Seguimento masivo nas folgas convocadas nas concas mineiras de Asturias e León

Entrada do Pozo María Luísa © @porasturies

Este luns é un día decisivo para o conflito aberto na minaría. O Senado debaterá e votará o proxecto de Orzamentos que prevé unha redución do 63% nas axudas á minaría, en contra do inicialmente pactado. En paralelo, e como medida de presión, as concas mineiras viven unha xornada de folga que é xeral en todos os ámbitos, tanto na industria, coma no comercio ou nos centros de ensino, e un día máis estradas e vías de ferrocarril están cortadas en Asturias e norte de León, vivíndose momentos de tensión. Este luns percíbese así mesmo unha meirande presenza policial nas comarcas mineiras, coa chegada de 250 gardas civís máis.

Os sindicatos falan dun seguimento do 100% nos concellos das concas mineiras

Os sindicatos falan dun seguimento do 100% nos concellos das concas mineiras, e a solidariedade cos traballadores mesmo chegou a vilas nas que a folga non está convocada, como Ponferrada. Alí, o alcalde da localidade, Carlos López Riesco, do Partido Popular, manifestou o seu apoio ás reivindicacións dos mineiros. En Cangas de Narcea, finalmente, un grupo de traballadores permanece pechado na Casa do Concello. 

Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, está tentando que os tres senadores muden a súa postura, e o partido xa os ameazou con suspendelos de militancia e expulsalos do grupo popular

A votación no Senado non debería xerar sorpresas. O PP conta cunha maoría moi ampla no Senado e aprobará todos os puntos previstos dos Orzamentos, incluídos os recortes de fondos para a minaría. Porén, os populares manteñen aberto un conflito nas súas fileiras, coa ameaza dos seus senadores leoneses de rachar a disciplina de voto e opoñerse aos recortes. Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, está tentando que os tres senadores muden a súa postura, e o partido xa os ameazou con suspendelos de militancia e expulsalos do grupo popular (como xa fixeron cun deputado balear a pasada semana).

En León está convocada unha manifestación ante a Subdelegación do Goberno, onde se iniciará unha marcha até a sede da Deputación provincial, onde seguen pechados (e xa levan 14 días) seis sindicalistas. Nesta marcha participará o deputado de IU, Gaspar Llamazares.

Entrada do Pozo María Luísa © @porasturies
Este luns percíbese unha maior presenza policial © @CuencaNalon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.