Semana clave na loita contra a Lei de Acuicultura

Acto informativo sobre a Lei de Acuicultura, en Muros © Plataforma En Defensa Do Mar Da Comarca Muros-Noia

O rexeitamento ao anteproxecto de Lei de Acuicultura segue estendéndose polo litoral galego. A presenza ás asembleas que nun e noutro lugar veñen celebrando os afectados e afectadas máis directas (bateeiros, mariscadores a pé...) é cada vez máis masiva (700 persoas participaron na celebrada o venres en Vilagarcía), e o malestar co texto proposto polo Goberno galego tamén se deixa notar en plenos municipais e na propia xuntanza da Federación Galega de Confrarías, que rexeitou a proposta de forma unánime

Sete concellos do litoral da Ría de Arousa e o pleno da Deputación de Pontevedra debaterán mocións que instan á retirada do proxecto da Xunta e que serán apoiadas polo PP en moitos casos

Esta será unha semana importante. Sete concellos do litoral da Ría de Arousa e o pleno da Deputación de Pontevedra debaterán mocións que instan á retirada do proxecto da Xunta e que serán apoiadas polo PP en moitos casos, abrindo máis a crise interna que vive o partido por mor deste asunto. Poio, Sanxenxo, Porto do Son, Noia, Muros, Outes ou Cangas tamén levarán aos seus plenos mocións semellantes ás que se debaterán esta semana, e que xa foi aprobada por unanimidade na Illa de Arousa. De igual xeito, nas videiras semanas o tema chegará aos plenos das deputacións de Lugo e A Coruña

Este é o calendario para os vindeiros días: O Grove e Vilanova de Arousa debaterán e votarán as mocións este luns pola noite, en actos nos que se agarda unha maniva prexenza dos traballadores e traballadoras do sector, que xa ateigaron o salón de plenos do Concello da Illa hai uns días. O xoves 28 será a quenda de Vilagarcía de Arousa, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Cambados. Finalmente, o pleno da Deputación Pontevedra debaterá a proposta de retirada da lei o venres 29 ao mediodía.

As mocións buscan “tirar abaixo este Anteproxecto porque se elaborou totalmente ao marxe dos sectores produtivos e non resposta ás súas necesidades reais”

O obxectivo, en palabras da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que promove a maior parte das mocións, é “tirar abaixo este Anteproxecto porque se elaborou totalmente ao marxe dos sectores produtivos e non resposta ás súas necesidades reais”. “Non é un instrumento para potenciar o traballo e a produción da xente do mar nen para mellorar o valor engadido dos nosos prezados mariscos e peixes, senón máis ben para crear as condicións legais e administrativas que permitan o desembarco en Galicia das grandes empresas da acuicultura industrial e a conseguinte destrución do noso tecido socio-económico e da calidade medioambiental da ría”, engaden.

O sector prepara mobilizacións e unha gran manifestación en Compostela contra a Consellaría do Mar, aínda sen data, pero que probablemente se celebre o sábado 27 de febreiro

O sector prepara mobilizacións e unha gran manifestación en Compostela contra a Consellaría do Mar, aínda sen data, pero que probablemente se celebre o sábado 27 de febreiro. O lema será "Defender o mar" e buscarase que nel participe todo o sector, todas as artes, conxugando a crítica ao anteproxecto da Lei de Acuicultura co malestar provocado pola actuación do Goberno galego na crise do sector do cerco. Se nos concellos da ría de Arousa a oposición á lei está moi organizada e conta co impulso da PDRA, noutras comarcas están comezando a constituírse entidades semellantes, coma a Plataforma de Muros-Noia.

A situación creada pode acelerar tamén o cese de Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías, moi contestado xa pola súa inacción no conflito do cerco. Ante as crecentes críticas, Fajardo presentou unha moción de confianza, que se debaterá o vindeiro 13 de febreiro. Na asemblea celebrada o sábado a Federación Provincial de Pontevedra pediu a súa dimisión e días atrás xa o patrón maior de Bueu, José Manuel Rosas, vicepresidente segundo da Federación galega abandonara este cargo.

A situación creada pode acelerar tamén o cese de Tomás Fajardo, presidente da Federación Galega de Confrarías

En paralelo, tamén se están levando a cabo outras formas de protesta. Por exemplo, vaise poñer en circulación un escrito individual dirixido ao Presidente da Xunta, que se vai remitir masivamente -vía rexistro de entrada do portelo único- en grupos de 25 a 50 “para evitar colapsar ou dificultar o acceso dos cidadáns a este rexistro”. Así mesmo, está xa en marcha unha petición online, a través de Change.org, que demanda a retirada do proxecto, e que supera xa as 4.500 sinaturas.

Acto informativo sobre a Lei de Acuicultura, en Muros © Plataforma En Defensa Do Mar Da Comarca Muros-Noia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.