"Somos unha alternativa autofinanciada. As subvencións crean dependencia e reducen a iniciativa e a creación"

Celebración de Sant Jordi coa Plataforma per la llengua © ACGB

Este 24 de febreiro a Asemblea Cultural Galega de Barcelona celebra o seu primeiro aniversario. E o vindeiro 2 de marzo celebrarán o evento cun concerto de Davide Salvado. Falamos con Míriam González, unha das súas promotoras.  

Como nace a ACGB?

A plataforma ACGB nace ao converxer diferentes necesidades e sensibilidades que non se contemplaban no ámbito social e cultural de Barcelona. O detonante foi que algúns de nós, o xaneiro de 2012 presentámonos ás eleccións do Centro Galego de Barcelona e perdemos. Eramos un grupo de persoas que levábamos xa varios anos traballando no Centro Galego, organizando actividades culturais encamiñadas a facer do Centro Galego un espazo máis aberto para a comunidade galega e catalá. Pero como digo, perdemos as eleccións e a nova Xunta Directiva deulle un cambio de rumbo a xestión cultural de 180º, as nosas propostas culturais non tiñan cabida neste novo Centro Galego de Barcelona, non nos sentiamos representados. Era un paso atrás demasiado grande.

"A ACGB non somos só ex-socios e ex-socias do CGB, afortunadamente, a maioría son caras novas, persoas galegas que están a traballar aquí, estudantes de Galiza, fillos de galegos, moitos cataláns viron unha plataforma próxima a eles"

O 24 de febreiro de 2012 nace ACGG. A ACGB non somos só ex-socios e ex-socias do CGB, afortunadamente, a maioría son caras novas, persoas galegas que están a traballar aquí, estudantes de Galiza, fillos de galegos, moitos cataláns viron unha plataforma próxima a eles, etc. Sen eles, sen calquera dúbida, non poderiamos falar desta ACGB que tanto está xerando. Creouse un proxecto lindo para que estes tempos complexos que corren. Agora mesmo, os lazos e as redes humanas son un puntal para poidamos crear e reforzar o noso compromiso, un compromiso un lingüístico, cultural e social.

Como valorades a experiencia do primeiro ano? Cumpristes as expectativas coas que vos puxestes en marcha?

O resultado do primeiro ano foi extraordinario. Superou con moito as expectativas esperadas. Agora o máis importante é manter esta ilusión que se xerou, con estímulo constante.

"O que máis valoramos que se acheguen a nós persoas que nunca se formularan participar nunha plataforma con estas características. Temos compromiso de galeguidade pero non esquecemos que vivimos en Catalunya"

Que foi o mellor destes primeiros meses?

A ACGB agrupa colectivos e persoas de diferentes ámbitos e intereses e para empezar, iso, era moi bo! Os colectivos da asemblea son: o colectivo musical FIA (Foliada Intercultural Aberta), Furafollas Agrupación Teatral,Magosto Barcelona, Ludotega (para nenas e nenos en galego), Proxecto Galauda (proxecto educativo galego-catalá na secundaria), Locus Lupulus (colectivo de Cervexa artesá) e finalmente, Conversemos (intercambio de conversa de catalá e galego). O colectivo FIA organizou exitosas foliadas Can Mas Deu, Can Batlló, en Girona, na Festa Major de Gràcia e no propio Ateneu Roig (que é nosa sede). Destaca sobre todos, o proxecto da LudoteGa, unha necesidade, para as nais, os pais, para que os pequenos e pequenas aprendan a falar galego con outros rapaces; este colectivo é unha xoia para nós. Temos máis de 20 nenos e nenas que participan na Ludotega cada mes, unha marabilla!!Magosto Barcelona o seu triunfo é indiscutíbel, en novembro, reuníronse 350 persoas. Así mesmo, en decembro, xunto coa plataforma Nunca Máis Catalunya, organizamos actos para lembrar no décimo cabodano do Prestige, outra vez, con indignación. 

O mellor? O que máis valoramos que se acheguen a nós persoas que nunca se formularan participar nunha plataforma con estas características. Esa xente venos unha plataforma próxima, aberta e comprometida. Temos compromiso de galeguidade pero non esquecemos que vivimos en Catalunya. É gratamente satisfactorio!

