Stop Desafiuzamentos denuncia a "persecución" policial que sofre na Coruña

Protesta contra o Parque Ofimático da Coruña © Stop Desafiuzamentos Coruña

Desde hai xa varias semanas, activistas de Stop Desahucios Coruña protestan cada venres contra o proxecto do Parque Ofimático da cidade, unha iniciativa que, segundo denuncian, ameaza con botar da cassa 17 familias que quedarán sen fogar para ceder os seus terreos á construción duns edificios que albergarán 2.400 pisos. As ordes xudiciais van chegando ás casas dos afectados da zona de Elviña, moitos deles anciáns, que levan días manifestándose. Con eles, cidadáns que xa pelexaron contra o desaloxo de Aurelia Rey e que agora denuncian a "persecución" á que están sendo sometidos por parte das forzas de seguridade.

Varios dos activistas de Stop Desahucios foron identificados, sancionados ou ameazados con expedientes tras a marcha contra o Parque Ofimático

Moitos deles, de feito, comezan a recibir as sancións que tamén lle serán enviadas ao portavoz nacional do BNG, Francisco Jorquera, e os concelleiros de Bloque e EU na Coruña, Xosé Manuel Carril e César Santiso, que se enteraron pola prensa do expediente aberto contra eles. O último episodio que denuncian aconteceu este venres 7. Segundo a plataforma Stop Desafiuzamentos, varios dos activistas que se manifestaban contra o proxecto do Parque Ofimático foron ameazados con sancións por parte da Policía Local por "ralentizar o tráfico" na zona da manifestación, malia que elixiran non facer o percorrido acordado para precisamente non provocar demasiados problemas na circulación.

Pouco despois, e sempre según fontes de Stop Desahucios, foron axentes da Policía Nacional os que cortaron o paso a dous activistas, solicitándolles a documentación e ameazándoos de novo con sancións por, segundo as forzas de seguridade, realizar gravacións durante a marcha de protesta e cuxas imaxes poderían ser utilizadas na súa contra. Ademais, outro cidadán foi tamén identificado e ameazado con expediente por "alentar ao desacato á autoridade".

Os afectados sitúan esta "persecución" no intento de "amedrentar" os movementos sociais

Así, Stop Desafiuzamentos, ao igual que fixeran xa varios concelleiros da oposición na Coruña, sitúan esta vaga de identificacións, sancións e ameazas nunha vaga de "amedrentamento" por parte dos poderes públicos para intentar deter as protestas que cada vez máis se multiplican na Coruña en contra do desaloxo de veciños ou contra unha criticada política de vivenda.

 

Protesta contra o Parque Ofimático da Coruña © Stop Desafiuzamentos Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.