As precarias condicións na que as mulleres no segundo trimestre de xestación interrompen o seu embarazo desvelou xa numerosas eivas no funcionamento dos protocolos sanitarios en Galicia. A falta de garantías e da asistencia mínima requirida para estes abortos euxenésicos -denunciada por varias afectadas- provoca que sexan maioría as mulleres enviadas a Madrid para seren atendidas nunha clínica especializada coa que a Xunta mantén un convenio. Hai tan só unhas semanas, unha parella enviou unha carta á Consellería de Sanidade denunciando o "desleixo" da Administración galega ante esta situación, a falta de apoio e o feito de que a muller non tivese alternativa ningunha no Sergas ou no país. A resposta do conselleiro Vázquez Almuíña, á que tivo acceso Praza, sorprendeu aínda máis aos implicados: anúncialles que vai denunciar a clínica madrileña ante un posible trato non axeitado pero evita responder á demanda de explicacións sobre o "deixamento de funcións" das autoridades galegas e a "absurda" esixencia de ter que viaxar 600 quilómetros para afrontar ese aborto. "Lávanse as mans", resume.
Unha parella afectada por ter que levar a cabo un aborto euxenésico en Madrid acusa de "desleixo" á Xunta, que responde denunciando á clínica coa que ten convenio
A parella decidiu enviar unha carta ao conselleiro, na que denuncia o que considera un "deixamento de funcións" por parte da Xunta ante o seu caso. Con 19 semanas de xestación, unhas probas médicas descobren malformacións graves no feto. O Sergas infórmaos de que a interrupción do embarazo deberá realizarse en Madrid, malia que preguntaron mesmo pola posibilidade de pagar unha clínica privada en Galicia para "reducir o estrés engadido dunha viaxe absurda con consecuencias físicas e psicolóxicas". Segundo contan, os médicos comunícanlle "que na comunidade non existe a posibilidade, nin pública nin privada, de realizar esas intervencións nese momento do embarazo". Abortos terapéuticos pasadas as 14 semanas.
O Sergas comunicoulle á parella que non había posibilidade "nin pública nin privada" dun aborto terapéutico pasadas as 14 semanas en Galicia
A parella galega explica na carta -que tamén foi remitida á Valedora do Pobo- a situación de ansiedade e estrés provocada por unha viaxe de seis horas, pola intervención e a espera. E advirte mesmo dos "medios humanos claramente insuficientes" na clínica. Foi dada de alta ao día seguinte. "Unha muller que abortara a tarde anterior un feto de case 21 semanas, coas molestias físicas, psicolóxicas e anímicas que iso provoca, acomete unha viaxe de perto de 600 quilómetros e seis horas até a súa casa", quéixase o home na carta, na que se pregunta "que tería sido unha viaxe en coche-cama [a opción que lle ofrecía a Xunta], co engadido de ter que cadrar horarios, buscar taxis ou liñas de metro ou contratar un cuarto nun hotel".
O home afectado indícalle tamén ao conselleiro a dificultade que supón "a distancia cos familiares nun momento tremendamente duro" e lémbralle que o seu caso "só é un de moitos". "A maior parte das parellas non lle dan máis voltas ao asunto para superalo canto antes, polo que a problemática queda no esquecemento e os responsables desta situación non asumen a súa culpa", din. "Nós estimamos que é o noso deber cívico denunciar publicamente esta situación de clara deixa de funcións por parte do Sergas, que afecta directamente a saúde física e mental de moitas mulleres", engaden.
"Só é un caso de moitos, pero é o noso deber cívico denunciar publicamente este deixamento de funcións do Sergas"
"Sei que vostedes se escudarán en que hai que respectar a obxección de conciencia dos xinecólogos do Sergas, pero tamén eu sei que ata hai uns anos os obxectores non eran significativos e que este tipo de intervencións realizábanse con total naturalidade en Galicia, o que me fai sospeitar que hai unha problemática detrás que non foi abordada", insiste o home na súa carta, que asegura que, en caso de que "por un estraño capricho do destino, todos os xinecólogos sexan obxectores de conciencia reales, o Sergas ten que buscar solucións". "Estou en contra da externalización de servizos, pero parece absurdo que non exista nin unha soa clínica privada en Galicia que realice este tipo de intervencións e haxa que desprazarse a Madrid", denuncia quen sospeita "que se trata máis de vontades que de capacidades".
