Semana de mobilización en Galicia contra a "débeda ilexítima"

Manifestación do 13 de outubro en Ourense contra a "débeda odiosa" Dominio Público @_Oscar_Sanchez

A Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda da Galiza (PACD-Galiza) mobilízase esta semana ante a celebración dun novo cumio europeo que, unha vez máis, volverá centrar os seus esforzos en "recuperar a confianza dos mercados". O nodo galego deste colectivo estatal, xurdido oficialmente hai dous meses, pretende analizar e desenmascarar a débeda dos estados á que continuamente aluden os gobernantes. Esa débeda pública que marca as pautas das administracións e que, como denuncian, "ten unha das súas orixes na propia Unión Europea, que desde a firma do Tratado de Maastricht, obriga aos estados a se financiar a través dos bancos privados, coa usura que iso supón".

"A débeda pública ten orixe na UE e na obriga aos estados a se financiar a través de bancos privados"

Así, xa o vindeiro xoves 14, a PACD-Galiza levará a cabo varios actos informativo-reivindicativos na Coruña, Lugo e Ourense onde se explicará a orixe da débeda e a perda de soberanía tanto dos estados como a cidadanía nesta crise económica.  "É unha Europa que dá continuos pasos afastándose cada vez máis da democracia e a soberanía dos pobos, con novos e escuros tratados coma o MEDE (Mecanismo de Estabilidade Financieira), explica o colectivo, que culpa precisamente a estes mercados que Europa pretende calmar de ser "os causantes desta situación de extremas dificultades que estamos a vivir".

"A débeda pública que nos atribúen era anteriormente débeda privada na súa maioría, fundamentalmente da banca e das grandes empresas, pero foise facendo unha socialización de perdas que a converteu en pública, co rescate á propia banca como máximo expoñente", engaden desde a plataforma, que denuncia que a cidadanía "está coa soga ao pescozo, cunha débeda que ten prioridade absoluta para o seu pagamento e grazas á reforma constitucional asinada polo PP e polo PSOE, pero alentada pola troika".

"É ese pago da débeda o que ocasiona todos os recortes que estamos a sufrir, e que se utiliza de excusa para forzar as privatizacións progresivamente, para continuar ese trasvase de riqueza dende a poboación ao poder financieiro", engade a PACD, que cre que a débeda "está na raíz de todas as agresións que sofre o pobo".

"Hai base legal para considerar, polo menos unha parte desa débeda, ilexítima e para rexeitar o seu pagamento"

Do mesmo xeito, e ao igual que explicarán nos diversos actos convocados para esta semana, esta débeda "ten base legal para poder considerarse, polo menos en parte, ilexítima e, xa que logo, rexeitar o seu pagamento". É por iso polo que xorden en moitos lugares de Europa colectivos que pretenden impulsar, ao igual que fai a PACD, ,unha auditoría desde a propia cidadanía "para determinar que parte da débeda é ilexítiima e poder así rexeitala".  "Todo isto debe ir acompañado dunha depuración de responsabilidades e dun empoderamento da poboación que modifique as estruturas de fondo da sociedade que foron as que nos trouxeron ata aquí", reivindican, tras chamar "a toda persoa individual e a todos os colectivos en loita" a que participen neste proceso de auditoria.

A PACD-Galiza fará a súa presentación na Coruña o vindeiro sábado 16

Así, o xoves 14 desde as 19 horas, na Coruña, haberá un punto informativo-reivindicativo onde se repartirán panfletos e se informará con detalle do que significa a auditoría cidadá. Unha hora máis tarde, pero en Lugo, na horta do Seminario, tamén se instalará un punto informativo onde se despregarán diversas faixas e se proxectarán as manifestacións contra a débeda ilexítima acontecidas en Bruxelas. Por outra banda, desde as 19 horas, en Ourense, a PACD fará un percorrido por diversos puntos da cidade cunha performance (Adoración da Santa Débeda) e actividades de denuncia que finalizarán coa lectura dun manifesto.

Xa o sábado 16, na Coruña, o salón de Sargadelos da Rúa Real acollerá un cinefórum onde se fará a presentación da plataforma e onde se explicará con detalle o problema da débeda derivado do Tratado de Maastricht.

Cartel da presentación da PACD na Coruña © PACD-Galiza
Manifestación do 13 de outubro en Ourense contra a "débeda odiosa" Dominio Público @_Oscar_Sanchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.