Seguen os lumes, aumentan as críticas

O lume, próximo ás casas © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

Non estaba sendo o verán con máis incendios nin o de máis superficie queimada. As temperaturas, por debaixo do habitual e un chuvioso inicio de estación axudaran até mediados de agosto a limitar o dano, pero a sucesión de lumes rexistrados nas últimas dúas semanas comeza a xerar críticas diarias á política forestal e agraria da Xunta por parte de partidos políticos e sindicatos.

Este martes continúa activo un incendio iniciado en Oia este luns pola tarde: leva queimadas xa máis de 1.500 hectáreas e permanece fóra de control, obrigando a desaloxar 176 persoas das súas casas. O alcalde de Oia eleva a 2.000 a cifra de hectáreas calcinadas. As lapas penetraron xa nos termos municipais de Tomiño e do Rosal, axudadas polo vento que se rexistra na zona, e xa se decretou o nivel 1 de alerta. O lume formou durante a noite unha fronte de máis de tres quilómetros, ameazando as parroquias de Burgueira, Loureza, Fornelos, Couselo, Novás e Portocelo. Aínda este martes pola mañá traballan na zona máis de 250 persoas e 25 motobombas e o Ministerio de Agricultura enviou cinco avións anfibios de 5.500 litros de descarga e un helicóptero bombardeiro tipo Kamov, de 4.500 litros. Inténtase, sobre todo, que as lapas non cheguen á Guarda.

Este martes continúa activo un incendio iniciado en Oia este luns pola tarde: leva queimadas xa máis de mil hectáreas e permanece fóra de control, obrigando a desaloxar 176 persoas das súas casas

Este luns tamén se rexistraron outros incendios, que afectaron a superficies menores, en Salvaterra do Miño, Ponteareas e Xinzo de Limia. Pequenos focos que se se suman aos que se veñen rexistrando nas últimas semanas, máis de 2000 hectáreas entre Cualedro, Monterrei e Nogueira de Ramuín e máis de 1000 en Oia: máis superficie queimada nos ultimos 15 días ca nos sete primeiros meses do ano.

 

Denuncias de Apropiga, BNG e Fruga

Apropiga, asociación que agrupa os profesionais do Servizo Público de Prevención e Extinción Contra os Incendios Forestais, vén de amosar o seu "malestar" pola "falta de honestidade que observamos dende a Consellería nas súas manifestacións sobre a valoración do dispositivo despregado este verán". E sinala que as declaración da conselleira de Medio Rural e Pesca, "nas que descualifica as afirmacións de diferentes colectivos sociais e políticos sobre a irracionalidade do dispositivo", e nas que afirma que existe unha “coordinación fantástica” entre as brigadas municipais, da Xunta e os medios dispostos polo Goberno central "son un engano á opinión pública e pretenden ocultar unha realidade ben distinta".

Apropiga critica especialmente a recuperación das brigadas municipais, que considera "ineficaces" e nas que "baixo un verniz de formalismo legal nas probas de acceso e constitución destas brigadas ocúltase unha verdadeira promoción de persoas por intereses familiares e políticos". Tamén lembra que "diante do fracaso da Consellería para completar as brigadas de reforzo polos concellos, decidiu recorrer á empresa pública Tragsa cando, inicialmente, non estaba contemplado no Pladiga". E denuncia tamén a actuación das brigadas helitransportadas da empresa Natutecnia, "a clara demostración de cómo se pode facer un lucrativo negocio dos incendios forestais".

Os profesionais da extinción afirman estar "fartos" de "recibir os parabéns e o ánimo hipócrita do presidente da Xunta e da conselleira, cando son eles os que nos precarizan e nos ignoran"

O colectivo conclúe que "o modelo proposto pola Consellería de Medio Rural é inoperativo e desorganizado" e que "non ten en conta a experiencia dos profesionais con listaxes diferentes, moitas delas sen un criterio uniforme de selección e, aínda menos, público e transparente". Demandan "a corrección desta clase de políticas por parte da Consellería para volver a un sistema único, profesionalizado e público" e afirman estar "fartos" de "recibir os parabéns e o ánimo hipócrita do presidente da Xunta e da conselleira, cando son eles os que nos precarizan e nos ignoran".

