre e non falseada e igualdade de trato".

 

O caso galego: a Lofaxga

A Lei de Ordenación e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público de Galicia (Lofaxga) transformou a a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) nunha “entidade pública empresarial”, e obrigaba ao ente a adaptar os seus estatutos ao que marcaba a nova lei (aprobada en 2010). O artigo 92 da Lofaxga estipula que “as entidades públicas fináncianse, preferentemente, cos ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar en virtude de contratos ou convenios”. 

Pero segundo o último informe do Consello de Contas referido á CRTVG, do ano 2002, a canle pública só sufragaba mediante a publicidade e outros ingresos o 22% de todos os seus gastos. É dicir, que dos máis de 98 millóns que gastou o ente nese exercicio, máis de 60 foron achegados directamente desde as arcas públicas galegas. Só de maneira “excepcional”, segundo a nova lei, “financiaranse [as entidades públicas empresariais] coas transferencias consignadas nos orzamentos xerais” de Galicia.

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.