"Se nese cuarto estivese un cidadán ameazado pola xihad tería seguridade as 24 horas"

Ataúdes para protestar contra a violencia machista, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG Compostela

Coa etiqueta #todassomoselas o BNG anunciou a suspensión da súa campaña por mor do asasinato de Isabel Fuentes. Os feitos producíronse no hospital de Ourense cando o seu marido, presuntamente, lle causou feridas mortais de arma branca. A muller permanecía hospitalizada desde o 2 de abril logo dunha agresión na súa casa que lle causara unha lesión cerebral. Nestes feitos reina a confusión pois o marido de Isabel xa estaba a ser investigado por esa primeira agresión, tras denunciar el mesmo ao día seguinte que uns descoñecidos entraran na súa casa mentres el durmía e atacaron á muller cun machete. A Garda Civil solicitara unha orde de afastamento que a xuiz non concedeu. Desde o xulgado afirman que esta orde nunca foi solicitada.

A deputada do BNG, Carme Adán afirmou que están de "loito despois dun caso de terrorismo machista". "É gravísimo", afirmou, "porque fallaron todas as responsabilidades administrativas, xurídicas e policiais". "As mulleres estamos totalmente desprotexidas, nin sequera estamos seguras nunha cama de hospital", sentenciou a deputada. "Desde o BNG solicitamos a comparecencia de Rueda, que leva Xustiza, para que explique que ocorreu e tamén a convocatoria urxente da Comisión de Igualdade do Parlamento", afondou Adán. "As leis non chegan, e é evidente que non existe a vontade de poñelas en práctica todos os días porque, malia ás especulacións que rodeaban o caso, coas sospeitas que existían o normal é que a policía puxera protección", resumiu a deputada.

"As mulleres estamos totalmente desprotexidas, nin sequera estamos seguras nunha cama de hospital"

Pola súa banda, e sobre a interrupción da campaña, a responsable de feminismo da Executiva do BNG, Saleta Chao afirmou que era unha medida que levaban a cabo "por coherencia" e porque "é un xeito de dar a entender que non hai mortes de primeira e de segunda, que todas as mulleres somos cidadás por igual". "Cando asasinaron á presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco, todos os grandes partidos suspenderon a campaña das europeas, deberían facelo tamén por unha veciña de Ourense, ou é máis importante Carrasco porque detentaba un cargo institucional?", pregúntase Chao.

"Cando asasinaron á presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco, todos os grandes partidos suspenderon a campaña das europeas, deberían facelo tamén por unha veciña de Ourense, ou é máis importante Carrasco porque detentaba un cargo institucional?"

Canto a Anova suspendeu o seu único acto nacional coa Marea de Vigo, no que a eurodeputada, Lidia Senra, ía prestar o seu apoio á candidatura. Dende a formación explican que "a militancia de Anova concorre ás eleccións do 24 de maio de múltiples xeitos, na súa meirande parte inserida en candidaturas populares, polo que non corresponde a esta organización suspender campaña ningunha". Porén, animan a quen participe nas diferentes candidaturas con eles a "denunciar o terrorismo machista do xeito que consideren oportuno".

Unhas ameazas preocupan máis ca outras

Desde a Marcha de Mulleres de Compostela, Pilar Estévez cre que "todos os partidos deberían suspender os actos" porque "unha vida ben vale unha campaña". Ao fío disto engade que "iso sinalaría que é un problema para toda a sociedade, é unha maneira de demostrar na práctica que a violencia que se exerce sistemáticamente contra as mulleres é unha prioridade na axenda dos partidos políticos, pero cada un é libre".

"Se existe unha lei de protección integral contra a violencia de xénero, por que non se cumple cando hai sospeitas?", di Estévez, "e isto ocorre, entre outras cousas, porque non hai xulgados especializados en violencia de xénero, como vai unha muller denunciar ao seu asasino se durme con el", razoa.

Non hai xulgados especializados en violencia de xénero, como vai unha muller denunciar ao seu asasino se durme con el

"As mulleres somos un problema de segunda, cidadás de segunda", prosegue Estévez, "se a persoa que estivera nesa habitación estivera ameazada pola xihad, e xa nin che digo por ETA, habería xa non un garda na súa porta, senón  un macrodispositivo despregado por todo o hospital as 24 horas". Nesta liña engade que "somos de segunda porque temos que estar na rúa como nos anos 70, porque sufrimos agresións e micromachismos todos os días".

"Se a persoa que estivera nesa habitación estivera ameazada pola yihad, e xa nin che digo por ETA, habería xa non un garda na súa porta, senón  un macrodispositivo despregado por todo o hospital as 24 horas"

"As escolas educan xeracións baleiras de contidos", di a activista, "porque non lles ensinan o valor da diferenza, da liberdade sexual, da igualdade, e a mocidade reproduce o que ve, que é control sobre a muller, veno nos medios, nas redes sociais...". "Estamos fallando", reflexiona, "unhas menos ca outras, pero seguirémolo facendo mentres non sexamos quen de cortar o problema de raíz".

O concelleiro do BNG de Verín, Diego Lourenzo, afirma que "inicialmente, non había moita información sobre a primeira agresión á muller, ao principio pensabamos que era un caso de inseguridade cidadá". Porén engade que "co paso dos días xa se palapaba que era un caso de violencia de xénero polos comentarios no pobo". "A nosa crítica é clarísima, hai unha vida que se podía ter salvado cun protocolo preventivo", conclúe. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.