Semana de mobilización ante a visita a España do grupo de traballo da ONU sobre desaparecidos

Imaxe da campaña pola Plataforma por unha Comisión da Verdade Dominio Público Praza Pública

Co gallo da visita oficial ao Estado español do Grupo de Traballo das Nacións Unidas sobre Desaparicións Forzadas e Involuntarias, a Plataforma pola Comisión da Verdade (á que pertence a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, xunto con outro cente do asociación de todo o Estado), convoca do 23 ao 30 de setembro unha semana de mobilización da opinión pública e a sociedade para denunciar ante a ONU "o desamparo xurídico e político que sofren no noso país os e as desaparecidas e nenos e nenas roubadas do franquismo".

Convocan unha semana de mobilización da opinión pública e a sociedade para denunciar ante a ONU "o desamparo xurídico e político que sofren no noso país os e as desaparecidas e nenos e nenas roubadas do franquismo"

A Plataforma denunciará na entrevista con este organismo da ONU que no estado español seguen sen ser resoltos miles de delitos de desaparicións forzosas. Os cálculos máis moderados falan de 130.000 desaparecidos, segundo Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que engade que, mentres, "milleiros de vítimas da represión franquista seguen sepultadas en máis de 2000 fosas común que, estando localizadas, aínda non se abriron". E salienta que "son vítimas executadas sen nome, con os seus familiares, que, aínda hoxe, seguen sen poder recuperar os seus restos porque nin o goberno, nin a xustiza, nin o parlamento o permiten".

A iniciativa  #DíseloalaONU pretende xerar unha mobilización da opinión pública e da sociedade civil

A Plataforma por unha Comisión da Verdade lanza así mesmo unha campaña nas redes sociais con ocasión da visita a España do grupo de traballo da ONU sobre desaparecidos, para denunciar o bloqueo de todas as vías xudiciais que mantén o Goberno ante as demandas das vítimas do franquismo. A iniciativa  #DíseloalaONU pretende xerar unha mobilización da opinión pública e da sociedade civil. #DíseloalaONU reunirá testemuños, fotografías e vídeos sobre as decenas de miles de desparecidos e nenos roubados, e tamén mensaxes solidarias que os cidadáns foron deixando na páxina da Comisión da Verdade e en Facebook e Twitter co hashtag proposto.

 

A CRMH pide que se chame a declarar a Manuel Fraga

A Comisión lembra que Fraga Iribarne "foi un represor franquista con maiúsculas, que non pasaba por alí, e que tamén deben de quedar ben claras as suas responsabilidades"

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña amosa igualmente a súa alegría pola expedición por parte da xustiza arxentina de catro ordes de detención internacional vía Interpol contra catro torturadores da ditadura de Franco, “para declaracións indagatorias”: José Giralte González, Juan Antonio González Pacheco (Billy el Niño), Jesús Muñecas, e Celso Galván Abascal, falecido en 2009. A CRMH considera que "non estaría de máis que, para unha máis clara definición da xustiza sexa chamado a declarar outro famoso represor franquista que, se cadra, queda máis perto de nós, en concreto Manuel Fraga Iribarne, responsable colexiado dos crimes dos que é responsable o goberno franquista, pois repetidamente foi membro del". A Comisión lembra que Fraga Iribarne "foi un represor franquista con maiúsculas, que non pasaba por alí, e que tamén deben de quedar ben claras as suas responsabilidades ao ter participado directamente nese goberno ditatorial e asasino como foi o do ditador Francisco Franco".

Os avogados que levan a querela arxentina piden tamén a imputación de tres antigos ministros con Franco, que aínda están vivos. Trátase de Fernando Suárez, ex ministro de Traballo, que será imputado pola sua responsabilidade na pena de morte de cinco persoas fusiladas en setembro de 1975 (dous membros de ETA e tres do FRAP). A José Utrera Molina, ex ministro de Vivenda en 1973, pola sua responsabilidade na pena de morte de Salvador Puig Antich, asasinado a garrote vil en 1974. E a Rodolfo Martín Villa, ministro franquista de Relacións Sindicais (1975-1976), pídenselle responsabilidades pola morte en Vitoria en 1976 de cinco traballadores nunha carga policial.

Imaxe da campaña pola Plataforma por unha Comisión da Verdade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.