“É unha vergonza que Feijóo viñera onte, cando xa pasara o perigo e o único que se lle ocorreu foi solicitar a axuda dos veciños. Non sabemos se tamén veu a repartir mangueiras”, criticou Tereixa Paz (BNG)

De igual xeito, este martes unha delegación do BNG visitou a “zona cero” dos incendios na comarca ourensá de Monterrei. Alí a deputada do BNG Tereixa Paz sinalou que “cómpre que o presidente da Xunta compareza no Parlamento e explique como vai reformular o dispositivo contraincendios” e engadiu que a falta de medios e que non haxa un dispositivo unificado “dificultan enormemente as tarefas de extinción" e que "a insuficiencia de medios provoca que sexan os veciños e as veciñas os que teñen que loitar contra os incendios para que estes non afecten as súas casas”. “É unha vergonza que Feijóo viñera onte, cando xa pasara o perigo e o único que se lle ocorreu foi solicitar a axuda dos veciños. Non sabemos se tamén veu a repartir mangueiras”, criticou ironicamente Paz lembrado a imaxe do actual presidente da Xunta en 2006.

Pola súa banda, a Federación Rural Galega (FRUGA) sinalou tamén este martes que "pretender reducir o problema dos lumea a unha cuestión de orde pública, como pretende interesadamente o goberno do PP" supón "desenfocar completamente as causas últimas desta problemática, e polo tanto, errar nos diagnósticos e nos tratamentos para facerlle fronte".

Fruga lembra que "nas comarcas rurais onde a actividade agraria segue sendo importante, a incidencia dos lumes é moito menor que as outras comarcas rurais sen actividade agraria"

Para FRUGA a orixe dos lumes forestais en Galicia hai que buscala "nunha política agraria destrutiva coas potencialidades do agro galego que levou á desertización de amplas comarcas da nación, e nunha política forestal que primou o produtivismo madeireiro con especies de crecemento rápido desligado da actividade agraria". E denuncia que "a liña de traballo do PP no Goberno Galego a respecto do mundo rural estivo e está encamiñada á destrución da capacidade agraria galega" e engade que se "estivo incentivando e subvencionando o abandono da actividade agraria, única actividade económica real e con posibilidade de desenvolvemento para moitas comarcas galegas, que finalmente ficaron desertas e o seu territorio, ao carecer de actividade agraria, abandonado ao mato". Fruga lembra que "nas comarcas rurais onde a actividade agraria segue sendo importante, a incidencia dos lumes é moito menor que as outras comarcas rurais sen actividade agraria".

Este venres ás 11.30 horas a Asemblea Galega contra o Lume, da que forman parte a Federación Ecoloxista Galega, Adega, Verdegaia, SLG, a Plataforma Fragas do Eume, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, o Foro Social de Cangas ou Fuco Buxán, entre outras entidades, entregará no rexistro da Xunta, en San Caetano, as sinaturas recollidas pola súa petición para que o Goberno galego mude a súa política forestal.

 

Un ronsel de críticas

De igual xeito, este luns o voceiro do PSdeG-PSOE en materia de medio rural, Pablo García, asegurou que non cre "nas casualidades" no que respecta aos incendios. García sinala que "se temos 2.000 hectáreas sen ningún tipo de prevención, de cortalumes, sen faixa que rompa a vexetación", non é "casualidade" que "acaben ardendo". Para o socialista isto sucede porque "se non investimos en prevención é moi difícil que, malia aos medios que teñamos se poida extinguir o lume". 

Hai uns días Isabel Vilalba (SLG) defendía que "a primeira cousa que hai que solucionar, e non hai valentía política para facelo, é o problema de ordenación de territorio"

Hai uns días Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, defendía en conversa con Praza que "a primeira cousa que hai que solucionar, e non hai valentía política para facelo, é o problema de ordenación de territorio". Afirma que a falta de ordenación "produce unha enorme cantidade de parcelas que teñen pouca dimensión ou non teñen bo acceso, o que produce un abandono". Esta situación "prodúcese todo o ano sen unha política de prevención efectiva" a pesar de que "todo o mundo se alerte en agosto", di. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, tamén apunta ao abandono como "o gran problema que ten Galicia no sector forestal  e na principal causa dos lumes". Ambos os dous culparon da situación á baixada da faixa de protección de 100 a 50 metros realizada polo PP na súa reforma da Lei de Montes.

Visita dos representantes do BNG a Cualedro © BNG
O lume, próximo ás casas © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura
Alberto Núñez Feijoo visita o dispositivo de extinción en Cualedro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.