"Todos os primeiros luns de cada mes temos unha asemblea aberta, na que todas as socias e socios, poden participar, propoñer, debater… é moi importante para ACGB, a participación de todas e todos os socios"

Que retos tedes para o voso segundo ano de existencia?

O noso gran reto é difundir e dar a coñecer a nosa cultura, o noso idioma, as nosas músicas, as nosas artes... despois temos os “retos do día a día”,  a continuidade é moi importante, pero unha continuidade vital e forte. O reto de crear estímulos, ganas de traballar e involucrarse no activismo da ACGB, sen decaer. A asemblea funciona de xeito horizontal. As propostas, se hai acordos mínimos aceptables para tódolos socias/os e hai vontade de traballo, fanse. Todos os proxectos, por loucos que parezan son posibles. Todos os primeiros luns de cada mes temos unha asemblea aberta, na que todas as socias e socios, poden participar, propoñer, debater… é moi importante para ACGB, a participación de todas e todos os socios. En poucos días chegaremos ou pasaremos dos 100 socios, iso espero.  Non me atrevería chamar propiamente un reto, pero é un acto significativo: o primeiro aniversario da ACGB, será o 2 de marzo. O celebraremos na Euskal Etxea. Ás 13.30 h, a Fia conducirá o vermú musical e ás 20h, o cantante Davide Salvado ofrecerá un concerto. Convidados todos e todas!

"O debate simplemente non é se hai independencia ou centralismo ou federalismo, o que reclaman os cataláns, en democracia, é o dereito a decidir o seu futuro"

Como estades vivindo a efervescencia política que vive Catalunya?

Estamos inmersos nunha crise profunda e de larga duración que crea desánimos, a luz o final do túnel non se ve. O Estado do benestar periga. A maioría da xente que vive en Catalunya ve que as condicións económicas teñen que cambiar e hai un ambiente hostil que non se creou agora e con esta parte adversa, xerou unha reivindicación soberanista. Somos espectadores desta intensificación deste sentimento. O debate simplemente non é se hai independencia ou centralismo ou federalismo, o que reclaman os cataláns, en democracia, é o dereito a decidir o seu futuro. 

Supoño que a relación que se ten con Galicia dende Catalunya é distinta agora da que podía haber hai 10 ou 20 anos con menos ferramentas de comunicación. Como é a vosa relación con Galicia?

Por suposto! Moitos das persoas asociadas a ACGB ten un vínculo forte con Galiza porque hai socios galegos ou fillos de galegos que teñen un vínculo constante alí. Pero, agora coas ferramentas de comunicación do século XXI, ca tecnoloxía comunicativa, é dicir, coa internet non necesitamos tanta relación unipersoal ou familiar para saber que se coce en Galiza ou Catalunya. As redes sociais están axudando o activismo social, a pesar da falta de información, da información errónea, información sesgada.... é menos mal!

"Somos unha alternativa autofinanciada e autoxestionada, esta opción permite ter unha carga eficiente e máis xusta. As subvencións crean dependencia e reducen a iniciativa e a creación"

Como é esa "alternativa 2.0 ao asociacionismo galego en Catalunya" da que falades?

Unha alternativa autofinanciada e autoxestionada, esta opción permite ter unha carga eficiente e máis xusta. As subvencións crean dependencia e reducen a iniciativa e a creación. Así mesmo, non queremos que os nosos principios se atopen supeditados polas esixencias do poder. A Asembea é apartidista e con presenza na rede. Un espazo de encontro, creación e acción. Un espazo, físico e virtual, onde traballar xuntos por unha galeguidade aberta, crítica, vital e creativa en todos os ámbitos. Unha consciencia e compromiso lingüístico. Un compromiso coa realidade social na que vivimos, tanto a nivel galego coma catalán. A difusión e dinamización da cultura galega en Catalunya: tradicional e contemporánea. Dinamización de proxectos xa existentes e impulso doutros novos que propoñan os seus integrantes.

Celebración de Sant Jordi coa Plataforma per la llengua © ACGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.