SOS Racismo critica o alcalde de Lalín por relacionar inmigración e delincuencia

José Crespo, no centro © Concello de Lalín

O pasado 4 de decembro Faro de Vigo recolleu unhas declaracións do alcalde de Lalín, José Crespo, nas que o rexedor pedía "endurecer as penas" para que se puidese "expulsar automaticamente fóra do país" os estranxeiros que delinquisen. Crespo referíase aos repetidos roubos de cable de cobre na localidade, felicitando a Garda Civil pola detención dos presuntos autores e, ao tempo, lamentando que as leis sexan "tan laxas nesta materia", porque "ao pouco tempo volverán estar na rúa e, por desgraza, a reincidir no roubo dos cableados de tendidos públicos de todo tipo".

O rexedor pediu "endurecer as penas" para que se puidese "expulsar automaticamente fóra do país" os estranxeiros que delinquisen

Tras recibir varias denuncias, a entidade Sos Racismo Galicia vén de facer público un comunicado no que lle esixe a Crespo a "retirada" destas declaracións, sinalando que "a esixencia do endurecemento de penas por comisión dun delito debe estar relacionada co feito punible en si, indiferentemente do sexo, procedencia, situación administrativa, etc., da persoa que o cometa". Ademas, Sos Racismo advirte que "utilizar as persoas inmigrantes como chibo expiatorio ao que sinalar como responsable da inseguridade cidadá" alimenta "de xeito cada vez menos disimulado un discurso do odio cara as persoas estranxeiras".

"No actual contexto de crise económica, incitar ó temor da poboación cara a inmigración pode ter réditos electorais, pero tamén consecuencias sociais incalculables. Utilizar os prexuizos, a inseguridade e o medo prexudica a convivencia social que hoxe en día comeza a ser un ben moi preciado", engade.

Sos Racismo esíxelle a Crespo que "faga un exercicio de responsabilidade e que non faga demagoxia nin populismo coa inmigración"

Sos Racismo esíxelle a Crespo que "faga un exercicio de responsabilidade e que non faga demagoxia nin populismo coa inmigración". "Avogamos por unha sociedade integradora onde, por enriba do lugar de procedencia, a relixión ou a cultura, se nos recoñeza como veciñas e veciños iguais en dereitos", conclúe.

José Crespo, no centro © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.