Salvemos Cabana agradece "a maioritaria e contundente oposición sindical" ao proxecto mineiro de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

A plataforma Salvemos Cabana vén de facer público un posicionamento con motivo do 1º de maio no que valora "moi positivamente" o "compromiso e solidariedade demostrados polas principais organizacións sindicais" con respecto ao proxecto mineiro de Edgewater. En concreto, refírese á actuación de Comisións Obreiras, Confederación Intersindical Galega, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores "na defensa dos miles de postos de traballo que están asociados ao sector primario e turístico na nosa bisbarra".

Para Salvemos Cabana, "todo o que os principais sindicatos declararon publicamente non fai máis que referendar a maioritaria oposición social que obtivo o proxecto de Edgewater dende a súa presentación, fronte ao que xa se reuniron máis de 22.500 firmas e a loita de numerosas organizacións sociais, políticas e ecoloxistas de toda Galicia". O único sindicato que manifestou o seu apoio ao proxecto da multinacional foi USO.

Para Salvemos Cabana, "todo o que os principais sindicatos declararon publicamente non fai máis que referendar a maioritaria oposición social que obtivo o proxecto de Edgewater dende a súa presentación"

Por exemplo, cita a declaración de repulsa ao proxecto mineiro aprobada recentemente polo Consello Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, ao considerar "que son máis os riscos que os posibles beneficios", e que "Corcoesto podería converterse nun novo Aznalcóllar". No plano laboral, ademais, sinalan que o proxecto mineiro refíerese a 271 empregos directos, dos que 133 serían a través de subcontratas, pero en ningún caso chega a indicarse a duración destes. Non obstante -remarcan-, en minas auríferas do resto do mundo o que se coñece é que "unha vez finaliza o período de desmonte do terreo e construción das infraestruturas, a mecanización e a chegada de man de obra especializada provoca un descenso dramático das contratacións, especialmente no ámbito local".

Pola súa banda, dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) tamén se esixiu a inmediata paralización do proxecto, sinalando que "Edgewater pode facer a aposta especulativa que considere, pero a Xunta de Galicia non pode ser cómplice de permitir a evasión de grandes capitais, a destrución do noso ámbito natural e a merma da saúde das persoas, só para beneficio destes que provocaron que moitas familias xa non teñan nin para comer cada día".

Dende o mundo agrario tamén se manifestou unha rotunda oposición á mina de Corcoesto. O Sindicato Labrego Galego (SLG), considera que o proxecto supón "unha seria ameaza" para a pervivencia do sector primario na Bisbarra de Bergantiños, e que os 271 postos de traballo temporais que oferta a empresa, non xustifican "poñer en perigo miles de empregos relacionados cunha actividade permanente como a agrogandeira, clave da articulación económica e social de todo o territorio afectado". Na mesma liña, os dous sindicatos agrarios maioritarios, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, sinalaron que as 1.452 explotacións agrarias de Bergantiños, que dan traballo a 2.714 persoas, veranse "gravemente afectadas" pola mina de Corcoesto, e que non poden sacrificarse os miles de postos de traballo actuais a cambio de 133 empregos directos durante un período de oito anos

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.