"Suplico ao Valedor do Pobo, que tendo por presentado este escrito, o admita a trámite e me ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes á miña condición de muller galega. Para iso solicito a esta institución proceda emitir o informe correspondente para que o Goberno da Xunta de Galicia esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade, por afectar e vulnerar os meus Dereitos Fundamentais e que constitucionalmente se me recoñecen". Con esta petición remata o texto que a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto difunde para que as mulleres que así o desexen o enchan cos seus dados e envíen vía correo electrónico ao Valedor.
A plataforma pretende enviar moreas de peticións pedindo o amparo do Valedor ante a reforma da lei do aborto
Así pretende a plataforma encher de peticións o correo de José Julio Fernández Rodríguez, o Valedor ao que pedirán amparo as mulleres que así o desexen ante a prevista refoma da lei do aborto prevista polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, esa que volveu ser apoiada pola maioría absoluta do PP no Congreso e no propio Parlamento galego e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo só en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller.
O texto repasa os antecedentes e inclúe a denuncia dun anteproxecto que "adoece de vicios de inconstitucionalidade claros e manifestos xa que afectan fundamentalmente o principio de igualdade e non discriminación do artigo 14 da vixente Constitución Española". Enn cada unha das peticións que cheguen ao Valedor, as mulleres lembrarán a súa "preocupación polas consecuencias que para a saúde e a vida das mulleres galegas tería a modificación da Lei Orgánica 2/2010".
O texto lembra que o anteproxecto "adoece de vicios de inconstitucionalidade claros e manifestos ao afectar o principio de igualdade e non discriminación"
Ademais, alertan de que comprobaron tamén "con preocupación como o Goberno da Xunta de Galicia negouse en reiteradas ocasións a defender o meu dereito á igualdade e aos Dereitos Humanos que me asisten como muller galega por medio da solicitude da retirada de forma inmediata da proposta para modificar a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo".
As mulleres censuran que a Xunta "se negase retiradamente" a defender os seus dereitos á igualdade e aos Dereitos Humanos
Por iso, explicará cada unha das mulleres, acoden ao Valedor e demandan que as "ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes" á súa "condición de muller galega". Por todo iso, solicitan que o defensor do pobo emita un informe para que o Executivo galego exixa "de maneira urxente" a retirada inmediata do anteproxecto. Ademais, solicitan tamén que, no caso de que se aprobe a reforma, a Xunta "interpoña un recurso de inconstitucionalidade" ao considerar que afectaría os seus dereitos fundamentais e recoñecidos constitucionalmente. Do mesmo xeito, recordan que a aprobación do proxecto "suporía o incumprimento flagrante dos tratados internacionais asinados polo Reino de España".