"Sábese que o capitalismo está en crise cando se comeza a empregar esa palabra: capitalismo"

Terry Eagleton, este luns en Pontevedra CC-BY-SA GZVideos

Marx estaba no certo. Ese foi o argumento principal da conferencia de Terry Eagleton que este luns pola noite pechou en Pontevedra a primeira xornada da Semana Galega de Filosofía. E tamén o título dunha das súas últimas obras, Why Marx Was Right (2011), un libro de carácter divulgativo, no que Eagleton reivindica a Marx, e contesta os tópicos que se foron impoñendo sobre algúns aspectos do seu pensamento, e no que tamén responde algunhas "análises precipitadas" sobre algúns acontecementos do século XX. Eagleton, nacido en Manchester nunha familia de orixe irlandesa, é profesor titular de literatura inglesa na Universidade de Manchester e ten publicado máis de corenta libros, tanto sobre a Teoría da Literatura coma relacionados coa filosofía e a análise do marxismo ou cunha óptica marxista.

"Se nos distanciamos do capitalismo e o obxectivamos, facémolo máis perceptible. Así, facémonos conscientes de que tivo unha orixe, non estivo sempre aí. Polo tanto, pode morrer"

Falar de Marx é falar do capitalismo, do que o filósofo alemán foi un dos máis exactos analistas. Nese senso, Eagleton destacou este luns en Pontevedra a importancia do estudo do capitalismo realizado polo marxismo como unha forma de poñelo en cuestión: "Se nos distanciamos do capitalismo e o obxectivamos, facémolo máis perceptible. Así, facémonos conscientes de que tivo unha orixe, non estivo sempre aí. Polo tanto, pode morrer". De volta ao momento presente, Eagleton subliñou a actual crise que vive o capitalismo: "Sabes que o sistema está en crise cando o capitalismo comeza a usar esta palabra, capitalismo", dixo.

Eagleton destacou que "Marx non odiaba o capitalismo" e que "de feito destacaba a burguesía e o capitalismo como unha das forzas máis importantes da historia, que en poucos séculos borrara de raíz o feudalismo". "O problema que achaba Marx" -continuou Eagleton- "era por que esa riqueza non se podía repartir?". "Como é posible que nun momento onde a acumulación de riqueza é maior ca nunca traballamos máis ca en épocas pasadas? Este é unha dos paradoxos que presenta o capital", sinala.

"A ética comunista consistiría en afirmar que o desenvolvemento dun permite o desenvolvemento dos outros, introduce o concepto do común. O desenvolvemento do individuo sería necesario para o desenvolvemento da comunidade"

Para Eagleton, outra das ideas falseadas sobre Marx ten que ver coa súa consideración do individuo e do individualismo: "Marx era un apaixonado do individuo. O central nel é a ética e a idea da preeminencia da política, o que o emparenta con Aristóteles. Un híbrido entre un ilustrado e un romántico, cun grande interese polo individuo". O profesor inglés destaca que "Marx fala da realización das capacidades humanas. A cuestión é que os teus desexos e  necesidades sexan compatibles cos dos outros". "A ética comunista consistiría en afirmar que o desenvolvemento dun permite o desenvolvemento dos outros, introduce o concepto do común. O desenvolvemento do individuo sería necesario para o desenvolvemento da comunidade", conclúe, sinalando que "a palabra técnica para isto sería amor, o que facilita que o desenvolvemento dunha persoa beneficie a toda a súa comunidade".

"El quería escribir sobre Balzac, pero pensou que sería irresponsable. A razón pola que Marx se centrou tanto na economía foi para tentar diminuír a tiranía do económico sobre o individuo"

Na súa intervención destacou que Marx non é o creador da idea de comunismo, ou de revolución, ambas as dúas moi antigas, o mesmo que o concepto de clase social ou de loita de clases, que Marx e Engels "tomaron dunha tradición máis antiga". "O que identifica Marx" -destaca Eagleton- "é o axente revolucionario, que é a clase traballadora". Neste senso, para Eagleton outra falsa imaxe de Marx é "que só se concentra no proletariado industrial, pero non é certo. Fala do servizo doméstico, do campesiñado, da pequena burguesía. De feito, na Inglaterra victoriana, a parte máis importante do proletariado era o servizo doméstico, que eran maioritariamente mulleres".

Eagleton tamén repasou algúns grandes erros cometidos por Marx, por exemplo relacionados co que hoxe chamamos terceiro mundo, que denominou pobos sen historia, que nunca acadarían a liberación social por si mesmos

Eagleton lembrou que Marx tivo que escribir moito sobre economía sen ser economista, e sen gustarlle realmente a economía: "El quería escribir sobre Balzac, pero pensou que sería irresponsable. A razón pola que Marx se centrou tanto na economía foi para tentar diminuír a tiranía do económico sobre o individuo". Neste senso, Eagleton apunta que "o socialismo e o comunismo non tratan sobre o traballo, senón sobre o lecer", e destacou o interese de Marx pola arte: "porque a arte é o paradigma da realización das capacidades humanas por elas mesmas. Pola súa propia existencia, a arte é unha crítica do utilitarismo".

Eagleton tamén repasou algúns grandes erros cometidos por Marx, por exemplo relacionados co que hoxe chamamos terceiro mundo, que denominou pobos sen historia, e sobre os que escribiu que nunca acadarían a liberación social por si mesmos. "Hai unha certa supremacía étnica", destacou. De igual xeito, subliñou que ao seu xuízo unha das traxedias do século XX é que o socialismo era máis necesario naqueles lugares nos que tiña menos posibilidades de triunfar, en referencia ao estalinismo e á URSS.

"O que quere un socialista é deixar de selo, o mesmo que se dentro de 50 anos hai feministas será unha mala nova, porque iso significará que seguirá habendo patriarcado"

Tamén puxo en relación o marxismo co cristianismo, na medida en que un e outro teñen unha estrutura de traxedia, pois para acadar o obxectivo "hai que pasar por unha etapa polo inferno". Nese momento, no momento do triunfo, "habería que plantexarse a pregunta de se a historia, o sufrimento, pagou a pena", sinalou.

Para rematar, Eagleton subliñou o feito de que Marx non falou do futuro, senón que o que fixo foi "resaltar as contradicións do presente que impiden liberar o futuro. Non falou do futuro porque da liberdade non se pode falar en futuro". "Un é marxista para deixar de selo"- dixo Eagleton- "o que quere un socialista é deixar de selo, o mesmo que se dentro de 50 anos hai feministas será unha mala nova, porque iso significará que seguirá habendo patriarcado. Polo tanto, unha vez que se desencadee o futuro, o marxismo non ten nada máis que facer".

 

A xornada do martes

A segunda xornada da Semana Galega de Filosofía comezou pouco despois das 10.30 horas cunha conferencia de Domenico Losurdo (Universidade de Urbino), titulada "Marx, a teoría da loita de clases e a situación actual". Pola tarde, a partir das 17 horas, Xosé Veiras falará sobre "O monte e a revolución da sustentabilidade". Pola noite, a partir das 20 horas, o revolucionario e militar portugués Otelo Saraiva de Carvalho falará sobre "A Revolución vivida", a tres días da conmemoración do 40 aniversario da Revolução dos cravos.

Terry Eagleton, este luns en Pontevedra CC-BY-SA GZVideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.