Advertiuno o propio alcalde de Carnota, Ramón Noceda, que ante o "desleixo absoluto" da Xunta tras o grave incendio sufrido polo Monte Pindo adiantou que sería a sociedade civil e as xentes da zona as que acabarían por recuperar o bosque no que o lume arrasou 2.500 hectáreas no verán. As cinzas e lodos arrastradas polas últimas choivas cara á costa e os prados agravaron a situación e volveron demostrar, como critica o rexedor e diversas asociacións, a ausencia de medidas paliativas e previsoras por parte da Administración autonómica.
Por iso, nace agora "o proxecto civil para recuperar o Olimpo Celta e o monte sacro dos nosos antergos, un santuario de 646 especies (100 delas protexidas) que ficou convertido nun océano de morte, cinzas e lodo en permanente procesión cara ás aldeas e aos bancos marisqueiros situados monte abaixo", como destaca a asociación Monte Pindo Parque Natural, impulsora da iniciativa xunto ao Concello de Carnota.
O "proxecto civil" nace para "devolver a vida ao monte asasinado pola cobiza humana e o desleixo e a traizón dos representantes políticos elixidos para defendelo"
Neste venres, día de Santos e previa de Difuntos, ponse en marcha SOS Monte Pindo e a súa web (sos.montepindo.org), que artellará unha iniciativa cidadá "co único obxectivo de traballar pasiño a pasiño para devolver á vida o monte asasinado pola cobiza humana e o desleixo e a traizón dos representantes políticos elixidos para defendelo".
O propósito é que calquera persoa que poida e queira colaborar de calquera xeito coa recuperación do Monte Pindo poida facelo. De maneira organizada pero afastándose da tutela das autoridades. "Isto culmina a ruptura coa administración da Xunta, que desde o día da catástrofe abandonou á súa sorte aos veciños, ao medio ambiente e ao tecido produtivo, negándose unha e outra vez a dispoñer do fondo de emerxencias ou cando menos de calquera outro investimento resarcitorio á veciñanza directamaente prexudicada polo incendio e as sáus consecuencias", din os impulsores da iniciativa, que lembran que o Goberno galego "rexeitou aceptar como interlocutores aos veciños e ao propio Concello de Carnota".
SOS Monte Pindo "culmina a ruptura coa Xunta, que abandonou á súa sorte aos veciños, ao medio ambiente e ao tecido produtivo"
"Limitáronse a perder o tempo facendo o parvo na zona arrasada e por suposto negándose á petición cidadá de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, desatendendo a petición de milleiros de galegas e galegos e dun total de 169 entidades sociais de todo tipo e de todo o país", aseguran. Tanto o Concello como a asociación a prol do parque natural censuraron as medidas tomadas pola Xunta, como a botadura de palla no terreo afectado, e que só cubriu un 0,16% da extensión afectada, ou a campaña de voluntariado que implicou a unha ducia de persoas. "Non cobran nada, pero teñen todos os gastos pagos e dormen nas casas rurais da zona, pregúntome se non se podía dar traballo a xente da zona para recuperar o monte", censurara o alcalde.
"Comeza o novo futuro do Monte Pindo; toda a sociedade está chamada a botar unha man para que ese novo futuro sexa de todas e todos, tamén dos nosos herdeiros aos que poderemos legar un espazo natural do que sentir verdadeiro orgullo", explican os impulsores da iniciativa, que pretende implicar a toda a cidadanía.
O proxecto prevé a inscrición de voluntarios, a doazón de especies ou a achega de ideas para recuperar o Pindo
Na súa web, explícase que se trata un proxecto dinámico, que non conta cun calendario prefixado senón cun concepto claro do que hai que facer e que logo "debemos deseñar en función do momento do ano, número de voluntarios inscritos en cada xornada, a meteoroloxía e a actuación máis urxente en cada momento". Propóñense así diversos xeitos para prever as riadas e para a restauración ecolóxica, adxúntase un formulario para a inscrición de voluntarios, para a doazón de especies que se plantarán na zona ou para achegar novas ideas que axuden a recuperar o Olimpo Celta.