"Espero que respecte que os cidadáns, fartos da mala xestión do Sergas, tomen conciencia dos infinitos exemplos de desleixo e esixan responsabilidades oportunas a aqueles que xogan coa saúde dos nosos", remata, antes de volver "esixir que se habilite unha solución digna para a situación descrita nesta carta". "Non queremos que ningunha muller galega teña que 'emigrar' a Madrid para pasar por este trance", conclúe.
"Non queremos que ningunha muller galega teña que 'emigrar' a Madrid para pasar por este trance"
A resposta a esta carta, enviada o pasado 8 de xuño, chegou este luns 20. O conselleiro Vázquez Almuíña recoñece a "difícil situación" que tivo que vivir a parella e entende as "lóxicas preocupacións e inquedanzas". Ademais, lamenta o sucedido, pide que "desculpe as incomodidades creadas" e lembra que ante a "grave situación" ordenou que a directora de Procesos Asitenciais da súa área sanitaria, a de Ferrol, se reunise con eles, tal e como así aconteceu o pasado día 10, aínda que "con moi bo trato pero sen ningún movemento máis", como confirma a parella afectada.
Tal e como relata a familia, a misiva non dá resposta á súa principal inquedanza. "É unha carta absurda onde non se fai nin mención a por que temos que ir a Madrid. Lávanse as mans", explica o home. Pero si anuncia unha denuncia contra a clínica Isadora, coa que a Xunta mantén convenio desde hai anos. Os afectados si fan referencia a algunhas eivas, sobre todo en canto á "frialdade" coa que se realiza a intervención. "Houbo un punto no que nos trataron mellor; deume a sensación de que están afeitos e fano todo moi mecánico", din. Pero o caso é que a súa principal demanda foi desatendida pola Xunta, que puxo o foco no centro a onde envía os casos que o Sergas é incapaz de atender.
Sanidade advírtelles na carta que denunciarán a clínica ante Inspección para que "tomen as medidas correctoras, incluídas as sancionadoras"
Así, a Consellería de Sanidade anuncioulles na carta que presentará "a oportuna denuncia" ante a Inspección de Servizos Sanitarios da Consejería da Comunidad de Madrid para que "tomen as medidas correctoras sobre ese centro sanitario, incluídas as sancionadoras, que correspondan".
"A Xunta non asume as súas responsabilidades e bota a culpa a outros"
Fontes de ACAI (Asociación de Clínicas de Interrupción Voluntaria do Embarazo), amosan a súa sorpresa polo anuncio da denuncia, aínda que desconfían "que sexa unha resposta tipo para lavar as mans". "A Administración galega non asume as súas responsabilidades, lava as mans e agora busca un chivo expicatorio, actúa por elevación e bota as culpas ao centro Isadora", explican desde a patronal das clínicas abortivas, que se pregunta "en que vai soster a Consellería de Sanidade esa denuncia". "Sempre se pode percibir un trato mellor ou peor e é comprensible o enfado de quen ten que asumir ese trance e, aínda por riba, a quilómetros de distancia porque o sistema sanitario de Galicia non é capaz de ofrecerlle a posibilidade nin as garantías", explica.
"A Xunta busca un 'chivo' expiatorio e bota as culpas á clínica cando non é quen de ofrecer garantías en Galicia"
Desde a propia clínica Isadora, fontes médicas aseguran lembrar perfectamente o caso é din "ter a percepción de que a parella acabou marchando tranquila", aínda que entenden tamén "o nerviosismo e o malestar ao principio" de quen ten que afrontar unha interrupción do embarazo deste tipo nesas circunstancias. Este mesmo centro, ante máis denuncias desde Galicia de mulleres obrigadas a realizar estes abortos euxenésicos en Madrid, xa asegurara que "ninguén debera facer tantos quilómetros" para un aborto que "debería regularse na sanidade pública". "Oxalá ninguén tivese que desprazarse a Madrid", advertían.