"Se nos fixamos nas diferenzas, imos levantar muros entre nós. Hai que aproveitar as cualidades de cada un"

Down Compostela manten un amplo conxunto de actividades ao longo do ano © Down Compostela

Down Compostela entregou este luns pola noite os seus premios anuais, na véspera do Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra este 21 de marzo. Na gala, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos, e á que asistiron o presidente do Parlamento galego e o alcalde de Santiago, recoñeceuse o traballo e a implicación do Colexio Divino Maestro, da empresa Xade (que xestiona o Multiusos Fontes do Sar) e de Carmen Barbeito (activista voluntaria na propia entidade) para "favorecer a integración educativa, laboral e social" das persoas con Síndrome de Down.

"A inclusión no sistema educativo ordinario durante os últimos anos foi fundamental para que hoxe, os nosos fillos, estean en condicións de traballar e de presentarse a unhas oposicións"

Nestes ambitos -o ensino, o emprego e a integración na sociedade en termos xerais- centra a asociación a súa actividade ao longo do ano. Precisamente no ámbito educativo, as entidades que traballan con persoas con Síndrome de Down amosan a súa preocupación ante os efectos da aplicación da LOMCE tal e como está deseñada, e reclaman a súa modificación para que estes nenos e nenas non sufran unha exclusión. "A inclusión no sistema educativo ordinario durante os últimos anos foi fundamental para que hoxe, os nosos fillos, estean en condicións de traballar e de presentarse a unhas oposicións. Por iso preocúpanos, e moito, que se produza un retroceso no noso sistema educativo neste sentido", sinala Juan Martínez, presidente de Down Compostela.

Con todo, Martínez amosa o seu optimismo, froito das conversas que manteñen con grupos políticos e administracións, e cre que finalmente este punto da LOMCE será modificado, ao igual que está sucedendo con outros aspectos polémicos. "Para nós a clave é o mantemento destes alumnos no sistema educativo ordinario, que é o que nos últimos anos trouxo éxitos e bos resultados", reitera.

Outro aspecto fundamental é o do emprego, no que si parece haber mellores noticias. "Estamos satisfeitos coa resposta que están dando os empresarios, no sector privado, que están dando cada vez máis oportunidades", sinala Juan Martínez. "E, igualmente, celebramos que a Xunta por primeira vez convoque unhas oposicións específicas para persoas con discapacidade intelectual, algo que levabamos anos reivindicando". Habitualmente, o 10% das prazas reservábanse xa para persoas con discapacidade. "Pero nós sempre pedimos que unha parte se reserve para persoas con discapacidade intelectual, que doutro xeito estarían en desvantaxe coas persoas con discapacidade física ou sensorial", sinala. "Outras administracións xa o fixeron, a Deputación de Pontevedra xa leva dúas convocatorias, o mesmo que o Ministerio de Administración Pública. E esperamos que o resto das administracións sigan o mesmo camiño", engade.

No último ano, saltou á palestra a denegación do dereito ao voto a Mara, unha moza compostelá de 20 anos cunha lesión cerebral. Finalmente o Tribunal Constitucional evitou pronunciarse sobre a cuestión, creando un precedente sobre unha cuestión que afecta a case cen mil persoas con discapacidade intelectual en toda España, privadas da posibilidade de votar. "Xa a ONU lle tirou das orellas a España no 2011 e 2013 pola privación do dereito a voto. E neste caso mesmo a vicepresidenta do tribunal emitiu un voto particular. A solución é tan fácil como que os políticos se poñan de acordo e cambien a lei electoral. E se hai que pasar un exame, pois pasémolo todos, igual que hai exame para sacar o carné de conducir", di Juan Martínez.

"Se nos fixamos nas diferenzas, imos levantar muros entre nós, imos crear castas e guetos. Pero se facemos fincapé na tolerancia, o que faremos será aproveitar as cualidades de cada un para construír unha sociedade mellor"

No seu discurso, Martínez animou a toda a sociedade a "cambiar a mirada" sobre a Síndrome de Down. "Aínda que avanzamos moito, aínda quedan pasos que dar, e moi importantes. A maioría dependen de que queiramos facelo. Cambiemos a nosa mirada, e ese camiño será moito máis fácil", dixo. "É o mesmo que pasa con outras cuestións: hai países e sociedades máis tolerantes e outros menos. Se nos fixamos nas diferenzas, imos levantar muros entre nós, imos crear castas e guetos. Pero se facemos fincapé na tolerancia, o que faremos será aproveitar as cualidades de cada un para construír unha sociedade mellor", conclúe.

 

A gala

Na entrega dos premios destacouse a oportunidade dada por Xade a moitos mozos e mozas para traballar no Multiusos Fontes do Sar, o bo labor educativo do Colegio Divino Maestro (“Son estudante de ESO no Divino Maestro. Os nosos profes buscan formas para que todos poidamos aprender xuntos”, sinalou David Aldrey, un alumno do centro) e, igualmente, a actividade durante anos de Carmen Barbeito ("unha muller grazas á cal puidemos realizar proxectos tanto para os pequenos da nosa fundación como para os que xa nos estamos formando no ámbito laboral").

Despois, o Grupo de Teatro Down Compostela presentou un avance do seu nova obra de teatro: Arturo, Arthur, Artur. A estrea da mesma será o próximo 17 de xuño no Salón Teatro. Baixo a dirección de Loitas Herrador, o Grupo de Teatro Down Compostela representou xa oito obras. De igual xeito, o mércores, 22 de marzo a empresa Cenor organiza un partido solidario no que xogadores do Obradoiro, Compostela e Santiago Futsal disputarán un torneo no que veremos a xogadores de baloncesto xogar ao fútbol e viceversa. O torneo disputarase en o polideportivo de Santa Isabel ás 20 horas e o prezo da entrada é de 5 euros. Todo o diñeiro recadado será entrega a DOWN COMPOSTELA para financiar os seus proxectos.

 

Juan Martínez, presidente da entidade © Down Compostela
Últimos preparativos do acto que tivo lugar este luns © Down Compostela
Dende o 2012, a entidade entrega anualmente estes premios © Down Compostela
Down Compostela manten un amplo conxunto de actividades ao longo do ano © Down Compostela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.