Santa Cruz, á procura do mar

Recollida de sinaturas, o pasado mes de febreiro © Santa Cruz Aberta ao Mar

En maio de 2013 foi derrubado no Porto de Santa Cruz, en Oleiros, o Hotel Maxi, inaugurado en 1965 por Manuel Fraga como hotel e restaurante, trala reconversión do edificio, que en orixe fora unha fábrica de conservas. O derrubo deixaba un predio baleiro a carón do mar, abrindo unha visión directa do Castelo de Santa Cruz dende o centro da vila. Porén, os plans para ese privilexiado espazo urbano eran outros: o propietario do predio, a sociedade Hostcastros (do empresario Manuel Collazo), prevía a construción dun hotel de luxo, un proxecto para o que o Goberno local mesmo modificou o PXOM de Oleiros en 2012, unha modificación criticada por todos os grupos da oposición.

A entidade denuncia que o edificio proxectado, de 18,5 metros de alto e todo o ancho da finca, "suporá unha pantalla visual moito peor que o antigo Maxi"

Hai uns meses constituíuse unha plataforma veciñal, Santa Cruz Aberta ao Mar, que traballa pola recuperación para o uso público deste espazo, aproveitando a oportunidade aberta co derrubo do hotel, e abrindo a localidade ao mar. A plataforma, que reuniu ao redor de dúas mil sinaturas, denuncia que o edificio proxectado, de 18,5 metros de alto e todo o ancho da finca, "suporá unha pantalla visual moito peor que o antigo Maxi", convertendo Santa Cruz de Liáns "nunha vila case sen mar, ou con este agachado, tapando tamén para case toda a poboación o castelo de Santa Cruz, símbolo de todo o Concello".

Nos meses previos ás eleccións municipais de maio houbo un tirapuxa entre o Concello e a sociedade Hostcastros, chegando o Goberno municipal a denegarlle a licenza de construción, despois de que a empresa modificase o seu plan inicial (un hotel de luxo), apostando por construír un edificio de apartamentos turísticos, argumentando que a crise económica fixera menos rendible un establecemento hoteleiro da categoría proxectada.

Porén, o pasado 24 de outubro o boletín municipal Vivir en Oleiros publicaba que a licenza de edificación na parcela do Maxi fora xa concedida e que se agardaba que as obras comezasen "antes de fin de ano", contando xa coas autorizacións de Costas, Augas de Galicia e da Xefatura de Estradas. O anuncio do Concello especificaba que a licenza se concedía para a construción dun hotel. Santa Cruz Aberta ao Mar criticou que o Concello non informase da concesión desta licenza nin aos medios de comunicación nin ao propio pleno municipal e acusou o alcalde, Ángel García Seoane (Alternativa dos Veciños), de ter realizado unha "denegación de licenza táctica xusto antes do comezo da campaña electoral das municipais, conseguindo enganar cando menos a parte da opinión pública de Oleiros".

A plataforma acusa o alcalde de realizar unha "denegación de licenza táctica xusto antes das municipais, conseguindo enganar a parte da opinión pública de Oleiros"

Santa Cruz Aberta ao Mar convocou unha asemblea aberta para o vindeiro mércores 11 de novembro (ás 20.30 horas na praza Esther Pita) para dar conta dos últimos movementos e reactivar a loita cidadá para recuperar este espazo para o seu uso público, proporcionándolle á sociedade Hostcastros unha ubicación alternativa para a construción do seu hotel. A plataforma, que solicitou en tres ocasións (vía rexistro) entrevistarse co alcalde, obtendo sempre respostas negativas, sinala que o Goberno municipal se comporta "en canto a transparencia e respecto aos electores" coma o fixeron no seu día "Marbella ou Barreiros", actuando neste asunto "de maneira absolutamente parcial, defendendo os intereses particulares da empresa Hostcastros SL e do propietario da finca, Manuel Collazo". Alerta ademais de que "é moi probábel" que en pouco tempo o proxecto de hotel da sociedade "se reconvirta en edificio de apartamentos ou semellante".

Recollida de sinaturas, o pasado mes de febreiro © Santa Cruz Aberta ao Mar
Castelo de Santa Cruz CC-BY-NC-SA Rafael Aleixo
A construción do novo hotel, de 18 metros de altura, limitaría moito a visión directa do mar dende o centro da localidade © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.