Ser periferia na túa cidade: De Teis ao Álvaro Cunqueiro, unha hora de autobuses

Imaxe dunha das manifestacións convocadas dende setembro © A.V. de Teis

O barrio vigués de Teis é un dos máis antigos da cidade. Conta cuns 30 mil habitantes e acolleu algúns dos estaleiros máis importantes da ría (Vulcano, Ascón ou Rodman). No barrio instalouse tamén a Escola de Transmisións e electricidade da Armada (ETEA). Foi, ademais, un dos principais núcleos de resistencia contra o franquismo e destacou como foco de loita obreira de de organización veciñal nos anos setenta. En 1976, por exemplo, naceu alí a Asociación de Veciños de Teis, a primeira entidade deste tipo na cidade.

Malia todo, o barrio sempre arrastrou unha carencia de servizos e instalacións públicas e aínda en tempos recentes tivo que sufrir a instalación de molestas estruturas, coma a planta compactadora de lixo no peirao de Guixar. Aínda hai dous anos a asociación veciñal mobilizouse para demandar o mantemento da xestión do Centro Cívico do barrio.

Dende hai uns meses está en marcha un novo conflito pola deficiencia nos servizos aos que os seus veciños e veciñas teñen acceso. Desta volta é a conexión por autobús co Hospital Álvaro Cunqueiro. Dende Teis non hai conexión directa (os H1, H2 ou H Navia B que si percorren outros barrios da cidade). Polo tanto, a única opción dos e das habitantes de Teis -alén do vehículo privado ou do taxi- é realizar un transbordo, desprazándose primeiro ata a Avenida de García Barbón (Casa de Artes e Oficios) para coller alí o H1 ou ata os Choróns para tomar o H2.

Se consultamos a calculadora de rutas na web de Vitrasa, vemos que o desprazamento dende o momento en que se toma o primeiro autobús no barrio ata a chegada ao Hospital é de ao redor dunha hora, que se achega á hora e media en domingo. Hai que ter en conta, ademais, que o H2 non circula os sábados, o que reduce as posibilidades.

O desprazamento dende o momento en que se toma o primeiro autobús no barrio ata a chegada ao Hospital é de ao redor dunha hora, que se achega á hora e media en domingo

Dende a apertura do Álvaro Cunqueiro, hai un ano e medio, as queixas son continuas entres os veciños e veciñas do barrio de Teis que utilizan o autobús urbano cara o novo hospital. Dende o pasado mes de setembro, vendo que non había reacción por parte do Goberno municipal, a Asociación de Veciños organizou varias manifestacións (que acadaron unha gran participación) e chegou a reunir case catro mil sinaturas, que entregou no Concello. Neste momento prepara novas accións, que empregarán as comparsas do Entroido como instrumento de crítica.

"Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e para eles e elas supón un problema ter que coller varios autobuses. Sobre todo os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar os seus familiares e amigos", destacan dende a entidade.

"Temos un hospital con moitas deficiencias e a maiores carecemos dun bo transporte urbano que nós permita chegar ao hospital desde Teis. Desde a Asociación entendemos que debe ser unha prioridade mellorar a conexión do autobús dende o barrio. O goberno municipal debe esixir a empresa concesionaria Vitrasa que mellore este servizo debidamente e que atenda as demandas da veciñanza de Teis", esixen, propoñendo como solución "que as liñas H2 e H1 sexan ampliadas ata Teis e que a liña H1 funcione os sábados, domingos e festivos cunha frecuencia de 30 minutos".

"Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e para eles e elas supón un problema ter que coller varios autobuses"

"Levamos mobilizándonos desde setembro de 2016 e aínda non sabemos cando teremos unha liña de autobús desde Teis ao hospital Álvaro Cunqueiro. O alcalde fala desde hai meses de estudos, que aínda non esta realizado. Non é a primeira vez que o alcalde fai anuncios que logo non se concretan. En Teis sabémolo ben: piscina da ETEA, biblioteca, etc.", conclúen.

A Asociación de Veciños convocou varias manifestacións e entregou catro mil sinaturas no Concello © A.V. de Teis
Imaxe dunha das manifestacións convocadas dende setembro © A.V. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.