Sancionan a empresa mineira de Corcoesto por realizar sondaxes de exploración sen autorización

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

A Xunta de Galicia vén de darlle a razón á Plataforma pola Defensa de Corcoesto e ás asociacións de veciños de Corcoesto, Cereo e Valenza, que denunciaron que a empresa Mineira de Corcoesto, estaba realizando de xeito ilegal sondaxes de exploración mineira e xeotécnicos nas cuadrículas mineiras que configuran o permiso de investigación Julia 2 e Julia 3, que se atopan en tramitación na actualidade e que afectan principalmente ao Concello de Coristanco.

Tal e como denunciara a plataforma, a empresa mineira non dispoñía de autorización administrativa para a realización destes traballos, que se desenvolveron sen ningún tipo de control medioambiental na zona de dominio público hidráulico e de policía do río Lourido. Ademais do anterior, a empresa tampouco dispoñía de autorización de Augas de Galicia para captar auga do citado río para o funcionamento da maquinaria usada nestes traballos.

A Xunta comunicoulles aos veciños afectados o inicio dun expediente sancionador contra a empresa

Estes feitos vén de corroboralos agora a Xunta de Galicia, que a través de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, recoñece que a empresa mineira estaba realizando sondaxes fora da legalidade. Por esta razón, comunicoulles aos veciños afectados o inicio dun expediente sancionador contra a empresa Mineira de Corcoesto, S.L., motivado pola denuncia presentada por estes por realizar obras de sondaxes e calicatas na zona de policía do río Lourido, carecendo de autorización.

"Esta forma de actuar, pon de manifesto, unha vez máis, a falta de ética e de compromiso da empresa canadense Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, coa normativa española en xeral e coa medioambiental en particular"

Segundo a plataforma, "esta forma de actuar, pon de manifesto, unha vez máis, a falta de ética e de compromiso da empresa canadense Edgewater e a súa filial Mineira de Corcoesto, coa normativa española en xeral e coa medioambiental en particular, e desmente o comunicado feito pola empresa no que negaba as acusacións e aseguraba que tiña todos os permisos en regra”. Neste senso, a Plataforma lembra que non é a primeira vez que esta empresa incumpre as normas legais, xa que -din- desde o ano 2001 e ata xaneiro de 2013, "exerceu a súa actividade nunha nave agrícola de Corcoesto sen licenza municipal, contaminando as praderías situadas ao seu carón, con residuos derivados do procesado do material extraido nas exploracións realizadas nos montes da parroquia". Foi a raíz dunha denuncia, tamén presentada polos veciños, como a empresa tivo que pechar este centro de traballo.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.