O colectivo Salvemos Pontevedra presentou este mércores as súas alegacións no procedemento polo que se incoa expediente de caducidade da concesión da que goza ENCE para a súa planta de Lourizán. A entidade lembra que a empresa carece de título habilitante para ocupar os terreos que actualmente ocupa. "Non consta que se lle concedera Licencia Urbanística de Actividade", di e engade que "tampouco consta que se lle outorgase licenza para a planta de coxeración de enerxía eléctrica, para o comedor-autoservizo, ou a EDAR de Os Praceres, entre outras instalacións que existen na parcela concesional". A entidade acusa, ademais, Servicio de Costas de manter "parcialidade e inactividade durante anos".
"Non consta que se lle concedera Licencia Urbanística de Actividade", di
O pasado mes de outubro a Audiencia Nacional, a instancias do Tribunal Supremo (que ditou sentenza en xuño) instou a Administración Xeral do Estado a incoar o expediente de caducidade da concesión que goza Ence, trala denuncia presentada por Salvemos Pontevedra.
A APDR fixo especial fincapé naqueles aspectos relativos aos incumprimentos de carácter medioambiental
A pasada semana a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) presentou alegacións, como parte interesada, ao expediente de caducidade da concesión de ENCE. A entidade fixo especial fincapé naqueles aspectos relativos aos incumprimentos de carácter medioambiental incluídos polo Ministerio como causas de posible caducidade da concesión: “adoptar todas as medidas que se lle impoñan para reducir a toxicidade das augas residuais ata os límites que permitan a vida do marisco e da pesca” e así mesmo, “todas as precaucións necesarias para evitar malos cheiros, fumes, pós, gases tóxicos e cantas circunstancias poidan ser molestas para o veciñanza e nocivas para a saúde”. Unhas obrigas que, lembra, "foron e continúan a ser incumpridas case sistematicamente ao longo da existencia da empresa na enseada de Lourizán".