Sumar esforzos no ano das divisións

Milhulhoa é unha cooperativa de Palas de Rei dedicada ao cultivo de plantas medicinais © Milhulhoa

No 25 de xullo máis fragmentado dos últimos anos, un grupo de persoas quixo nadar contracorrente e sumar esforzos para construír algo novo. Na tarde do Día da Patria, persoas de diferentes colectivos xuntáronse no centro social A Gentalha do Pichel para esculcar as posibilidades de crear "unha cooperativa integral galega". Un modelo que xa existe noutras partes do Estado pero todavía sen explorar no país. 

As cooperativas integrais, que xa existen en lugares como Catalunya ou València, son estruturas que buscan aplicar os principios cooperativos a cada vez máis aspectos da vida cotiá

O Pichel quedou pequeno para toda a xente que se quixo achegar á reunión, conta Carlos Calvo, do portal de información Galiza Livre. "A participaçom foi muito mais alta da esperada e a assembleia decorreu num ambiente muito bom", recoñece este integrante do grupo promotor da xuntanza.  

A convocatoria da reunión partiu dun grupo de persoas vencelladas a diferentes movementos sociais. Medios como o propio Galiza Livre, editoriais como Estaleiro Editora, xentes do cooperativismo e o sindicalismo agrario e profesores universitarios como Xoán Doldán, da USC. Na mesma listaxe se atopa Carlos Taibo, profesor da Universidad Autónoma de Madrid e coñecida voz a prol do decrecemento económico

Nunha nota de prensa, este grupo promotor expresaba a súa vontade de "construír unha nova forma de vida baseada na axuda mútua e no respeito ao entorno" xa que "non se pode contar con que o Estado nin o Capital axuden nesta transformación social". Por isto "chegou a hora de apostar porque sexa o pobo, directamente e desde abaixo, quen tome nas súas mans o seu destino". 

Calvo considera que hoxe os movementos sociais galegos non se limitan a protestar, senón que xa están a construír as suas alternativas desde abaixo. Sinala que cada vez hai máis proxectos autoxestionados: no deporte coa Liga Nacional de Bilharda, medios como o propio Galiza Livre ou Novas da Galiza, modelos alternativos de educación como Semente ou Escola Popular Galega e mercados de produtos de proximidade.  

Para este activista, neste tipo de iniciativas reside o potencial de transformar a sociedade "en parámetros opostos aos do capital e do Estado Español". Outro dos convocantes, Marcos Abalde, de Estaleiro Editora, considera que sempre é enriquecedor promover lugares de encontro, reflexión e acción e cree na creatividade colectiva. Para Abalde a cooperativa integral non sería senón extender a outros ámbitos da vida os valores que practica este colectivo no mundo editorial. 

A xuntanza desta semana non buscaba chegar a ningún acordo, senón ser a primeira toma de contacto. Antes da reunión, Carlos Calvo aseguraba que "este primeiro encontro nom deve atender a agóbios de decir ou votar nada", e nela só se decidiu convocar unha nova xuntanza o 29 de setembro en Chantada para perfilar máis o proxecto a nivel ideolóxico e organizativo. 

"Todo o mundo tinha claro que a horizontalidade e o assembleiarismo eram imprescindíveis", asegura Carlos Calvo. Na xuntanza xurdiron outras propostas como "a criaçom de umha moeda social galega, projetos centrados na soberania alimentar, educaçom em galego, etc".

A iniciativa comezará a coller forma en outono, pero mentres, Calvo ten moi claro que o proceso debe ser "mui horizontal, dialogado e calmado".

Milhulhoa é unha cooperativa de Palas de Rei dedicada ao cultivo de plantas medicinais © Milhulhoa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.