SOS Sanidade aclara que o Concello de Santiago non veta o palco da súa protesta

Mobilización pola sanidade pública CC-BY-SA CIG

Non había prohibición. Despois de que na mañá deste venres un dos voceiros da plataforma SOS Sanidade Pública, Francisco Vizoso, denunciase en rolda de prensa que o Concello de Santiago optara por "non permitir colocar un palco" na Praza da Quintana, onde a organización prevé un acto reivindicativo e musical para culminar a súa manifestación contra "os recortes e as privatizacións", o colectivo vén de aclarar  que "conta con todos os permisos necesarios para a realización" da mobilización. Así as cousas, non haberá atranco ningún para o desenvolvemento da protesta, dende a saída da marcha, ás 12 da mañá na Alameda, ata o acto final na Quintana, onde se lerán os manifestos que inspiran a mobilización e dende o que, ademais, os músicos Ses e Magín Blanco interpretarán as súas Tempestades de sal e Rumba das apertas. Nun comunicado posterior SOS Sanidade explicou que Vizoso "interpretou que o Concello de Santiago, como ocorreu noutras ocasións, denegara o permiso para instalar o palco" cando "non se chegou a solicitar, por falta de orzamento da plataforma", dando lugar a un "lamentábel malentendido".

Á marxe da disfunción comunicativa a plataforma presentaba este venres os apoios á protesta procedentes do mundo da cultura, representado na comparecencia pública polo escritor Suso de Toro, que vía nos supostos impedimentos á colocación do escenario unha mostra máis do "retroceso democrático" que, na súa opinión, se está a vivir en Galicia e no conxunto do Estado. "Non se trata de recortes técnicos", afirma De Todo, "o mesmo na sanidade que na liberdade de expresión" estase a "retroceder trinta ou corenta anos en dereitos democráticos adquiridos" o que, di, fai aínda máis importante a participación nunha manifestación que o Concello pretende que se desenvolva en condicións "indignas" porque, di, "unha cousa é a pobreza" de recursos económicos e outra "a represión".

Suso de Toro: "É unha mostra máis do retroceso democrático, o mesmo na sanidade que na liberdade de expresión"

O escritor xustifica a implicación de escritores, músicos ou actores na proesta no feito de que os recortes sanitarios "non son un problema dos traballadores da sanidade" senón de toda a sociedade, dado que os servizos públicos de saúde son "un patrimonio social". "A sanidade e a educación son un tesouro do modelo social europeo que neste momento está en perigo". Por este motivo, afirma, cómpre deixar dun lado os "intereses particulares", mesmo as posibles "represalias" por poñerlle cara ás protestas, en beneficio da "defensa do ben común".

Na diversidade de apoios ás reivindicacións de SOS Sanidade incide tamén Francisco Vizoso, que subliña que a plataforma, máis que sanitaria é "cidadá", algo que fica demostrado, di, na integración de todos os sindicatos, de organizacións políticas diversas e tamén de colectivos doutros ámbitos como o veciñal. Son "amplos apoios" contra unhas medidas que, de "consolidarse", advirte, impactarán de cheo na "saúde da poboación", xa que se substituirán as prestacións universais financiadas vía impostos por un modelo de "beneficencia", cunha "sanidade mínima" para o groso da poboación e outra "privada para quen poida pagar un seguro".

Con estes argumentos SOS Sanidade sairá ás rúas da capital nunha protesta que, sinala Vizoso, é "a primeira manifestación dunha vaga" delas polo resto do país. "A xente decátase de que a saúde é importante" e esta, afirma, é unha "batalla decisiva" para que a sanidade pública non regrese ao escenario previo á Lei Xeral de Sanidade de 1986.

Vizoso e De Toro, na presentación da protesta CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.