O Consello da Cultura acolle este mércores unha xornada de debate sobre A recuperación da memoria do movemento feminista, para analizar as dificultades para recoller e investigar a documentación xerada polos colectivos galegos e difundir o labor desenvolvido pola Comisión de Igualdade do CCG neste senso nos últimos anos. As Xornadas, coordinadas por Carmen Pérez Pais e Mariam Mariño Costales, e nas que participan un cento de persoas, foron inauguradas por Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, e María Xosé Agra, e constan de catro relatorios e un debate aberto.
Por mor das características xerais das organizacións feministas, e polas circunstancias específicas do movemento en Galicia nas últimas décadas, a información, textos, boletíns, debates, gravacións e demais documentación xerada polos colectivos feministas está moito máis dispersa e peor catalogada que a doutros movementos máis institucionalizados, coma o obreiro. Nestes casos, a existencia de organizacións máis asentadas e duradeiras, que mesmo deron lugar a fundacións ou a sección de documentación e estudos, facilitou a conservación e posta en valor da información.
Porén, non foi así no caso do feminismo, que tivo un desenvolvemento serodio en Galicia con respecto ao resto de Europa (por mor da ditadura, en boa medida) e no que se crearon e funcionaron un bo número colectivos, moitas veces dispersos, e que en moitos casos foron mudando co tempo, o que facilitou a fragmentación dos seus documentos: "van xudindo colectivos distintos, con periodicidades distintas, polo que hai toda unha serie de documentación e información que se perde, porque están en mans individuais e non nas de organizacións e fundacións", apunta María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura, que tamén afirma que "o movemento fai unha crítica á política convencional e tradicional, e ás relacións de poder, que se queren cambiar. Nese senso prima o suxeito colectivo do movemento feminista fronte ao suxeito individual".
"O movemento fai unha crítica á política convencional e ás relacións de poder, que se queren cambiar. Nese senso prima o suxeito colectivo do movemento feminista fronte ao suxeito individual".
Agra engade que "despois está a cuestión, sempre discutible, de que as mulleres tenden a non asinar, a subsumirse baixo a firma colectiva, que ten moitas virtudes, pero que dificulta o labor investigador”. Todos estes elementos fan que "estea por estudar toda a achega, en Galicia e no Estado, do movemento feminista á Transición, que hai que poñer en valor”.
No encontro preséntanse varias experiencias de traballo, coma a do Centro Documental de la Memoria Histórica de Salamanca, a cargo de María José Turrión García, ou o do Centro de Documentación de Mulleres Maite Albiz de Bilbao, explicado por María José Sola Sarabia. De igual xeito, Rosa María Andrieu Sanz, da Universidade do País Vasco, analizará a Experiencia de recuperación das fontes de información do Movemento Feminista en Euskal Herria realizado en Bilgune Feminista.
Finalmente, Carmen Pérez Pais falará do proceso de Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia realizado fundamentalmente polo Consello da Cultura Galega. Pérez Pais salienta que este traballo se centrou “non só en papeis oficiais, libros e revistas, senón en todo aquilo que está relacionado co movemento feminista: borradores para as asembleas, axendas, calendarios, cartaces”. E afirma que estas xornadas procuran "alertar da posible perda deses documentos, moito máis no caso de gravacións de audio e vídeo”, polo que fixo un chamamento a que as persoas que poidan ter estes materiais no seu poder os poñan en común, para contribuír ao proceso de documentación do movemento feminista.
"O que é moi peculiar en Galicia é que aquí houbo un núcleo moi forte ao redor do que chamamos o feminismo literario, que non se deu en Euskadi, Catalunya ou Madrid"
A xornada completarase, esta tarde, cunha mesa de debate titulada Reflexionar sobre o feito, construír futuro, moderada por María Xosé Agra. Sobre as especificidades do movemento feminista en Galicia, Agra afirma que, comparado co que sucedeu en Madrid ou en Euskadi, "os contextos son moi distintos". Por exemplo, mentres que en Euskadi é moi importante a vinculación de feminismo e nacionalismo, "en Galicia falta moito por investigar nese campo: por exemplo a actividade das mulleres nas Irmandades da Fala ou no Partido Galeguista". A profesora salienta que "o que é moi peculiar en Galicia é que aquí houbo un núcleo moi forte ao redor do que chamamos o feminismo literario, que non se deu en Euskadi, Catalunya ou Madrid, onde si foi máis importante o feminismo político. O feito de que aquí Rosalía marque o canon literario marcou moito". E engade que "tamén chama moito a atención de que aquí Andaina ou a Festa da Palabra leven 25 anos editándose, cousa que non sucede noutros lugares".
"Temos un problema de transmisión. Se fallan as canles de transmisión é moi difícil saber o que se fixo"
María Xosé Agra conclúe que "temos un problema de transmisión. Se fallan as canles de transmisión é moi difícil saber o que se fixo, e parece que cada xeración de feministas ten que comezar de cero. Se a xente non ve nos libros todo o labor realizado, parece que non se fixo nada. Por exemplo, o dereito ao divorcio, que foi tan importante na Transición, nunca se tería acadado sen o traballo do feminismo".