Stop Desafiuzamentos maniféstase "contra a represión" e a lei mordaza

Concentración de Stop Desafiuzamentos na Coruña CC-BY StopDesafiuzamentosACoruña

Concentracións na Coruña e Lugo ante as subdelegacións do Goberno e en Vigo ante a sede do PP rexeitaron na mañá deste xoves a nova Lei de Seguridade Cidadá, denominada lei mordaza, así como a "represión contra os movementos sociais" que denuncian os colectivos Stop Desafiuzamentos e as PAH de Galicia, agrupados na coordinador galega.

Noutra acción conxunta en todo o país, logo da que levaran a cabo hai unhas semanas ante as delegacións de Vivenda na Xunta, ambos os dous colectivos quixeron protestar contra o que consideran un "ataque" aos dereitos civís, así como contra o recorte ás liberdades públicas que levan tempo denunciando. A aprobación en solitario por parte do PP da lei mordaza é tan só, segundo lembran, unha intensificación da "represión" que, segundo lembran, levan sufrindo moitos cidadáns por participar nos intentos de paralización de diversos desaloxos en Galicia, así como noutras mobilizacións. De feito, son moitas as sancións que desde as subdelegacións do Goberno teñen chegado a varios activistas.

    A convocatoria denuncia a lei mordaza e a "represión" que din sufrir os movementos sociais

"Múltannos a nós para asustarte a ti", foi un dos lemas que se puido ler nas mobilizacións, xunto a pancartas contra a represión ou símbolos de Stop Desafiuzamentos que acompañaron ás persoas que quixeron amosar o seu rexeitamento á nova lei mordaza e a todas as actuacións que consideran que tan só intentan calar a protesta social.

Precisamente, e tras as numerosas multas impostas a varios membros de Stop Desafiuzamentos na Coruña pola súa achega á hora de deter desaloxos, o colectivo superou xa os 5.000 euros a través da súa campaña popular para recoller fondos que axuden a sufragar estas sancións, tamén a do bombeiro Roberto Rivas, que se converteu en símbolo da resistencia contra os despexos.

A data de 14 de decembro, as achegas superaban xa os 5.100 euros, polo que só quedarían menos de 2.000 euros para acadar o obxectivo dos 7.000 euros que se marcara Stop Desafiuzamentos para axudar a pagar o importe que supoñen as multas impostos a todas aquelas persoas sancionadas por intentar deter o desaloxo da anciá Aurelia Rey. "Se entre todos acadamos a cantidade necesaria para pagar as multas deste caso, verán que non se pode vencer á veciñanza unida, consciente e combativa", din.

Concentración de Stop Desafiuzamentos na Coruña CC-BY StopDesafiuzamentosACoruña
Concentración de Stop Desafiuzamentos en Lugo Dominio Público @CIGLugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.