"Se non se para a orde de desafiuzamento, non haberá negociación de ningún tipo"

Concentración ante a casa de Aurelia Rey, este mércores CC-BY-SA M. Pereira

"A orde de desafiuzamento non está parada e non marcharemos de aquí ata que se deteña". Héctor Tejón, un dos voceiros de Stop Desahucios na Coruña, advertiu de que seguirán mobilizándose diante da casa de Aurelia Rey, a anciá de 85 anos ameazada cun lanzamento polo atraso no pago do aluguer e que xa foi paralizado en dúas ocasións pola presión cidadá. Este mércores, máis dun cento de persoas volveron concentrarse ante o portal da súa vivenda, á espera de que as negociacións de Xunta, Concello da Coruña e a familia denunciante dean o seu froito.

No entanto, e ante o rexeitamento dos propietarios a deter a orde de desaloxo que pesa sobre a muller, Stop Desahucios insiste en que "sen paralización definitiva da orde de desafiuzamento non haberá negociación de ningún tipo".

O avogado da anciá segue á espera dunha nova proposta de aluguer social para Aurelia Rey

Polo momento, non hai demasiados avances. Antonio Vázquez, avogado de Aurelia Rey, asegurou que a oferta de dúas vivendas en aluguer social do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) -que a anciá rexeitou ao estar ás aforas da cidade- non é firme, tras aclarar tamén que as negociacións coa familia denunciante están en punto morto e que esperan unha resposta da Administración tras a petición da muller de 85 anos de que os pisos ofertados non se afasten do centro da Coruña, onde leva máis de 30 anos facendo a súa vida. "Se teño que marchar, que sexa por aquí, no centro", insistiu este mércores a afectada, que rexeitou dúas vivendas en Novo Mesoiro e Eirías, a varios quilómetros da súa actual casa.

Stop Desafiuzamentos pide a implicación "da cidadanína coruñesa" para manter as concentracións diante da casa da muller

"Non hai novidades", engadiu o seu letrado. As conversas que mantén o avogado e activistas de Stop Desafiuzamentos cos propietarios para deter a orde de desaloxo e poder así "negociar con calma e garantías" tampouco deron os seus froitos. Por iso, as persoas concentradas ante a súa vivenda piden a implicación da cidadanía coruñesa para manter "as gardas" diante do edificio situado no número 9 da rúa Padre Feijoo. "Ninguén sobra; que toda a cidadanía se levante e non teña medo por pedir pola súa dignidade", pediu Héctor Tejón. "De aquí non nos imos mover, imos estar todos xuntos", asegurou, tras lembrar que o único documento oficial que segue vixente é a orde de desafiuzamento.

Por todo iso, Stop Desahucios asegurou despois nun comunicado que Aurelia "debe poder valorar calquera tipo de oferta sen atoparse condicionada pola amenaza de ser expulsada da súa casa". "Polo tanto, aínda que grazas ao enorme apoio social que presenta este caso, tanto o Instituto de Vivenda e Solo como os Servizos Sociais da Coruña fixeron propostas, consideramos que para que se poida dar unha negociación, esta ten que ser digna e en igualdade de condicións para ámbalas dúas partes. Sen paralización definitiva da orde de desafiuzamento non haberá negociación de ningún tipo", aseguran.

Ademais, critican "os comentarios despectivos que se fixeron nas últimas horas sobre a saúde mental de Aurelia" e din ser "conscientes de que se trata dunha estratexia ca que tratan de desprestixiala".

Desde a Xunta, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, insiste en que o Goberno galego traballa "desde o minuto un para que Aurelia Teña unha vivenda digna e unha vida digna", aínda qeu aclarou que as sentenzas están para cumprilas.

Durante a mañá deste mércores, varios cargos públicos volveron concentrarse xunto á casa de Aurelia Rey para mostrarlle o seu apoio. Os voceiros de BNG e EU no Concello, Xosé Manuel Carril e César Santiso, volveron a acompañar os manifestantes nunha rúa á que tamén se achegou Antón Sánchez, deputado de AGE no Parlamento, ou Mar Barcón, portavoz do PSdeG no consistorio coruñés.

Aurelia Rey leva máis de trinta anos vivindo na súa casa. Paga 165 euros de aluguer grazas a un contrato de renda antiga, pero isto supón máis dun terzo da súa pensión de 375 euros. O atraso en dous pagos -un deles no ano 1999 e outro en marzo de 2011- foron suficientes para que os donos do inmoble reclamasen o desaloxo desta anciá, malia que non mantén débeda ningunha cos caseiros e logo de denunciar continuas presións por parte da familia propietaria do piso para provocar a súa marcha da vivenda. A última oferta implicaba o aprazamento do desaloxo dous meses co único obxectivo de convencer a afectada para que abandonase o seu fogar.

 

AGE pide Medalla ao Mérito da Protección Civil para os bombeiros

Alternativa Galega de Esquerda vén de pedir a Medalla ao Mérito da Protección Civil para os bombeiros que se negaron a participar no desafiuzamento de Aurelia Rey. O grupo de AGE quere que o Parlamento de Galicia recoñeza o “exercicio de dignidade e solidariedade” dos bombeiros da Coruña. “Hai razóns fundadas para celebrar o comportamento libre, crítico e empreñado de solidariedade dos bombeiros”, asegura a viceportavoz Yolanda Díaz na exposición de motivos da proposición non de lei rexistrada na Cámara.

Por iso,o grupo parlamentario de Alternativa quere que o Parlamento de Galicia "inste a Xunta a conceder aos bombeiros da Coruña que salvagardaron, ao se negar a participar no seu desafiuzamento, o dereito de cidadanía social dunha cidadá coruñesa a Medalla ao Mérito da Protección Civil".

 

Concentración ante a casa de Aurelia Rey, este mércores CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.