Sarria Libre de touradas "non parará" até a fin deste espectáculo na vila

Manifestación contra as touradas en Sarria © Sarria Libre de Touradas

A Plataforma Sarria Libre de Touradas valorou positivamente a mobilización contraria á celebración das touradas que tivo lugar este domingo, polas rúas da vila. Varios centos de persoas déronse cita nesta "marcha civica a prol da cultura e contra a ignorancia e a tortura que representan as touradas".

Varios centos de persoas déronse cita nesta "marcha civica a prol da cultura e contra a ignorancia e a tortura que representan as touradas"

Asi mesmo, desde a Plataforma Sarria Libre de Touradas denunciaron ameazas e o "boicote permanente" a esta iniciativa social "dando ordes desde o Concello á persoa encargada de publicitar as festas do San Xoán de arrincar e pegar por riba da cartelaría da Plataforma", algo do que asegura ter probas gráficas. Desde a Plataforma aseguran que o Concello de Sarria "descoñece o significado do termo democracia" mantendo actitudes "máis propias de tempos pasados e querendo limitar a liberdade e dereitos das cidadás e cidadáns a manifestarse e expresarse. Unha actitude mais propia do fascismo que do que debería ser un goberno da democracia" aseguran. A Plataforma criticou tamén que "tendo comunicada á convocatoria da manifestación na institución competente desde había máis dun mes" a Policía Local "non cortou o tráfico durante o percorrido da manifestación", poñendo en risco a vida das e dos manifestantes.

A Plataforma esixiulle ao Concello a retirada de calquera tipo de patrocinio ou subvención a esta actividade, así como o fin da cesión de espazos públicos para realizala

Coa lectura dun manifesto no remate da manifestación, a Plataforma Sarria Libre de Touradas esixiulle ao Concello de Sarria a retirada de calquera tipo de patrocinio ou subvención a esta actividade, así como o fin da cesión de espazos públicos para realizala. Do mesmo xeito, a Plataforma anunciou que "esta iniciativa social vai seguir activa mentres que non se cumpra o obxectivo de ver unha Sarria Libre de Touradas" e convidou a todas e todos os interesados "a seguir activos, participando da mesma e de todas as actividades que desde ela se convoquen."

Manifestación contra as touradas en Sarria © Sarria Libre de Touradas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.