Santiago Álvarez, 100 anos de comunismo

Mitin de Santiago Álvarez © Fundación 10 de marzo

O 11 de febreiro de 1913 nacía en Vilamartín de Valdeorras Santiago Álvarez, fundador do PCG en 1968, e un dos referentes fundamentais do comunismo galego ao longo do século XX, tanto a nivel político coma teórico. Para conmemorar o centenario seu nacemento a Fundación 10 de Marzo realizou unha exposición itinerante sobre a súa obra e figura, que estes días está en Santiago de Compostela despois de pasar polo Barco e Ourense.

Santiago Álvarez é, para moitos, un gran descoñecido, un esquecemento que Ricardo Gurriarán, coordinador da mostra, atribúe a que "a partir de 1969 a dialéctica interna na esquerda e a posterior crise do PCG fixeron que algunhas figuras moi importantes da historia do comunismo en Galicia caesen no ostracismo". Gurriarán reivindica a súa memoria e a de todo o Partido Comunista: "responsable da meirande parte da loita contra a ditadura sobre todo nos seus anos máis duros".

"A partir de 1969 a dialéctica interna na esquerda e a posterior crise do PCG fixeron que algunhas figuras moi importantes da historia do comunismo en Galicia caesen no ostracismo"

Santiago Álvarez afiliouse ao partido con tan só 18 anos e xa en 1934 estivo na cadea polo seu apoio á Revolución de Asturias. En 1936 formou as Milicias Populares Galegas xunto a Castelao e loitou na defensa de Madrid. Volveu sufrir a prisión, desta volta de maneira máis dura, despois da guerra. En 1944 volvera a España clandestinamente e foi detido. Pasou nove anos nos penais franquistas e só unha intensa campaña internacional conseguiu a súa liberación. Era xa daquela un dos nomes importantes do PCE e formaba parte do seu Comité Central, encargado das relacións internacionais, o que lle permitiu viaxar por todo o mundo entrando en contacto cos partidos comunistas de toda Europa e tamén de América Latina e a África lusófona. E tamén foi esta función a que o levou a contactar permanentemente coas comunidades de emigrantes galegos. 

Fillo de labregos, fixo grandes achegas á construción do programa comunista para o campo español e galego, actualizando a visión do PC sobre a cuestión agraria

Era un home plenamente internacionalista e tamén moi preocupado polo contacto coa terra. Fillo de labregos, fixo grandes achegas á construción do programa comunista para o campo español e galego, actualizando a visión do PC sobre a cuestión agraria, alentando o fomento do cooperativismo e da modernización das explotacións. E en boa medida o seu traballo foi o responsable da implantación do PCG no campo galego a través das Comisións Campesiñas e da importante participación en loitas coma a de Castrelo do Miño.

Outra das súas grandes preocupacións foi a cuestión nacional. De feito, Santiago Álvarez foi o principal impulsor da creación do Partido Comunista de Galicia, unha proposta que realizou oficialmente en 1965 no seo do PCE e que finalmente cristalizou en 1968. Para el, que o PC galego contase cunha organización de seu, como sucedia en Catalunya co PSUC, non respondia unicamente a un asunto de tacticismo -a UPG nacera uns anos antes e ao PC comprialle artellar a súa estrutura en Galicia-, senón que a cuestión galega era unha preocupación de primeiro nivel para el. Mantivo unha longa correspondencia sobre estes temas con Castelao, Paz Andrade, Ramón de Valenzuela ou Xesús Alonso Montero e chegou a escribir varios ensaios sobre o problema nacional galego e a súa relación co marxismo.

Para el, que o comunismo galego contase cunha organización de seu, como sucedia en Catalunya co PSUC, non respondia unicamente a un asunto de tacticismo

E é que á marxe da súa actividade politica, que seguiu sendo moi intensa até que en 1979 abandonou a Secretaría Xeral do PCG en mans dunha nova xeración, Santiago Álvarez desenvolveu un importante labor ensaístico. O que non deixa de ser paradoxal en certa maneira tendo en conta que Santiago Álvarez foi un rapaz analfabeto e non apredeu a ler até que xa foi mozo. Foi un home que a partir daquel 1913 en Vilamartín de Valdeorras se forxou a si mesmo e a través do que se pode percorrer boa parte da historia do século XX.

Mitin de Santiago Álvarez © Fundación 10 de marzo
Exposición sobre Santiago Álvarez na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.