Sanxenxo critica que 'Hablamos español' utilice a localidade para conseguir "repercusión mediática"

Imaxes da recollida de sinaturas do pasado 28 de xullo © Hablamos Español

O pasado 28 de xullo a asociación Hablamos Español, presidida por Gloria Lago, instalou en Sanxenxo unha mesa de recollida de sinaturas para a súa ILP "en favor de la libertad de lengua". A iniciativa foi respondida de forma retranqueira por un grupo de persoas, que acudiu tamén á Praza Pascual Veiga da localidade con gaitas e pandeiretas, entoando cancións como A saia da Carolina e reivindicando o uso do topónimo Sanxenxo, fronte ao Sangenjo defendido pola entidade organizadora do acto. Sandra Fernández, concelleira do BNG, chegou a recibir un golpe no brazo, mais foi a propia asociación Hablamos Español quen ameazou con denunciar ante a Fiscalía o que entendía como un ataque ao exercicio dos dereitos fundamentais.

"A verdadeira intención desta asociación non é recoller firmas, senón crear polémica para lograr maior repercusión mediática para o seu colectivo e o seu principal dirixente", afirma o Goberno local

A entidade presidida por Gloria Lago volveu solicitar autorización para dous novos actos de recollida de sinaturas en Sanxenxo, en concreto para este martes 21 e para o domingo 26. O Goberno municipal, a través do xefe da Policía Local, desaconsellou a autorización, aínda que finalmente a Subdelegación de Goberno, que é o órgano competente, autorizouna. A mesa estará pois de novo instalada en Sanxenxo este domingo a partir das sete da tarde.

"Os incidentes ocorridos na anterior ocasión e que a data solicitada coincida en plenas festas patronais recomendaba, desde o punto de vista do goberno de Sanxenxo, non autorizar a solicitude presentada", explica o Concello, que acusa a asociación Hablamos Español de "querer utilizar o escaparate de Sanxenxo, como principal destino turístico de Galicia nestas datas, para que os seus actos adquiran a repercusión mediática que non terían doutra forma". "A verdadeira intención desta asociación non é recoller firmas, senón crear polémica para lograr maior repercusión mediática para o seu colectivo e o seu principal dirixente", afirma o Goberno local, presidido por Telmo Martín (PP).

O Concello de Sanxenxo rexeita igualmente "calquera intento de aproveitar o acto para buscar polémicas e enfrontamentos por parte de colectivos de signo ideolóxico contrario". "Os polos opostos adoitan coincidir no interese de alterar e prexudicar a boa convivencia entre a maior parte da sociedade, que actúa con bastante máis sentido común e fai uso da súa liberdade de falar en galego e en castelán cando e como queira", opina o Goberno municipal no seu comunicado.

 

Cartel do acto convocado por 'Hablamos Español' este domingo en Sanxenxo © Hablamos Español

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.