Só o 10% das persoas migrantes privadas de atención sanitaria se benefician do "parche" da Xunta

Presentación da campaña contra o 'programa de atención alternativa' da Xunta, hai un ano CC-BY Praza Pública

Foro Galego de Inmigración, SOS Sanidade pública, Médicos do Mundo, Amnistía Internacional e a Asociación Galega de Medicina Familiar denunciaron este martes en San Caetano "as vulneracións no acceso á asistencia sanitaria das persoas migrantes", produto da aplicación do Real Decreto 16/2012, que leva un ano en vigor, e polo que se privou da tarxeta sanitaria ás persoas migrantes que non poidan regularizar a súa situación en España. Alertan do retroceso que supón "no modelo sanitario, de carácter público e universal baseado no dereito de cidadanía e residencia nun territorio".

Estas entidades, ademais de esixir a derrogación deste decreto, que afectou a máis de nove mil persoas en Galicia, criticaron a ineficacia do Programa Galego de Protección Social á Saúde Pública, posto en marcha pola Xunta para paliar os problemas derivados da privación deste dereito. Sinalan que, por mor da falta de información, da limitación dos servizos prestados (denuncian que non se cumpren mínimos recollidos en tratados internacionais no que respecta á atención a menores ou embarazadas e non se contempla a atención a problemas de saúde mental) e das trabas burocráticas, apenas o 10% das persoas afectadas se están beneficiando desta alternativa, que cualifican de "parche" e de "simulacro". Denuncian tamén o carácter “graciable” e transitorio deste programa, por manter o requisito de empadroamento de 183 días na Comunidade Autónoma para acceder a asistencia sanitaria.

Por mor da falta de información, da limitación dos servizos prestados e das trabas burocráticas, apenas o 10% das persoas afectadas se están beneficiando desta alternativa

Denuncian así mesmo que o Goberno central tenta disfrazar, coa crise económica como desculpa, un cambio no modelo sanitario, creando unha diferenza entre asegurados e non asegurados. "Denunciamos o paso atrás, a involución, que supón a aplicación do decreto para o noso modelo de saúde pública universal e garantista. Esa universalidade e o dereito de cidadanía é o principio reitor do noso modelo, e está sendo atacado polas políticas do Partido Popular", afirma María Fidalgo, do Foro Galego da Inmigración.

Denuncian así mesmo que o Goberno central tenta disfrazar, coa crise económica como desculpa, un cambio no modelo sanitario, creando unha diferenza entre asegurados e non asegurados

A este respecto, sinalan que "non é dabondo con parches solidarios, que fan falta máis que intencións, boas ou malas, para garantir o cumprimento dun dereito humano e constitucional fundamental, que lle foi roubado de forma intolerable as persoas migrantes residentes no Estado Español e na Galiza en situación de irregularidade administrativa". E subliñan que "o acceso diferencial ao sistema de dereitos, como é o caso do fundamental dereito á saúde, representa un elemento máis do armazón de fronteiras interiores arquitectado polo poder estatal, coa complicidade doutros niveis administrativos". Conclúen que "o obxectivo non é outro que apuntalar a situación de subordinación e explotación das persoas migrantes, en cuxo estremo están ás mulleres migrantes exiliadas polos sistemas capitalista e patriarcal, e promover a división entre diferentes grupos sociais, empregando a competencia por recursos escasos e a creación dun inimigo interno como método de goberno de poboacións".

Este martes pola tarde, na Facultade de Medicina da USC, Ana Mateo (Médicos do Mundo), tratará esta cuestión nunha palestra que ofrecerá xunto con Eduardo Romero, no marco da Semana Galega de Loita contra as Fronteiras, organizada por Foro Galego da Inmigración, Raias Traveseiras, Grupo de Axitación Social, ODS-Coia e Liga Estudantil Galega. Como salienta Fidalgo, "o noso obxectivo nesta Semana é denunciar a situación que permanece máis invisible, desas fronteiras que están no cotián. Para nós a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible".

Calcúlase que nove mil persoas perderon o seu dereito á atención sanitaria en Galicia © UGT Galicia
Presentación da campaña contra o 'programa de atención alternativa' da Xunta, hai un ano CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.