Semana de mobilizacións en Galicia contra os recortes e as políticas do PP

A cidadanía ateiga unha manifestación en Galicia CC-BY CIG

Con 24 horas de diferenza, dúas manifestacións sacarán xente ás rúas das principais cidades galegas en protesta contra os recortes, o desmantelamento do Estado de Benestar e as políticas do PP no Goberno central e na Xunta de Galicia. A primeira será este mércores 26, nunha convocatoria de apoio ás Marchas da Dignidade que confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo. A segunda, un día despois, convocada pola Alianza Social Galega e para reclamar "outra saída da crise".

A plataforma galega de apoio ás Marchas do 22M convoca manifestacións para este mércores 26

O SLG, a FPG ou a CUT, como integrantes ou apoios da Plataforma Galega pola Marcha da Dignidade, veñen de insistir na súa chamada á mobilización para este mércores nunhas manifestacións previstas para as 20 horas en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense e Vilagarcía. Volverán os denominados sindicatos "alternativos" -entre os que se inclúen tamén CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación ou STEG- a animar á participación da cidadanía galega nas Marchas que chegarán a Madrid en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español".

Estas manifestacións, ao igual que as Marchas, continúan recollendo adhesións, como as da Plataforma Galega de Artes Escénicas, Stop Desafiuzamentos, Fronte Cívica ou colectivos veciñais como o Movemento a Prol dos Bens Comúns de Marín. Durante esta semana, a plataforma -que conta tamén co apoio de EU, Anova ou a FPG, fixo a súa presentación en varias localidades galegas e intentará concienciar a cidadanía con esta mobilización. Tal e como aclaran os seus portavoces, as Marchas da Dignidade "non son unha manifestación máis nin unha excursión a Madrid, senón un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema".

Entre os convocantes das Marchas están tamén a nivel estatal Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M, o SAT andaluz, as CUP ou Endavant. Desde varios puntos da península xa hai preparados para confluír o vindeiro 22 de marzo en Madrid.

A Marcha da Dignidade galega pide que se restitúa ao pobo "dos millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e das pensións actuais e a reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos". Ademais, reclama "contratos fixos e salarios suficientes, a redución da semana laboral a 30  horas para que todos e todas poidan traballar e a fixación de salarios e pensións mínimos suficientes". Do mesmo xeito, solicitan "a incautación das empresas de sectores esenciais para as vidas como a enerxía ou a auga" e o dereito á vivenda digna e ao aborto libre e gratuíto. Por último, agardan a "retirada" da lei mordaza e a "promulgación de políticas racionais para a agricultura e o medio ambiente".

A Alianza Social chama a saír á rúa en varias localidades "por oura saída da crise" e contra os recortes e a xestión da crise

Non son reivindicacións moi diferentes das que defenderá a Alianza Social Galega, que agrupa os tres principais sindicatos (CIG, CCOO e UGT), así como uns 60 colectivos máis nos que, por exemplo, tamén se inclúe o SLG. Apoiada tamén por plataformas a prol da sanidade pública ou de emigrantes retornados, entre outras organizacións, volve saír á rúa Por outra saída da crise, un lema que resume as reivindicacións dunha maioría social que considera que "coas políticas do PP non hai saída á crise" ou haina, pero deixando atrás "unha maioría da cidadanía". Serán manifestacións e concentracións que comezarán entre 19.30 e 20 horas nas sete cidades galegas, ademais de en Vilagarcía, Burela, Ribeira, Monforte, Vilalba e Cangas.

A Alianza Social Galega resume as súas reivindicacións nun manifesto de cara ás marchas deste xoves. No texto, a plataforma denuncia varias das políticas levadas a cabo pola dereita en Galicia e no Estado. Así, censura o recorte das pensións, os "retrocesos" no ensino público galego, as "agresións" á sanidade pública", a "paralización" da lei de dependencia, a privatización dos servizos públicos ou o "ataque" aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Tamén denuncia o Estado policial, a reforma da lei hipotecaria, o abandono do rural ou as medidas que dificultan o traballo dos autónomos.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.