RTVE retomará as emisións de Radio Exterior en onda curta

As emsións en onda curta é fundamental para moitas embarcacións que traballan en alta mar CC-BY-NC-ND Fabián Montojo

Radio Exterior de España (REE) reiniciará "o antes posible" as súas emisións en onda curta en canto resolva as cuestións técnicas e financeiras vinculadas a esta operación. Veno de anunciar o presidente de RTVE, Pedro Sánchez, na comisión de control parlamentario onde compareceu por primeira vez desde que tomara posesión do seu cargo hai un mes. A noticia é un alivio para milleiros de armadores e mariñeiros galegos, que desde que coñeceron a intención da emisora pública criticaron a medida que afecta moitos traballadores do mar, embarcados en altura, que quedarían sen unha emisión moi valorada para eles e que era a únic posible en moitos barcos pesqueiros, sobre todo os de menor tamaño, que non contan coa tecnoloxía axeitada.

Radio Exterior reiniciará "o antes posible" unhas emisións por onda curta que cesaran hai máis dun mes

REE deixou de emitir o seu sinal por onda curta o 15 de outubro e desde aquela representantes de federacións e sindicatos de xornalistas, cooperantes, pesca e radioescoita no Estado reclamaron a permanencia dunhas emisións que son seguidas por entre 4 e 10 millóns de oíntes, varios miles deles mariñeiros galegos.

Foi o pasado 19 de outubro cando o Faro de Vigo desvelaba os plans do Goberno central de poñer fin á emisión en onda curta, xustificada no custe deste servizo (1,2 millóns de euros anuais) e a que recepción de REE no exterior estaba garantida grazas á transmisión a través de Internet e vía satélite. Porén, dende o primeiro momento asociacións de armadores e mariñeiros criticaron unha medida que podería deixar milleiros de traballadores do mar sen esta emisión.

Mariñeiros, asociacións de xornalistas, cooperantes e sindicatos crearan unha plataforma en defensa da onda curta

Non hai moito, o director de Radio Exterior de España, Antonio Szigriszt, reiterara que o Goberno non daría marcha atrás na súa decisión, aínda que o secretario xeral de Pesca, Andrés Hermida, deixaba a porta aberta a "buscar alternativas" e logo de que o Ministerio anunciara que emitiría un informe á Secretaría de Estado de Comunicación e á dirección de RTVE.

Ante esta situación, creouse a Plataforma en Defensa da Onda Corta de Radio Exterior de España, impulsada pola Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE) e formada tamén pola Confederación Española de Pesca (Cepesca), Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU), Asociación Española de Radioescucha (AER), Federación de Sindicatos de Periodistas (FeSP), e as federacións de servizos de UGT FeS-UGT e CCOO. O seu obxectivo foi facer presión ante o Goberno. Destacan a importancia que este servizo ten para moitos colectivos no exterior (sobre todo mariñeiros e cooperantes) e lembran que BBC, Radio France Internationale, Deutsche Welle, China Radio Internacional ou Voice of America non só manteñen a súa emisión en onda curta, senón que mesmo a "reforzan".

O BNG presentou unha serie de iniciativas parlamentarias, tanto no Congreso dos Deputados coma na Cámara galega, instando o Goberno a manter o servizo de onda curta de REE por “ser un servizo público de grande importancia para as frotas pesqueiras” e tamén “por constituír unha vía de comunicación para a emigración en xeral”.

RTVE anuncioulle o cambio de decisión ao BNG, que advertira da importante "vía de comunicación para a emigración e as frotas pesqueiras" que supón Radio Exterior

Precisamente, e a preguntas da deputada nacionalista Olaia Fernández Davila e doutros parlamentarios, Pedro Sánchez asegurou que "RTVE é sensible ás necesidades dos españois que demandan este tipo de emisións, como pescadores de altura, misioneiros, cooperantes, colectivos de emigrantes ou empresarios", tras recoñecer que a decisión agora revogada debérase ao "alto custo" do seu mantemento.

"En canto tecnicamente resulte posible, reiniciaranse as emisións", que complementarán outras vías como o cable, internet e a TDT. O presidente de RTVE, en resposta ás dúbidas do BNG, recoñeceu que as emisións non eran posibles no Gran Sol desde hai tempo, pero dixo descoñecer os "detalles técnicos". Iso si, insistiu en que "onde haxa necesidade, vai chegar a onda curta" e recoñeceu que tivera conversas con varios ministerios e coa Xunta de Galicia que o levaron a reconsideran a decisión inicial.

"Non obstante, no futuro, a onda curta, queiramos ou non, desaparecerá", advertiu Sánchez, que asegura  que a BBC tan só emite unha hora diaria de luns a venres en onda curta.

Nas últimas semanas, a Cooperativa de Armadores de Vigo lembrara a través dun comunicado de prensa a importancia desta emisión dadas as "especiais circunstancias de traballo que arrastran os esforzados tripulantes", sinalando que "ata que se produciu o seu actual silencio, Radio Exterior de España permitiulles sentir que, aínda estando lonxe das súas casas e da súa terra, se mantiña ese vínculo, ao facelos partícipes do día a día". A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) lembraba que, mesmo habendo alternativas técnicas para recibir a emisión (a transmisión vía satélite), en moitas ocasións a instalación desta tecnoloxía nos barcos acada un prezo "tan elevado" que impide que poida ser pagado polos responsables das embarcacións.

Algúns dos equipos empregados para a emisión e que agora pasan a estar inutilizados ou van ser malvendidos foron adquiridos hai apenas tres anos por 400 mil euros.

A audiencia de Radio Exterior en todo o mundo é de entre 4 e 10 millóns de oíntes

Un informe de CC.OO. calcula a audiencia de REE en todo o mundo en entre 4 e 10 millóns de oíntes e asegura que o 80% segue as emisións a través daonda curta. UGT, pola súa banda, denuncia que algúns dos equipos empregados para a emisión e que agora pasan a estar inutilizados o van ser malvendidos, foron adquiridos hai apenas tres anos por 400 mil euros. Propón que, no caso se que sexa imprescindible reducir custes, Radio Nacional opte por fórmulas coma a escollida pola BBC, que pasou de emitir en 25 linguas a facelo en 15. Na actualidade REE emite en seis idiomas (inglés, francés, portugués, árabe, ruso e sefardí), ademais de en castelán.

As emsións en onda curta é fundamental para moitas embarcacións que traballan en alta mar CC-BY-NC-ND Fabián Montojo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.