"Sen Castrelo de Miño, toda a comarca do Ribeiro e a produción de viño quedaron feridas"

Encoro de Castrelo de Miño CC-BY José Antonio Gil Martínez

En 1969 o proxecto de construción do encoro de Castrelo de Miño por Fenosa deu lugar a un dos grandes conflitos sociais vividos en Galicia durante a ditadura, unha loita iniciada polos propios labregos como reacción á perda das súas terras, moi fértiles, e ás moi reducidas indemnizacións ofrecidas. Á loita incorporouse o Partido Comunista e outras organizacións, no que constituíu unhas das primeiras oportunidades nas que os movementos de oposición ao franquismo puideron poñer en práctica as estratexias de mobilización social e confrontación directa co réxime. 

Arturo Reguera vén de editar Castrelo de Miño, loita, represión, espolio, desastre ecolóxico, desastre humano (Fundación 10 de marzo), unha obra que analiza a orixe, desenvolvemento e consecuencias deste conflito, con efectos moi graves para Castrelo e para toda a comarca do Ribeiro. Se en 1970 Castrelo de Miño contaba con 5.383 habitantes, hoxe xa só ten 1.620. Reguera presentou o libro este xoves no Ateneo de Santiago, acompañado de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

"Foi a primeira vez, en toda a ditadura, que en Galicia se daba un conflito agrario importante, foi o primeiro choque forte entre o poder e os labregos. Algunhas das persoas que participaron despois levaron a cabo outras loitas no rural"

Que significou social e politicamente o conflito de Castrelo de Miño na Galicia dese momento?

Foi a primeira vez, en toda a ditadura, que en Galicia se daba un conflito agrario importante, foi o primeiro choque forte entre o poder e os labregos. Algunhas das persoas que participaron nesta loita despois levaron a cabo outras loitas no rural. Castrelo foi tamén o arranque da organización das Comisións Campesiñas

Por que se produce este choque en Castrelo? Nos anos anteriores construíranse en Galicia outros encoros, sen levar a unha contestación como esta...

Había unha característica diferencial con outros conflitos: aquí íase asolagar unha zona especialmente rica. Os labregos de Castrelo estaban defendendo algo que valía moito e que para eles era moi importante. Mentres que noutros casos, non digo que agradecesen que os expropiasen, pero xente que estaba a piques de emigrar, se lle daban uns cartos polas terras, pois non se queixaban demasiado. Pero a terra de Castrelo era moi rica, moi produtiva, e o que lles ofrecían inicialmente era unha miseria.

Como comeza a protesta contra o encoro?

A reacción, nun comezo, é totalmente espontánea. E, ademais, violenta. Cando chegaron os primeiros topógrafos para medir as terras largáronos de alí violentamente. Despois queimaron unha casetas da obra. Unha violencia realmente insólita en Galicia. Pero foi espontáneo, non houbo ningunha organización detrás diso, por moito que se diga.

"Había unha característica diferencial con outros conflitos: aquí íase asolagar unha zona especialmente rica"

Cal foi o papel do Partido Comunista e doutras organizacións?

O Partido Comunista soubo meterse neste conflito, o mesmo que outras organizacións. A diferenza é que o PC tiña xente no terreo, que son quen lle dan dirección ao conflito e as reivindicación que se poñían enriba da mesa.

Pódese facer unha lectura ecoloxista dese conflito. Pero había esa sensibilidade ambientalista?

Revisando as reivindicacións, sorprende que non había sensibilidade ecoloxista, nin sequera entre a esquerda. Pero por suposto que foi unha loita ecoloxista, porque asolagar ese val foi unha catástrofe, porque era un ecosistema único, por iso a produción de viño e doutros produtos era realmente espectacular.

"Foi moi negativa para a propia produción de viño, pois polo que din os especialistas, sen Castrelo de Miño á comarca do Ribeiro fáltalle masa crítica para ser unha denominación de orixe potente, como podería ter sido"

Cal é a resolución do conflito de Castrelo?

O encoro construíuse. A loita si que conseguiu que variase moito o prezo que lles ofrecían aos labregos polas terras, dende a miseria que lles daban inicialmente chegouse a unha cantidade sensiblemente superior. Pero non se puido parar a construción, e iso foi moi negativo non só para aquela xente, senón para toda a comarca do Ribeiro. Foi moi negativa para a propia produción de viño, pois polo que din os especialistas, sen Castrelo de Miño á comarca do Ribeiro fáltalle masa crítica para ser unha denominación de orixe potente, como podería ter sido. Sen Castrelo, toda a comarca do Ribeiro e a produción de viño quedaron claramente feridas.

"Os pequenos propietarios non tiveron outro remedio que emigrar, mentres que os grandes propietarios, cos cartos que recibiron participaron da enorme especulación inmobiliaria da época en Vigo"

Cales foron as consecuencias sociais inmediatas?

En primeiro lugar, a emigración de moitísimos labregos que perderon as súas terras. A diferenza doutras zonas de Galicia, de Castrelo a xente previamente non quería emigrar, porque esas terras producían moita riqueza. Despois, os pequenos propietarios non tiveron outro remedio que emigrar, mentres que os grandes propietarios, cos cartos que recibiron, que foron bastantes para a época, participaron da enorme especulación inmobiliaria da época en Vigo.

 

Encoro de Castrelo de Miño CC-BY José Antonio Gil Martínez
Capa do libro © Fundación 10 de marzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.