Stop Desafiuzamentos convoca un 'escrache' na sede do PP en Santiago

Cartel das plataformas galegas contra os desafiuzamentos © PAH-Vigo-Tui

Stop Desafiuzamentos Compostela convocou unha acción de escrache na sede do Partido Popular en Santiago de Compostela, na rúa Alfredo Brañas. Terá lugar este martes ás sete da tarde e coincidirá con accións semellantes nas sedes populares en toda España. Demándase que os deputados do PP apoien no Congreso os principais puntos da ILP presentada pola plataforma: dación en pagamento retroactiva, aluguer social e moratoria de desafiuzamentos.

Demándase que os deputados do PP apoien no Congreso os principais puntos da ILP presentada pola plataforma: dación en pagamento retroactiva, aluguer social e moratoria de desafiuzamentos.

Stop Desafiuzamentos lembra que a ILP, avalada por 1.402.854 sinaturas, aceptouse a trámite "grazas á presión social cando todo o mundo o daba por perdido". Rematou xa o prazo de emendas e a plataforma denuncia que "as emendas do PP son unha rebaixa substancial das propostas da ILP". Stop Desafiuzamentos critica que "vivimos nunha democracia secuestrada polos intereses dos lobbies financeiros. Uns lobbies aos que só a cidadania plantou cara" e afirma que o Partido Popular "ten a obriga de escoitar o clamor popular, está nas súas mans aceptar as demandas da cidadanía, ou continuar a perpetuar unha situación que condena milleiros de persoas a unha morte civil".

Tamén denuncia que "o PP fixo un burdo intento de criminalizar a campaña de escraches informativos aos deputados do PP para desviar a atención, porque as demandas da ILP teñen o apoio do 90% da cidadania e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou os que desafiuzamentos son ilegais".

Cartel das plataformas galegas contra os desafiuzamentos © PAH-Vigo-Tui

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.