Semente busca financiamento para abrir unha escola en Lugo

O proxecto necesita entre 6 mil e 9 mil euros © Semente Lugo

Lugo está moi preto de contar cunha escola infantil de Semente, seguindo os pasos de Compostela, Vigo e Ferrolterra. A Asociación Semente Lugo conseguiu xa a cesión de uso da antiga escola rural de Barbaín e busca agora recadar entre 6 mil e 9 mil euros a través dunha campaña de crowdfunding para completar a súa rehabilitación e apertura. Os nenos e nenas desenvolverán nesta escola todas as súas actividades en galego "fomentando o valor da nosa lingua e cultura propias".

O obxectivo da campaña é reunir cartos para facer fronte a varias obras de rehabilitación do edificio, compra de material para a sala de aulas, e un fondo económico para garantir a viabilidade do proxecto. O obxectivo inicial é conseguir 6.026 euros cos que financiar a compra de todo o material para as reformas básicas. Se se acadase o obxectivo óptimo (9.086 euros) poderíase acondicionar tamén parte do exterior e parte do andar superior, ademais de asegurar a viabilidade do salario da educadora. Todo o traballo de rehabilitación é voluntario e gratuíto, asumido polas socias e colaboradoras do proxecto de Semente Lugo.

"O proxecto vai dirixido a todas as persoas que cren que a garantía para que os nenos e nenas galegas conserven a lingua propia de Galicia é escolarizalas cun modelo de inmersión lingüística. Vai dirixido a aquelas persoas que cren tamén nun modelo de educación respectuosa cos rapaces e rapazas, posibilitando a adquisición de autoestima lingüística e persoal ao mesmo tempo. Vai dirixido tamén a aquelas persoas que cren que as necesidades sociais deben ser autoxestionadas e que se debe crear comunidade para as resolver. Vai dirixido tamén ás persoas que cren que a educación en igualdade é unha ferramenta esencial para a construción dunha sociedade non patriarcal", destacan.

Moitas das persoas que forman parte de Semente Lugo teñen experiencia como activistas sociais en diferentes asociacións e movementos sociais, de defensa da lingua, ecoloxía ou feminismo. Así mesmo, a entidade aséntase sobre a relación directa con diferentes centros sociais lucenses.

Grupo impulsor de Semente Lugo © Semente Lugo
O obxectivo é volver poñer en uso a antiga escola unitaria de Barbaín Dominio Público Semente Lugo
O proxecto necesita entre 6 mil e 9 mil euros © Semente Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.