Sos Panadeira continúa a súa loita contra o aproveitamento privado dunha praia pública

Nova acción de protesta, levada a cabo este martes © SOS Panadeira

Este martes o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, entregoulle en Sanxenxo a Placa do Mérito Deportivo aos responsables do Real Club Náutico de Sanxenxo, nun acto no que tamén participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, ou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. No acto, Rajoy destacou que Sanxenxo é a súa "pequena patria" e afirmou que coñece "poucos lugares" como esta localidade. No exterior das instalacións, un grupo de persoas do colectivo Sos Panadeira protestaban contra a ocupación parcial de dúas praias públicas -Os Barcos e Panadeira- pola construción dun novo pantalán deste clube privado, un proxecto xa concluído -coa anuencia da Xunta- contra o que levan 14 meses mobilizándose e ante o que agora veñen de iniciar accións xudiciais pola súa posible ilegalidade.

A platafoma veciñal mantén a súa denuncia de que a construción deste pantalán, autorizado por Portos de Galicia e que contou coa oposición do Concello de Sanxenxo, é ilegal

A pesar das súas protestas o pantalán foi xa construído, pero advirten de que continuarán a súa mobilización, como fixeron este martes, convocando máis de 200 persoas que debuxaron na area un novo SOS polos dous areais. A platafoma veciñal mantén a súa denuncia de que a construción deste pantalán, autorizado por Portos de Galicia e que contou coa oposición do Concello de Sanxenxo, é ilegal, sobre todo porque a concesión outrogada pola Xunta a este clube privado era contraria ao Plano de Usos do Plano Especial do porto deportivo da localidade. Por ese motivo presentaron xa unha demanda xudicial, co obxectivo de recuperar o espazo público perdido, e advirten de que, no caso de que a sentenza lles dea a razón, levaría o caso pola vía penal pois “non podería quedar impune que alguén dea permisos e licencias sen contar co visto bo do Concello e non pase nada”.

Sos Panadeira destaca, iso si, que a presión veciñal neste tempo si conseguiu que o Club Náutico renunciase a construír o pantalán norte, o máis próximo á praia, pasando as prazas de amarre de 124 a 61, e limitando o dano causado

Sos Panadeira destaca, iso si, que a presión veciñal neste tempo si conseguiu que o Club Náutico renunciase a construír o pantalán norte, o máis próximo á praia, pasando as prazas de amarre de 124 a 61, e limitando o dano causado. No proxecto inicial, o pantalán e as embarcacións estarían case pegadas á propia praia da Panadeira, co que o baño neste areal sería imposible con marea baixa, cunha calidade e limpeza das augas, ademais, moi deficiente. Aseguran que manterán as súas protestas, dun xeito lúdico, coma a realizada este martes, e iso a pesar de que hai uns días a Policía Local de Sanxenxo instou os responsables da plataforma a que retirasen "as pancartas e demais elementos reivindicativos" colocados no ámbito da praza dos Barcos "porque afean un ámbito privilexiado e elixido por milleiros de visitantes".

 

14 meses de loita

Este grupo de veciños e veciñas de Sanxenxo levan dende o inicio do pasado verán mobilizados contra un pantalán que pode levar á práctica destrución de dous areais (Os Barcos e Panadeira), á perda de bandeiras azuis e a unha meirande contaminación polo movemento previsto de barcos. O proxecto supón, en definitiva, unha ocupación do espazo público (porto e praias) para o beneficio dunha entidade privada, o Real Club Náutico de Sanxenxo. 

O presidente do Náutico, Pedro Campos, premiado este martes por Mariano Rajoy, xustificou en moitas ocasións a oportunidade e a legalidade desta actuación, que sempre contou coa complicidade do Goberno galego. En moitas ocasións Campos recorreu a argumentos realmente chocantes: “o Club está composto por veraneantes, que vimos aquí polo mar e as praias. Como iamos danalas se son o noso sentido de estar aquí?”, dixo nunha ocasión. Unha intervención na que tamén sinalou que "o que está ocorrendo vai máis aló duns pantaláns” e que “se permitimos que a violencia se impoña, a próxima vez usarán este método para outra cosa, e así acábase co Estado de Dereito”.

Pedro Campos sinalou que "o que está ocorrendo vai máis aló duns pantaláns” e que “se permitimos que a violencia se impoña, a próxima vez usarán este método para outra cosa, e así acábase co Estado de Dereito”

Nese mesmo acto, en ton ameazante, advertiu que "non confundan a nosa amabilidade con debilidade. Estamos presentando demandas polo civil e polo penal. E contaremos coas medidas de seguridade que sexan necesarias tanto para os traballadores do Náutico, como para os socios e os operarios que están facendo a obra”. De feito, foron varios os episodios de violencia e de pequenos enfrontamentos directos entre a veciñanza oposta aoproxecto e os gardas de seguridade do clube.

A oposición ao pantalán tamén chegou por parte do Colexio Oficial de Biólogos e pola Asociación de Educación Ambiental e del Consumidor (Adeac), integrante da Foundation for Environmental Education, a entidade responsable da concesión das bandeiras azuis. "Se finalmente se executa esta obra tal e como está pensada, a praia de Panadeira, aínda se cumprise con todos os demais criterios imperativos, non podería ser considerada zona de baño, ao ser incompatible coa zona portuaria", sinalou Adeac que asegura "non estar en contra das ampliacións de portos deportivos", iso si, "sempre que haxa unha necesidade xustificada, uns estudos de impacto ambiental e un consenso social", aspectos que, nesta ocasión, "non se cumpren". Tamén lembraba que "os pantaláns están en contra das orientacións xerais do propio Concello e de Nauta Sanxenxo" e dicía descoñecer "cales son os argumentos que puidesen xustificar unhas obras aparentemente en contra do desenvolvemento sostible de Sanxenxo".

Imaxe da ocupación de parte da praia e da lámina de auga polo novo pantalán privado © SOS Panadeira
Nova acción de protesta, levada a cabo este martes © SOS Panadeira
Nova acción de protesta, levada a cabo este martes © SOS Panadeira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.