SOS Panadeira denuncia agresións por parte da seguridade do Club Náutico de Sanxenxo

A zona, pechada polas obras © SOS Panadeira

Nada se move nas praia da Panadeira e Os Barcos de Sanxenxo. Tanto os responsables do Real Club Náutico de Sanxenxo coma os veciños opostos á ocupación dun espazo público para construír un pantalán de uso privado pelexan por manter as súas posicións á espera de que a Xustiza se pronuncie sobre a legalidade das obras, en resposta aos recursos presentados polo Concello e por Nauta Sanxenxo, a empresa municipal que xestiona o porto.

Mentres, hai unha loita polo espazo, de xeito literal, na que o clube privado pechou cun valado o espazo no que deberían realizarse as obras, alegando que conta cos permisos nescesarios para levalas a cabo. Os veciños e veciñas, pola súa banda, retiraron os valos hai uns días, depositándoos na praia e rodeando un dos pivotes do futuro pantalán chantados na area, e no segundo intento da empresa de colocalos, tentaron obstaculizar este proceso todo o que puideron. Polo medio, acusacións cruzadas de agresións entre os cidadáns opostos ao proxecto e os axentes de seguridade privada que vixilan a maquinaria das obras. Esta pasada noite os veciños volveron denunciar unha agresión por parte destes empregados de seguridade, que mesmo rexistraron en vídeo.

Esta pasada noite os veciños volveron denunciar unha agresión por parte destes empregados de seguridade, que mesmo rexistraron en vídeo

En calquera caso, o obxetivo da plataforma cidadá SOS Panadeira é, por unha banda, manter o foco dos medios de comunicación sobre este conflito, para evitar que as obras avancen, provocando algún destrozo irreparable nos areais e no entorno. Nos vindeiros días, segundo xa anunciaron, levarán a cabo algunha acción reivindicativa aprovesitando o Entroido. E, de igual xeito, manteñen unha vixilancia directa no lugar para impedir na práctica o comezo dos traballos. Con respecto á acción levada a cabo hai uns días, consistente en limpar a praia dos Barcos, retirando as pedras e outros obxectos do areal e depositándoas ao pé do pivote do futuro pantalán instalado hai uns meses, SOS Panadeira declarou que se tratara dunha acción pola "dignidade dos espazos comúns democráticos", levando a cabo unha caste de milladoiro, "a modo de monumento funerario pola fin dun proxecto invasor".

O futuro deste conflito, á espera de que a Xunta de Galicia tome nalgún momento a decisión de intervir, o que non fixo nos últimos meses, dirimirase nos tribunais, sobre todo no pronunciamento que debe realizar o TSXG. Está en xogo a continuidade de dous areais (Os Barcos e Panadeira), a perda de bandeiras azuis e o risco dunha meirande contaminación polo movemento previsto de barcos nos 121 amarres previstos. O proxecto supón, denuncian os e as veciñas, unha ocupación do espazo público (porto e praias) para o beneficio dunha entidade privada, o Real Club Náutico de Sanxenxo.

SOS Panadeira retirou hai os días os valos e rodeou un dos pivotes do futuro pantalán © María Barreiro
Os veciños e veciñas recolleron as pedras da praia hai uns días © María Barreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.